Gorpuztu, da Compañía Eva Guerrero de Euskadi, será o espectáculo de danza contemporánea que inaugure o Itinerario Constelación; a cita será no Salón Teatro compostelán ás 20.30 horas e a entrada será libre

O proxecto de intercambio cultural, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, pasará por Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Melide, Mondoñedo, Portomarín, Ribadeo, Vimianzo e Viveiro antes de regresar, o 22 de outubro, a Compostela


Os vieiros polos que transitan as artes escénicas conflúen, de novo, en Santiago de Compostela. Un ano máis, a capital galega será o punto de partida e de chegada de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que se celebra, desde este domingo 17, e de xeito paralelo, en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. 

O proxecto cultural, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, inicia esta fin de semana a súa andaina cunha función inaugural que terá lugar, ás 20.30 horas, no Salón Teatro. A compañía vasca Eva Guerrero presentará Gorpuztu, un espectáculo de danza contemporánea con música ao vivo que fala sobre a procura do equilibrio. É unha loita por estar en calma, por silenciar o ruído, por alixeirar a carga e a culpa, por atopar un lugar onde o animal durma tranquilo. Este espectáculo nace dunha investigación sobre o uso do corpo en determinados momentos do rezo en diferentes relixións, pasando por conceptos como culpa, penitencia, transcendencia, amor ou submisión. A proposta, recomendada para público adulto, contará con entrada libre ata completar a capacidade do Salón Teatro. 

Logo do seu paso por Santiago de Compostela, Camiño Escena Norte visitará outras dez localidades galegas antes de pechar, o 22 de outubro, a súa programación oficial na Cidade da Cultura. Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Melide, Mondoñedo, Portomarín, Ribadeo, Vimianzo e Viveiro acollerán novas funcións, nas fins de semana de compañías procedentes de Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Á vez, as compañías galegas Caramuxo TeatroRebordelos e Xampatito Pato levarán as súas creacións a eses catro territorios que, con Galicia, conforman a rede do CEN. 

Camiño Escena Norte tamén pretende favorecer o encontro e a creación de públicos. Por iso, alén do circuíto de exhibición, nomeadoItinerario Constelacións, conta cunha serie de actividades paralelas que, baixo o nome Camiño Expandido, se dirixen a distintos perfís, tanto profesionais como afeccionados. É o caso dos proxectos Cruzamentos, Habitación Peregrina PRO (que se celebrará a semana que vén en Lugo),  ESADS en camiño; ou máis de 30 obradoiros, coloquios e encontros co público, entre outras propostas. Todas elas pódense coñecer no web www.escenanorte.com

Programación CEN Galicia 2023

17.09 | Santiago de Compostela (Salón Teatro, 20.30 horas): Gorpuztu, de Cía. Eva Guerrero (Euskadi).

Trailer Gorpuztu
https://www.dropbox.com/scl/fi/2b8e3usd0chef6tka3sks/Gorpuztu-de-Eva-Guerrero.mp4?rlkey=xvd65gzne3kc25hvt6i6dljll&dl=0 

Fotos en alta Gorzpuztu
https://www.dropbox.com/sh/ds1axe8bcby2xu8/AADz7_mzlliq5Ug6nwSi441wa?dl=0 

20230915-NP-Comeza-CEN-2023-en-Santiago