Presentación do libro “Non apartes a mirada do espello”, de Ticiana Ghiglione Darriba, no Auditorio Municipal de Vilalba
O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o acto de presentación do libro “NON APARTES A MIRADA DO ESPELLO”, de TICIANA GHIGLIONE DARRIBA (artista multidisplinar, licenciada en Belas Artes).
O acto terá lugar o venres 12 de abril de 2024, ás 20:00 horas, no Vestíbulo de Auditorio Municipal de Vilalba. Será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, e contará tamén coa presenza de Pilar Maseda, poeta, e a intervención de Susana Pérez, da Escola Municipal de Teatro. ENTRADA LIBRE ATA COMPLETAR AFORO.
Información sobre o libro
No mes de marzo saíu á luz o libro de relatos de Ticiana Ghiglione Darriba «Non apartes a mirada do espello». Este libro é o resultado dun incesante traballo da autora, no que se reúnen contos que, como sinala súa recensión son «por momentos ásperos no sentido de impulsarnos a lembrar aspectos da condición humana que preferiríamos descoñecer (…) «historias inquietantes que nos levan a observar o noso interior na procura das sombras».
Este libro, ademais de relatos, vén acompañado por ilustracións, unha sorte de visión gráfica que fortalece o texto e agrega outra mirada, neste caso visual, a un texto que conmove dende as palabras e a gráfica.
Non apartes a mirada do espello é unha compilación de relatos bilingüe (galego e castelán) prologado por María Xosé Porteiro, quen afirma o seguinte: «unha sorte de montaña rusa que combina a ironía aguda –por veces cáustica, sen perdóns nin coartadas– coa vertixe do chan desaparecendo baixo os nosos pés ao tempo que unhas cóxegas infernais electrizan a nosa espiña dorsal».
O libro foi presentado en Pontevedra, en Ribadeo, en A Coruña, en Sarria e o 11 de abril será presentado en Lugo, ás 20.30h, en O Vello Cárcere, coa presenza de Carmen Conde, que realizará xunto coa autora unha performance interactuando co público presente. E o 12 de abril ás 20:30h no Auditorio de Vilalba será presentado por Marisa Barreiro (Presidenta do IESCHA) e Pilar Maseda (poeta). Tamén acompañará para a realización dunha performance, Susana Pérez da Escola Municipal de Teatro. Seguirán moitas presentación ao longo do país.
Ticiana Ghiglione Darriba, artista multidisplinar, licenciada en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo, naceu en Bos Aires en 1982 e vive en Galicia dende 1992. Como artista realizou múltiples mostras de pintura, individuais e colectivas. Ademais traballou no eido audiovisual, comisariou exposicións e levou adiante a xestión de moitos proxectos de índole cultural. Acadou varios recoñecementos polo seu traballo como artista, escritora e realizadora de curtas audiovisuais. É a creadora do personaxe de viñetas chamado Dina Mita, presente en moitos medios de comunicación como Sermos Galiza, Diario de Pontevedra, Muller Art e Onda Cero. En 2018, publicou o libro Dinamitadas, el despertar de la ironía, unha compilación de viñetas de Dina Mita, que conta con dous prólogos: un de Xaquín Marín e outro de Xesús Alonso Montero.
Non apartes a mirada do espello é o segundo libro de Ticiana Ghiglione Darriba e o primeiro de relatos.