HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: REVOLUCIÓN

Temos aínda no fondo do peto un grans de esperanza que rebolen contra todo. Semente insubmisa que latexa como mirada que porfía en abrir cancelas, en acariñar boqueiras.

Na terra, nós. Que proclamamos a valía da tristeza, como ingrediente imprescindible. Que acollemos as achegas da nostalxia. Que lucimos a lama propia nos dentes, que defendemos os sucos que nos habitan e que saltamos os valados entre a desidia e a devastación de tempos escuros que non, que aínda non son quen de derrotar a nosa revolución de margaridas.

Edición antologada de “HENKO. Nas celúlas do efémero”, de Miguel Díaz, para celebrar o Día do Libro 2023

Culturalia GZ celebra o Día do Libro 2023 coa publicación dixital da obra HENKO. Nas células do efémero, de Miguel Díaz. Nesta edición antologada aparecen recollidas vintetres propostas de literatura visual e textual, selccionadas dentro do espazo homónimo HENKO, que este autor mantén na web cultural arriba citada, e nas que destaca esa maridaxe de palabra e imaxe que ofrece a súa particular mirada.

Enlace á obra HENKO. Nas células do efémero

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: O FÍO

Miguel Díaz, O FÍO

O fío, que pode sempre romper. Flutuando nos territorios do medo, gaiola infame, anuladora.

E, entre o medo, o lugar desde o que miro e o lugar desde o que son mirado. Ambos construíndo (me). Conformándome no territorio das ilusións fracturadas. No que son non sendo.

As ruínas nas que me recoñezo. E nas que vexo aínda un fogar. Un fogar que me habita.

O fío, que pode sempre coser.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: DE AUGA

Miguel Díaz, DE AUGA

Ás veces necesito que se deteña, no disparo ou na mirada. Nunha pausa sólida, a pesar da fugacidade de todo momento. O silencio calmo que me fala. E falarme. Falarme en ti e que ti te fales en min. Que nos ispamos no calado ou na palabra, cos pés metidos na auga fresca e a fervenza vestíndonos co seu sorriso de orballo.
Ás veces vénme ben que te achegues e que me axudes a desprenderme da coiraza. E entregar as miñas armas á túa boca e que as cuspas na corrente. E que me entregues as túas feridas para percorrelas cos dedos do amor de auga que che debo.