Andanzas do Suso de Lameliña. FALCATRUADA AFECTUOSA
FALCATRUADA AFECTUOSA
Ás veces, é necesario e mesmo saudable romper coas normas. Iso foi o que fixen hoxe á tarde, cando, en compañía do meu amo, decidín gastarlle unha pequena faena. Non podedes imaxinar canto me rin. Fíxeno sufrir abondo, e ao final, ata sentín un pouco de pena por el, meu pobre! Sei que no fondo me ten aprecio e me quere ben, e despois do de hoxe, máis me vai estimar, abofé. Quedou de pedra, sen dar creto ao que lle viña de suceder e, cando xa se daba por vencido, determinei botarlle unha man.
Debedes estar preguntándovos que foi o que realmente aconteceu. Pois ben, é moi sinxelo: aproveitando unha ráfaga de vento —que esta tarde se facía sentir con forza na cidade das murallas—, escapei sen deixar rastro e agacheime baixo un Opel Corsa, xusto ao lado da roda traseira dereita, ben agochadiño. E el, a buscar e rebuscar por todos os recunchos sen atopar nada, mirando debaixo dos coches sen máis éxito. O seu querido panamá non aparecía por ningures. “Non hai nada que facer, só Deus sabe onde pode estar”, murmuraba entre dentes. Xa estaba a piques de renunciar á busca cando asomei un chisco e, nese intre… Viume e correu cara a min. O berro que soltou debeuse escoitar na outra punta da cidade. A xente que pasaba por alí, unha rúa bastante transitada, quedou mirando para el como se fose un tolo. Pero o home estaba feliz, colleume con máis agarimo do habitual, deume un bico e colocoume coidadosamente enriba da cabeza, asegurándose de que non se me ocorrese volver facer outra das miñas aduanadas.