HENKO

Miguel Díaz

Título: TOXO

Algunhas marionetas, pobre delas, crense con vida propia, inconscientes da súa insignificancia.

Existen individuos que comparten esa característica, son como bonecos desleigados amosando toda a súa estupidez mentres ondean oufanos un trapo alleo e imposto, válido unicamente para esparexer odio e necidade -en perigosa mestura-.

Son os idiotas desenraizados, alimentando a deturpación da palabra, que se cren moderados pero só saben bourear, que cren razoar pero só esbardallan. Expertos en ditar sentencia, ceiban a súa mediocridade nun espectáculo lamentable de incultura continuamente exhibida. Ancorados nun ruín desprezo polos que si entendemos outra forma de construír país, de sentirnos pobo.

Ante os domados e submisos, ante a súa repugnante negación, sostense o noso puño ergueito, leal, honesto. Ante a súa traizón, a nosa teima na boca que non cala, na saliva íntima dunha verdade fonda, de noso, que aínda soña con florear, como hoxe florea o toxo entre o desapego á terra dos imbéciles e escuros.