Presentación do libro “Natureza, camiños, emocións”, de Xosé Manuel Lobato, na igrexa de San Xoán de Antas de Ulla

O sábado 6 de abril ás 18 h. presentarase na Igrexa románica de San Xoán de Antas de Ulla o libro de Xosé Manuel Lobato, Natureza, camiños, emocións.
Intervirán na presentación Pilar García Porto, alcaldesa de Antas de Ulla; o autor do libro; o escritor e tradutor Francisco Xavier Senín, e, representando ao IEU, Xaime Rodríguez Ouro.
No acto, o escritor e poeta boqueixonés Xosé Manuel Lobato leranos o seu relato sobre as torrentes de Mácara, un dos enclaves máis fermosos do Alto Ulla que precisa dunha estrita protección.

ANTÍA MUÍÑO en concerto este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este próximo sábado, 6 de abril, teremos oportunidade de escoitar  na Casa-Museo Manuel María unha desas novas voces da música galega, Antía Muíño, que dará un concerto en solitario ás 20 horas.

O seu rexistro móvese entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional e o seu talento levouna a colaborar con artistas como Xabier Díaz, Baiuca… Este ano publicou o novo sinxelo “O Paxaro” e xa está a traballar en novos temas, que acompañarán nos directos ao seu aplaudido “Carta Aberta”, o seu álbum debut que ten case 2 millóns de reproducións.

Antía Muíño acompañará a súa voz coa súa guitarra clásica e coa pandeireta, intercalando a intimidade e o virtuosismo das súas autorías coa potencia da percusión e o canto tradicional.

Para asistir ao concerto (billete 5 euros) é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Deixámosvos a seguinte ligazón para poder ouvir unha peza da súa autoría sobre o poema de Manuel María “Terra”, pertencente ao libro Mar Maior (1963):

Representación teatral da obra A LIORTA, a cargo do grupo Avelaíña Teatro, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza a representación teatral A LIORTA a cargo do grupo AVELAÍÑA TEATRO, dirixido por ANTONIO SIMÓN.

O acto terá lugar o sábado 6 de abril de 2024, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba.

A ENTRADA SERÁ DE BALDE, PERO HABERÁ QUE REALIZAR A CORRESPONDENTE RESERVA BEN NA PÁXINA WEB DO CONCELLO, BEN NA CASA DA CULTURA OU O MESMO DÍA NO AUDITORIO.

NOTA-INFORMATIVA-A-LIORTA

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: EXPECTATIVA

En nós habita e non fóra, a substancia que nutre a decepción. Nun proceso de espera e esixencia que non sempre é xusto con quen non dá. Porque non pode dar, porque non o ten, porque non sabe, porque non quere, porque non debe, porque non o ten que dar… Coas mans nosas embrollada, a aramada egocéntrica. Por nós alimentada, por nós conformada. Desprezando acotío as loitas alleas. As loitas cotiás de cadaquén. As descoñecidas batallas que cada un emprende alén da nosa vulgar expectativa.

Presentación da obra O LIBRO NEGRO DA LINGUA GALEGA, de Carlos Callón, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, continuando coa súa programación, organiza a acto de presentación de O LIBRO NEGRO DA LINGUA GALEGA”, de CARLOS CALLÓN (Doutor en Estudos Linguísticos e Literarios do Galego e do Portugués). 

O acto terá lugar o xoves 4 de abril de 2024, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, e será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha. (ENTRADA LIBRE ATA COMPLETAR AFORO)

NOTA-INFORMATIVA-libro-CARLOS-CALLON

Andanzas do Suso de Lameliña. ORIXINAL BIBLIOTECA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

ORIXINAL BIBLIOTECA

“A cultura, unha riqueza inestimable, ten que ser accesible para todos. Os libros, portadores de coñecementos e sabedoría, non deben ser tratados do mesmo xeito ca simples mercadorías, igual ca produtos cotiás, coma tomates ou parafusos, por exemplo. O seu valor vai máis aló do prezo de mercado.” 

Así opina Adelaida Rancaño, quen firme nas súas conviccións, poderíamos dicir, libertarias, só en circunstancias extremas decide mercar un libro; o seu xeito preferido de obtelos é furtándoos, “cambialos de lugar”, como ela afirma para poñelos á disposición de todo aquel que o desexe. Tanto en librarías como en presentacións( mesmo de amigas ou amigos),  procura a maneira de facerse coa obra que lle interesa. Non deixa de ser unha forma peculiar de resistir ao sistema capitalista, como sostén con firmeza.

A biblioteca de Adelaida Rancaño é unha colección única e orixinal, que contén aproximadamente seis mil exemplares. Estes libros están organizados en tres curiosas seccións : A, B e C.

Na sección A, a máis pequena, atópanse os libros adquiridos de maneira legal. A sección B alberga os libros sustraídos en librarías, cada un deles marcado coa data de adquisición e o nome da libraría correspondente. Esta sección é unha especie de mapa literario, con nomes de librarías que van desde Cornellá ata Berlín, pasando por case todas as de Galicia.Finalmente, na sección C, atópanse os libros sustraídos en presentacións. Cada un destes exemplares está marcado coa data e o sitio do tivo lugar oacto. 

Esta organización meticulosa reflicte o compromiso de Adelaida coa súa forma única de interactuar co mundo dos libros. Algo, que dada a súa xenerosidade, comparte con todo aquel que queira mergullarse no pracer da lectura. Un santuario de coñecementos aberto a todos, sempre e cando non saia o libro da sala onde se atopa, garantizando así a dispoñibilidade dos mesmos para futuros lectores.

Un xeito magnánimo  de democratizar o acceso á cultura, por parte da altruísta e ilustre  profesora Adelaida Rancaño.