Presentación do libro DE ENTRE AS TEBRAS, de Álex Pernas, na Casa da Cultura de Vilalba

O venres 3 de maio ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos organiza a presentación do libro De entre as tebras, do coruñés Alex Pernas, un libro de relatos no que, camiñando da man dos seres e lugares da mitoloxía galega, amosa o máis escuro da condición humana nuns textos nos que nada é o que semella. Intervirán o propio autor, Alex Pernas, e Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA. 

NOTA-INFORMATIVA-DE-ENTRE-AS-TEBRAS

Fillas de Cassandra e Rebeliom do Inframundo crean unha sobrecolledora oda á superación en ‘Contra vento e marea’

O tema preséntase acompañado dun videoclip gravado no litoral da ría de Vigo, que amplifica aínda máis a profunda carga emotiva, e ao tempo combativa, da canción

Rebeliom do Inframundo e Fillas de Cassandra veñen de asinar a súa primeira colaboración, Contra vento e mareaO tema, que xa está dispoñible nas plataformas dixitais, preséntase como un arrebatador, cómplice e fascinante xogo de contrastes entre dúas formacións esenciais na actual escena da música galega. O sinxelo demostra que a confluencia entre as dúas bandas que agromaron en Vigo é natural, enriquecedora e proveitosa para a música do país.

Contra vento e marea, explica Nervo, é “unha oda á superación, a remar contracorrente, a manterse a flote, a sobrevivir no medio desta puta loucura”. É un canto a non deixarse levar pola ira, mesmo sendo conscientes que hai razóns dabondo para que a ira aflore. “É unha canción chea de orgullo, forza e valor, evocadora de todo tipo de sentimentos precisos para vencer á frustración», expón. Ao fío, María SOA e Sara Faro salientan “a forza e a colectividade” que se desprende da peza. “Como di o tema, somos rochas contra as que bate o mar. Contra todos os contratempos que poidan vir, ímonos manter firmes e mirar cara adiante”, apuntan. 

Nesta primeira colaboración, Rebeliom achégase a un rexistro poético conmovedor e descarnado, cunha colosal carga emotiva, mais sen deixar, en ningún momento, a súa esencia combativa. “Som o som das ondas à beira do mare, o latejo, a espuma branca, o nosso lare, a costa e dureza. Puto, nom todo vale. Ilhas Atlânticas freando tempestade”, rapea Nervo sobre os beats de 2Pasøs e Frank Huxley. Pola súa banda, Fillas de Cassandra expoñen, dun xeito vehemente e apaixonado, a fortaleza que reside nelas. “Nas augas do inframundo fazemos o nosso mare”, cantan María SOA e Sara Faro nos primeiros compases do tema.


CREACIÓN COLECTIVA

A idea da colaboración entre Rebeliom do Inframundo e Fillas de Cassandra xurdiu hai un ano, nun encontro entre uns e outras. “Foi a primeira colaboración que nos ofreceron e, desde o inicio, cadramos xenial, xa que ambas formacións sentimos admiración pola outra”, contan María e Sara. 

A construción foi colectiva. “Nós tiñamos unha melodía gardada con cariño e soubemos que ese era o momento de compartila. Esa melodía foi inspiradora para todas, comezamos a construír o tema todas á vez”, explican Fillas de Cassandra. 

“As Fillas tiñan a súa parte, eu compuxen a letra que canto e Malvares o poema que soa ao remate. A partir de aí foi chegar ao estudio e xurdiu todo dun xeito supernatural. Fixémolo xa todo. A seguinte vez que nos xuntamos foi para gravar o videoclip”, lembra Nervo.

O resultado, Contra vento e marea, é pura harmonía e fusiona, dalgún xeito, dúas propostas que, lonxe de manifestarse antagónicas, se amosan en feliz comunión. Rebeliom e Fillas non suman, multiplican. Multiplicánse as emocións, o caracter evocador. Multiplican a súa potencia pero tamén a súa sensibilidade. Son as filhas do sol e os piratas con ron dos que fala a letra da canción. Vento em popa a toda vela e com decisom.


EMOCIONANTE VIDEOCLIP 

A canción chega acompañada dun emotivo e sobrecolledor videoclip realizado por IzanMG,  gravado no litoral de Vigo, e que se pode ver na canle de Youtube de Rebeliom do Inframundo. A peza audiovisual, na que participan as dúas bandas, relata a historia dunha traxedia no mar mesturada coa idea de superación fronte as adversidades e de situar o amor, a amizade e a solidariedade por enriba de calquera outro valor. 


FILLAS DE CASSANDRA XIRA COAS ÚLTIMAS DIONISÍACAS

María SOA e Sara Faro seguen a sumar novas datas na súa xira Últimas Dionisíacas, na que revisan os temas do seu primeiro álbum, Acrópole, desde un punto máis escuro e electrónico, así como novas creacións ou mesmo algúns dos sinxelos que foron publicando nos últimos meses. É o caso de pezas como Tola, Tataravoa, Quen é a que canta? ou ANGULEELE). Nos últimos días, eventos como Festivala, Poborina Folk,  Tradicionarius ou 13Roeis anunciaron a presenza do dúo nas súas novas edicións. 

Estas son as vindeiras datas da xira Últimas Dionisíacas de Fillas de Cassandra.

  • 5 de maio. Barcelona. Tradicionarius.
  • 11 de maio. Ponferrada. Sala H
  • 24 de maio. Ourense. OurenSound Fest. 
  • 25 de maio. Muras. VIII Romaxe artesá da Chaira.
  • 1 de xuño. Madrid. Sala El Sol. 
  • 8 de xuño. Vilagarcía de Arousa. Festivala. 
  • 21 de xuño. Teruel. Poborina Folk.
  • 22 de xuño. Oviedo. VESU Festival.
  • 6 de xullo. Santiago de Compostela. Gozo Fest. 
  • 11 ao 14 de xullo. Ortigueira. Festival de Ortigueira.
  • 25 ao 27 de xullo. Vilanova i la Geltrú. El Tingladu.
  • 2 de agosto. Bueu. SonRías Baixas.
  • 23 ao 24 de agosto. Boimorto. Festival de la Luz.
  • 30 de agosto. Pantón. 13 Roeis Fest.
  • 12 ao 14 de setembro. Vilaxoán. Festival Revenidas. 

20240425-NP-Contra-vento-e-marea