Mondra lanza ARDĒN, o seu álbum debut, este 20 de setembro

O primeiro traballo discográfico do cantareiro e bailador, producido por Berto e editado por Altafonte, publicarase este mércores nas principais plataformas dixitais e tamén estará dispoñible en tendas físicas en formato CD de edición limitada e única 

A posta de largo do LP ARDĒN será o 29 de setembro en Santiago de Compostela e as últimas entradas para o directo están dispoñibles a través de www.salacapitol.com

Mondra, unha das voces máis singulares e prometedoras da nova escena musical galega, publica mañá, 20 de setembro, o seu primeiro LP: ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023). Producido por Berto e editado por Altafonte, o traballo estará dispoñible nas principais plataformas dixitais e en formato CD de edición limitada e única. 

Cantareiro, bailador, instrumentista e compositor, Mondra é o cocreador, xunto con Berto, dalgúns dos temas máis coreados e escoitados este verán en Galicia, como é o caso de PUNHETA!, no que tamén participa Fillas de Cassandra, RUMBAMBĀ ou o máis recente RUANDO, o novo sinxelo do artista xunto a Aida, de Tanxugueiras, que viu a luz o pasado 1 de setembro. Todos estes temas formarán parte de ARDĒN, o álbum debut de Mondra, unha proposta ambiciosa, luminosa e reflexiva ao tempo; que salienta pola súa marcada identidade así como pola rebordante dimensión electrónica dun proxecto que dialoga coa música tradicional galega.

ARDĒé unha celebración, un apoderamento da liberdade, un traballo conceptual no que Mondra introduce ás ouvintes nunha terra que saúda a liberdade, os afectos e o amor. O cantareiro exprésao así no Manifesto ARDENTE que acompaña a publicación do LP:

En ARDĒN hōnranoso resistir na terra.Hōnranoso orgullo de ser e a valentía de estar ARDENTES. Porque, por enriba de quen non nos quere libres, a FOLĪA segue a ser o noso espazo libertario.

Fomos sepultadas, para furar dende o chan. Para, despois de todo, volver facer da FOLĪA un espazo onde troupelear. Onde rir as penas e chorar as alegrīas. Porque hai en ARDĒN unha rosa seca e espiñada que, na FOLĪA, reverdece.

Resoe o berro ardente tanto, tanto como as chocas na Picota. Reluza tanto coma o satēn de Carmela.

Estes cantares van por ti, ARDENTE. Porque ARDĒN é un apoderamento da nosa liberdade.

ARDENTES, a ruare!

O REPERTORIO DE ARDĒN 

O disco debut de Mondra estará composto por dez temas, nos que destacan as colaboracións de Fillas de Cassandra, Aida e Brassica Rapa, ademais da producción de Berto.

ARDĒN

TRōUPELE

Sepultura (TICOTĪ)

PUNHETA! (con Fillas de Cassandra)

SACOdePULGAS

Berce

RUANDO (con Aida)

beijos de LK

RUMBAMBĀ

CARMELA (con Brassica Rapa)

DISCO EN DIXITAL E NAS TENDAS FÍSICAS

Ademais de poder conseguir o LP nas plataformas dixitais, ARDĒN poderá degustarse tamén en formato físico. Cada copia será única e irrepetible. A deseñadora Zeltia Iglesias, xunto a Mondra, interviu persoalmente cada unha das portadas dos discos. As copias físicas poderanse adquirir nos directos e nas tendas físicas, onde o público pode facer xa a pre-reserva do seu disco en espazos seleccionados como FnacEl Corte Inglés e Amazon.

A CAPITOL ACOLLE O CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ARDĒN O 29 DE SETEMBRO

ARDĒNé unha celebración, un apoderamento da liberdade. Este espazo libertario de Mondra alcanza a súa máxima expresión na FOLĪA das ARDENTES, o vibrante directo do artista que chegará o venres 29 de setembro á Sala Capitol na que será a primera -e singular- presentación pública de ARDĒN. Será unha noite na que Mondra despregará unha proposta contundente, dinámica e liberadora. “Preparamos unha actuación única, con máis forza que nunca”, avanza o artista. As últimas entradas para a cita están dispoñibles na web oficial www.salacapitol.com.


MONDRA
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. Este outono presenta ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico. Producido por Berto, ARDĒN é unha experiencia musical, visual e performativa que dialoga coa música tradicional galega. Unha proposta electrónica, luminosa e reflexiva, que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa ateigada de liberdade, afectos e apoderamento. Os primeiros cortes que xa se coñecen de ARDĒN son SACOdePULGAS, Beijos de LK, PUNHETA! (con Fillas de Cassandra), RUMBAMBĀ e RUANDO (con Aida).

20230919-NP-Mondra-publica-ARDEN

Proxección da película LIVE IS LIFE no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección da película LIVE IS LIFE, de Dani de la Torre, continuando así coa programación do CICLO MESTRE MATEO que durante o ano 2023 bríndanos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais e longametraxes) dos XXI PREMIOS MESTRE MATEO. 

Esta cuarta proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o DOMINGO 24 DE SETEMBRO DE 2023, ás 20:00H. 

NOTA_INFORMATIVA_LIVE-IS-LIFE-copia

Clausura da sétima edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu a estrea mundial de Japan On Film, o novo espectáculo da icónica percusionista xaponesa Midori Takada. A artista, de 71 anos, é recoñecida mundialmente como pioneira da música ambient e minimalista. En Japan On Film, Midori Takada musica películas inéditas restauradas polo British Film Institute para a ocasión. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartin, e a concelleira de Capital Cultura, Míriam Louzao, asistiron ao concerto. 

Tamén as imaxes adxuntas recollen momentos dos concertos do WOS celebrados na noite do sábado, 16 de setembro, na nova sede deste ano do festival: a Fundación Laboral da la Construcción. WOS 2023 estreou este espazo no que dúas das súas naves se transformaron, desde as 22.00 e até as 06.00 horas, nunha pista de baile, con actuacións de artistas como Dj RUM, Kia, Black Rave Culture ou o santiagués JUAIT. 

WOS Festival expándese por oito escenarios da cidade no día grande do evento

WOS Festival expándese por oito escenarios da cidade no día grande do evento, que inclúe a estrea da nova sede na Fundación Laboral de la Construcción

DjRUM, Croatian Amor, Black Rave Culture ou Loraine James, entre otros nomes, actuarán na noite do sábado 16 nas naves do complexo arquitectónico

A programación arrancará ás 13.00 horas cun live de Marlene Ribeiro & Inês Malheiro no Parque de Bonaval, e coa conversa na sede Afundación entre o músico Aho Ssan e o comunicador Phil Bloomfield

A Igrexa da Universidade, Fundación Eugenio Granell e o Teatro Principal acollerán diferentes lives ao longo da tarde; mentres que o CGAC celebrará a segunda e derradeira xornada do parladoiro ‘O son electrónico de Galicia’

A sala de cinema NUMAX acollerá a estrea española do documental ‘Expedition Content’, un traballo predominantemente sonoro sobre a relación entre antropólogos estadounidenses e nativos de Hubula, en Papúa Nova Guinea



O WOS Festival x SON Estrella Galicia supera o ecuador da súa sétima edición chegando ao seu día grande: o evento expandirase este sábado 16 por toda a cidade de Santiago de Compostela, ofrecendo concertos e actividades, desde as 13.00 e até as 05.00 am, en oito localizacións diferentes. O Parque de Bonaval, a sede Afundación, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a sala de cinema NUMAX, a Igrexa da Universidade, a Fundación Eugenio Granell, o Teatro Principal e a Fundación Laboral de la Construcción celebrarán a vangarda e a experimentación por todo o alto. 

Un dos principais fitos desta edición é a estrea coma pista de baile de dúas das naves do complexo no que, hoxe en día, se atopa a Fundación Laboral de la Construcción. Situado na zona norte da cidade, o recinto combina espazos restaurados da antiga curtidoría de Pontepedriña d’Arriba, do século XVIII, con outros de nova construción nunha área de case 5.000 metros cadrados. A obra acadou, no 2018, o garladón á mellor rehabilitación nos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia. 

Nestas naves actuará un dos cabezas de cartel deste WOS: DjRUM, quen pechará a noite cunha sesión que comezará ás 03.30 horas. Antes, no complexo arquitectónico, o público poderá gozar dos directos de Heith ft. Declino, Bruce, Puce Mary, Croatian Amor, Loraine James (quen presentará Gentle Confrontation), JUAIT, objet blue & Natalia Podgorska (na estrea española de Pearl Forest); así como das sesións de Kia e Black Rave Culture. 

A terceira xornada do WOS arrancará ás 13:00 horas na sede Afundación coa conversa entre o músico Aho Ssan -quen actuará pola tarde no Teatro Principal- e o comunicador Phil Bloomfield, nun encontro no que abordarán o proceso creativo do artista. Á mesma hora, a actividade comezará no Parque de Bonaval, cun live de Marlene Ribeiro & Inês Malheiro. Pola tarde, no mesmo espazo, Lamin Fofana e Akazie ofrecerán sendas sesións ás 16:00 e ás 18:00 horas, respectivamente. 

Ás 16.00 horas, simultaneamente, terán lugar dúas actividades paralelas: a proxección de Expedition Content na sala de cinema NUMAX (na que será a súa estrea en España) e a segunda e derradeira mesa redonda arredor d’O son electrónico de Galicia, a proposta interxeracional na que colectivos, promotores e artistas comparten as súas visións e experiencias sobre a escena do país. Desta quenda, no CGAC, conversarán Must Be On Wax, Neo2000Klub, RetroFuture, Russ, Sisters of Rave, TR3MOR. Frankie Pizá e Víktor Flores serán os responsables de moderar o encontro. 

Esta intensa actividade desencadeará nunha chea de concertos e directos que comezarán ás 17:30horas e que, practicamente, non pararán até o amencer. Así, a Igrexa da Universidade acollerá o directo de Patricia Wolf, mentres que a Fundación Granell fará o propio con Loke Rahbek & Frederik Valentin (18:00 horas) e ABADIR (20:00 horas). Á vez, o Teatro Principal dará a coñecer a estrea mundial de Transmutation, o live AV de Alex Aller & Margarida Mariño e, por primeira vez en España, poderase ver Aho Ssan & Sevi Iko Dømochevski present Rhizomes. Chegada a noitiña, contra ás 22:00 horas, a música trasladarase á beira do Sarela, onde o público poderá gozar na vangarda nas naves da FLC. 

WOS Festival conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais do apoio doutras institucións como Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Concello de Santiago de Compostela, Deputación da Coruña e Fundación Japón.


PROGRAMA SÁBADO 16

Desde 13:00 horas | Parque de Bonaval 
13:00h – Marlene Ribeiro & Inês Malheiro (Live) *
16:00h – Lamin Fofana (Dj) *
18:00h – Akazie (Dj)

13:00 horas | Sede Afundación (entrada libre)
Conversación con Aho Saan.
Participan: Aho Ssan e Phil Bloomfield. 


16:00 horas | Auditorio do CGAC
 (entrada libre)
O son electrónico de Galicia: unha conversa interxeracional (parte 2).
Participan: Must Be On Wax, Neo2000Klub, RetroFuture, Russ, Sisters of Rave, TR3MOR. 
Moderan: Frankie Pizá e Víktor Flores.


16:00 horas | NUMAX

Expedition Content(2020)*, dirixida por Ernst Karel e Veronika Kusumaryati.


17:30 horas | Igrexa da Universidade 
Patricia Wolf (Live)

Desde 18:00 horas | Fundación Eugenio Granell 
18:00h – Loke Rahbek & Frederik Valentin (Live) *
20:00h –  ABADIR (Live)

Desde 18:00 horas | Teatro Principal 
18:00h – Alex Aller & Margarida Mariño present Trasmutation (Live AV) **
20:00h – Aho Ssan & Sevi Iko Dømochevski present Rhizomes (Live AV) *

18:15 horas | Sede Afundación (CONVOCATORIA PARA GRÁFICOS)
O conselleiro de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e polo director do festival, Iván Arias, percorren distintos espazos polos que transcorre a sétima edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia.

Desde 22:00 horas | Fundación Laboral de la Construcción (FLC) 
22:00h | Sala 2 – Heith ft. Declino (Live AV) *
22:30h | Sala 1 –  Bruce (Live) *
23:00h | Sala 2 –  Puce Mary (Live) *
23:30h | Sala 1 – Croatian Amor (Live)00:00h | Sala 2 –  Loraine James presents Gentle Confrontation (Live AV) *
00:30h | Sala 1 –  JUAIT (Live) *
01:00h | Sala 2 –  object blue & Natalia Podgorska present Pearl Forest (Live AV) *
01:30h | Sala 1 – Kia (Dj) *
02:00h | Sala 2 – Black Rave Culture (Dj) *
03:30h | Sala 1  DjRUM (Dj)

* Estrea en España ** Estrea mundial  

20230915_Axenda_WOS-Festival-x-SON-Estrella-Galicia

Santiago acolle este domingo 17 a primeira función do Camiño Escena Norte

Gorpuztu, da Compañía Eva Guerrero de Euskadi, será o espectáculo de danza contemporánea que inaugure o Itinerario Constelación; a cita será no Salón Teatro compostelán ás 20.30 horas e a entrada será libre

O proxecto de intercambio cultural, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, pasará por Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Melide, Mondoñedo, Portomarín, Ribadeo, Vimianzo e Viveiro antes de regresar, o 22 de outubro, a Compostela


Os vieiros polos que transitan as artes escénicas conflúen, de novo, en Santiago de Compostela. Un ano máis, a capital galega será o punto de partida e de chegada de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que se celebra, desde este domingo 17, e de xeito paralelo, en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. 

O proxecto cultural, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, inicia esta fin de semana a súa andaina cunha función inaugural que terá lugar, ás 20.30 horas, no Salón Teatro. A compañía vasca Eva Guerrero presentará Gorpuztu, un espectáculo de danza contemporánea con música ao vivo que fala sobre a procura do equilibrio. É unha loita por estar en calma, por silenciar o ruído, por alixeirar a carga e a culpa, por atopar un lugar onde o animal durma tranquilo. Este espectáculo nace dunha investigación sobre o uso do corpo en determinados momentos do rezo en diferentes relixións, pasando por conceptos como culpa, penitencia, transcendencia, amor ou submisión. A proposta, recomendada para público adulto, contará con entrada libre ata completar a capacidade do Salón Teatro. 

Logo do seu paso por Santiago de Compostela, Camiño Escena Norte visitará outras dez localidades galegas antes de pechar, o 22 de outubro, a súa programación oficial na Cidade da Cultura. Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Melide, Mondoñedo, Portomarín, Ribadeo, Vimianzo e Viveiro acollerán novas funcións, nas fins de semana de compañías procedentes de Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Á vez, as compañías galegas Caramuxo TeatroRebordelos e Xampatito Pato levarán as súas creacións a eses catro territorios que, con Galicia, conforman a rede do CEN. 

Camiño Escena Norte tamén pretende favorecer o encontro e a creación de públicos. Por iso, alén do circuíto de exhibición, nomeadoItinerario Constelacións, conta cunha serie de actividades paralelas que, baixo o nome Camiño Expandido, se dirixen a distintos perfís, tanto profesionais como afeccionados. É o caso dos proxectos Cruzamentos, Habitación Peregrina PRO (que se celebrará a semana que vén en Lugo),  ESADS en camiño; ou máis de 30 obradoiros, coloquios e encontros co público, entre outras propostas. Todas elas pódense coñecer no web www.escenanorte.com

Programación CEN Galicia 2023

17.09 | Santiago de Compostela (Salón Teatro, 20.30 horas): Gorpuztu, de Cía. Eva Guerrero (Euskadi).

Trailer Gorpuztu
https://www.dropbox.com/scl/fi/2b8e3usd0chef6tka3sks/Gorpuztu-de-Eva-Guerrero.mp4?rlkey=xvd65gzne3kc25hvt6i6dljll&dl=0 

Fotos en alta Gorzpuztu
https://www.dropbox.com/sh/ds1axe8bcby2xu8/AADz7_mzlliq5Ug6nwSi441wa?dl=0 

20230915-NP-Comeza-CEN-2023-en-Santiago