HENKO

Miguel Díaz

Título: ESPIÑA

Miguel Díaz, ESPIÑA

Sometidos non, de ningún xeito derrotados. Convencidos somos pola acollida do silencio. Negándose á capitulación, a fortaleza da escrita. O abrigo neste reduto de resistencia. Sermos aínda, no escenario ignorado polas olladas violentas. A carón do lume que non ameazan as présas. Nesta minoría necesaria, neste recanto apartado da rabia, que anhela terreos que lle acoutamos. Vixentes aquí, na raxeira do sorriso cómplice, que nos sostén ante a barbarie.

Por conseguinte, que hoxe teime o latexo en non someterse, en porfiar na utopía. Que insista a vida en contarse e descontarse, en diluírse plena, enfrontando días murchos, miradas exánimes. Rexeitando desde o alto os monstros que aganchan ávidos polos muros. Conspirando, malia todo, dan man da beleza, que traza en nós o esbozo dunha caricia salvadora. Dun aloumiño que agarda, se cadra na propia espiña.