Andanzas do Suso de Lameliña. OS ESPÍRITOS DE MIRAMAR

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O ESPÍRITOS DE MIRAMAR

Ás veces, tendemos a non tomar en serio relatos de sucesos sobrenaturais; todo o contrario, reaccionamos con escepticismo ou mesmo con burla. Historias sobre aparicións de entes queridos ou coñecidos poden ser recibidas con risas ou incredulidade. Sen embargo, para aqueles que as contan, estes eventos poden ter un impacto profundo e persoal. En moitas ocasións, son algo máis máis ca simples contos; son expresións de medos, esperanzas e o desexo de conexión co máis alá.

Debo admitir que sempre me considerei parte do grupo de escépticos que dubidan destas historias. Non obstante, un suceso recente no Monestir de Miramar, situado na idílica Valldemossa ao pé da impresionante serra da Tramuntana, fixo que as miñas conviccións vacilasen.

O Monestir de Miramar, fundado en 1271 polo visionario Ramón Llul e co patrocinio do rei Jaime II, foi unha institución pioneira dedicada á difusión do coñecemento e á comprensión intercultural. Alí, un grupo de frailes franciscanos entregouse á aprendizaxe do árabe e á práctica da arte luliana, un método de pensamento deseñado para promover a conversión dos non cristiáns a través do diálogo racional e respectuoso. A pesar da súa nobre misión, a iniciativa non durou moito tempo e, co paso dos séculos, o monasterio caeu no esquecemento, quedando case en ruínas.Sería no ano 1872 cando o arquiduque Luis Salvador de Austria, un erudito apaixonado pola cultura e a historia das Illas Baleares, redescubriu e restaurou o mosteiro. Co seu refinado gusto da época, o archiduque transformou o lugar nun santuario de aprendizaxe e beleza, preservando así unha peza clave do patrimonio cultural da rexión. Hoxe en día é unha especie de museo adicado a Llul e ao arquiduque. 

Como xa ben dixen, a visita a este recinto fixo que a miña incredulidade sobre sucesos sobrenaturais se tambaleara. Ao entrar na estancia que alberga o mausoleo de Vratislau Viborny ˗unha escultura en mármol, obra de Antonio Tantardini, adicada por Luis Salvador ao seu primeiro secretario, suposto amante, a guía, unha agradable moza navarra, pechou a porta con discreción, un xesto pouco habitual xa que normalmente permanecen abertas. Tras finalizar a súa exposición, volveu abrila e revelounos o motivo do seu cerre. Contounos que unha mañá, mentres estaba totalmente concentrada relatando  as aventuras amorosas do arquiduque (un home, en palabras da guía, a quen lle gustaba tanto o pescado como a carne),  sentiu unha presenza detrás dela. Ao xirarse, viu como dúas sombras misteriosas se lle achegaban. Por un intre ficou en silencio, sen saber o que facer, ante o estupor dos visitantes, que temían por ela, crendo que lle ía dar un ataque. Recuperando a compostura, e sen máis explicacións, guiounos á seguinte sala. Segundo ela, está convencida que eran os espiritos de Vratislau e de Luis Salvador. 

Continuamos a visita con total normalidade, mergullándonos na tranquilidade e beleza do lugar. O último punto do noso percorrido era a aula onde Ramón Llul impartía clases de árabe e desvelaba a súa teoría sobre a existencia de Dios. Era un espazo cargado de sabedoría e misticismo, onde o pasado parecía palpitar entre as paredes de pedra. Agardei a que marcharan todos, para mellor poder sacar unhas fotos. De súpeto, un estrondo sacudiu o silencio, un forte e seco golpe que fixo que me sobresaltara. Era a Tramuntana, ese vento mítico que sopla con forza por estas terras, que pechara con ímpetu a vella xanela. Fiquei tranquilo, pero cando me dispuña a saír sentín como unha forte presión no ombreiro. Lembreime do que nos viña de contar a guía, asustado, din a volta e alí por uns segundos crin ver a silueta de Ramón Llul, aínda que só fose unha ilusión creada pola luz e as sombras. Botei os pés fóra da sala e do mosteiro. A tramuntana soplaba con forza e semellaba burlarse dos meus medos. Non quitaba da cabeza o que me viña de pasar e sentíame identificado co que lle sucedera á moza navarra. Estiven a piques de comentarlle o suceso, pero decidín pechar a boca. Agora estou convencido que os espiritos de Ramón Llul e Luis Salvador de Austria permanecen entre as paredes deste lugar de sosego e paz. Deixei atrás o mosteiro e tras botar unha última ollada ás tranquilas e fermosas augas do Mediterráneo, que desde alí se divisan, dirixinme ao autobús, mentres ía lembrando o que nos dixera a guía que contaba o arquiduque na súa grande obra Die Balearen: “Ningún outro lugar da terra pode levar con máis propiedade o nome de Miramar”.

Raquel Queizás presenta o seu espectáculo TRAVESÍAS na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 13, ás 17 hrs, RAQUEL QUEIZÁS trae á Casa-Museo Manuel María Travesías, un espectáculo de contos con obxectos e monicreques dirixido para as crianzas, a partir de catro anos, e as súas familias.

Raquel Queizás proporá ao público asistente unha viaxe de aventuras en que se coñecerán mulleres e nenas bravas que loitaron contra os prexuízos para conseguir os seus soños. 

Raquel Queizás é actriz, titiriteira e sobre todo contadora. Con máis de vinte anos no mundo da narración oral o seu repertorio inclúe contos tradicionais, lendas de cada recanto, adaptacións de contos de autor e historias propias. Nos seus espectáculos o público é un elemento fundamental, facendo parte das súas historias.

As persoas interesadas en asistiren, poden reservar (billete 2 euros) no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través de whatsapp 698177621

Guadi Galego pecha o sábado 13 en Pontevedra a tríade de concertos de presentación de ‘Síntese Horizonte’

Síntese Horizonte é unha proposta expresamente concibida para teatros na que a creadora presenta, por primeira vez en Galicia, o seu álbum Roibén, ademais de revisitar temas de anteriores traballos discográficos



Guadi Galego vistará este sábado 13 de abril Pontevedra para por o punto e final á xira de presentación do seu novo directo, Síntese Horizonte. A cita será no Teatro Principal, a partir das 20.00 horas, no marco do ciclo Resoan do Concello de Pontevedra, e para dita ocasión non quedan entradas dispoñibles. 

Logo de actuar o pasado mes de xaneiro no Teatro Principal de Compostela e no Teatro Jofre de Ferrol, a cantante e compositora pechará esta fin de semana na localidade pontevedresa a tríade de concertos de presentación en Galicia do seu último LP, Roibén, nunha noite na que tamén soarán cancións de anteriores discos ou mesmo o seu sinxelo O.D.A. Guadi Galego subirase este sábado se de novo ás táboas para sorprender ao público cunha proposta exclusiva que pretende ofrecer unha experiencia musical única e transformadora.

Sobre o escenario, Guadi Galego acompañarase dunha banda conformada por grandes artistas do país. É o caso de Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados). Completan a formación, como vocalistas e pezas chave do directo, Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Jiménez. Ademais, a nova produción de Guadi Galego en colaboración con Culturactiva destaca tanto pola súa coidada iluminación (baixo a dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira -Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento), froito do traballo en común que as artistas desenvolveron coa creadora de Cedeira. 

GUADI GALEGO

 É unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fíado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s. No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón. Logo chegarían os exitosos Lúas de Outubro e Agosto (con éxitos indiscutibles como Chea de vida ou Matriarcas), O mundo está parado, Inmersión, Costuras ou o máis recente Roibén (2022), LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular. 

Logo dunha simbólica ausencia nos escenarios do país, Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela. Se no mes de setembro lanzaba o sinxelo O.D.A, toda unha declaración de intencións sobre a madurez e aceptación da vida, e na que reivindica o dereito a seguir experimentando, no 2024 presenta Síntese Horizonte, unha aposta da propia Guadi pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender do establecido.

CONVOCATORIA MEDIOS GRÁFICOS

Data: sábado 13 de abril de 2024
Hora: 20.00 horas
Lugar: Teatro Principal de Pontevedra
Acto: Concerto Síntese Horizonte, de Guadi Galego, no marco do ciclo Resoan.

20240410-NP-Guadi-Galego-Pontevedra-13-de-abril

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: ASUBIANDO

O verso e o amor, na súa expresión torpe, insuficientes. Se cabe pola súa limitación, sexa en modo, tempo ou dimensión. O verso e o amor, con potencial infindo pero acotío debuxados con trazo dubidoso, en esbozo inútil, en expresión indecisa. Temerosos ambos, reducidos a un tecido infame de situacións que os devoran. O verso, teimudo pero exiguo. O amor, persistente pero silenciado. Os dous da man, asubiando na primavera, como asubían as flores da cerdeira neste oído meu desencantado pero insurrecto.