por Emilia Martínez Fuentes | Jun 27, 2018 | Autores/as, Creación, Literaria, Xeral
Pérdome nas sombras… dunha noite
onde ata a lúa se agocha de mín…
Escoito ó lonxe o triste ouvear
dun lobo solitario que ó ceo berra…
Corren as nubes cada vez máis mouras,
preñadas de tronos que ameazan con rachar
a miña sombra…
E o triste ouvear… segue ó lonxe
coma unha letanía nada no silencio,
que vai envolvendo o meu medo…Lóstregos en darredor, lume celeste
que se acende no monte e disípase a escuridade
por cachos… de intre.
As sombras seguen a reinar cabo de mín.
Teño medo… da noite e dos seus meigallos.
Deste pesadelo que me pón bencellos
darredor das mans e amárranme forte…
Caio de xeonllos no fondo do valado,
nunha gábea tan fonda coma o meu soño…
Abro os ollos, por entre as nubes
deste ceo anubrado a lúa ábrese camiño
e óllame dende o seu trono, dame alento…
o ouvear xa se escoita máis lonxe… máis lonxe, lastimeiro, preto da nada…
A luz da lúa racha as tebras…
Os suores mollan o meu corpo espido,
na almofada descansa… o pesadelo.
A respiración vólvese calma…
e os lobos seguen a ouvear… ó lonxe.
por Emilia Martínez Fuentes | May 10, 2018 | Autores/as, Creación, Literaria, Xeral
TRÁNSITO
Caen as follas sen facer ruído,
caen… mansamente,
para deixar paso ás novas follas
que ocuparán o seu sitio…
Sucesión de días no almanaque,
horas vencidas…polo tempo,
segundos roubados á eternidade.
Caen as follas…
primavera durmida no berce do inverno,
días de choiva e neve,
e seguen a caer as follas…
como triste presaxio dun mañá… incerto,
como ese ouvear do vento
na fiestra
que me vén traer a cantiga
da desesperanza…
E seguen a caer as follas
no leito ermo… onde descansan
os meus pés descalzos.
Leito de herba que desperta coa calor
dos primeiros raios.
Nacen as follas…sucesivamente,
mentras seguen a caer unha tras de outra…
as mortas,
enchendo de nostálxia… os meus soños.
por Emilia Martínez Fuentes | Abr 7, 2018 | Autores/as, Creación, Literaria, Xeral
Os pés, espétanse na area quente
e enguedéllanse coas cunchas,
firen as carnes,
e aguzadas coma coitelos
crávanse sen dar tregua a miña dor.
Mais sigo camiñando
cara ó mar…
para lavar a miña tristura
nas súas augas frías.
As ondas veñen
lambendo a miña carne ferida,
O latexo das espullas… manca, doe,
o sal queima nas feridas
que as cunchas fixeron nos meus pés… descalzos.
E eu sigo,
sinto medrar a forza da marea
lambendo o meu corpo espido…
camiñando cara ó infindo,
deixando a vida detrás
na praia… contigo.
por Emilia Martínez Fuentes | Mar 4, 2018 | Autores/as, Creación, Literaria, Xeral
Quixera facerme lume,
e prender as brasas que están morrendo
no lar.
Descansan,
xa son cinsas,
non prenden… non.
Quixera ser folla seca
que viaxa nos eidos do vento,
arrastrada pola poalla morna
da tarde
percorrendo camiños e carreiros.
Mais quixera facer somentes…
unha milagre,
voltar á vida esas follas mortas,
tamén esas flores murchas.
E nas brasas da lareira
poder prender de novo o lume…
mais… son somentes,
¡ pobre teima !
Aprendíz de maga,
ou de meiga,
a facer encantamentos e sortilexios,
bebedizos de namorar,
e outros soños…
Quero deixar levar o meu corpo espido
polo vento que pasa… silandeiro
á carón das cortiñas,
e se faga brétema,
mollando á mañán cando clarexa,
de orballo as herbas, e as estrugas.
Serei entón, humidade e desleixamento
dun pranto que preñe a terra
na que respiro,
nunha terra fermosa… pola que vivo.
(Imaxe baixada da rede)
por Emilia Martínez Fuentes | Dic 14, 2017 | Autores/as, Creación, Literaria, Xeral
Fica na ventá
ollando para o lonxe,
xa se escoitan os carros,
co seu asubío cantan,
cargados de trigo e avea,
veñen de présa para a eira.
Ameaza a choiva
no abrente,
as leiras están segadas,
vacas e bois xa carretan
o pan que traen para as mallas.
Ela espida de presente,
na ventá, olla para o lonxe,
non se lembra que é tarde,
que iso aconteceu onte…
que xa non cantan os carros,
nin se escoita o asubío.
Nunha cadeira sentada
ela mira pro infindo,
xa non hai leiras segadas,
nin carros traen o trigo,
non ten pasado
nin presente,
o seu pensamento esquivo,
perdido, está no camiño.
nesta ventá, nesta xente,
ollando con ollos baleiros
mirando pro infindo.
para os campos e as leiras,
ainda que no seu maxín se escoiten
os berros dos segadores,
que no gume da fouciña
segan o pan con suores.
Unha bágoa escorre morna
por esta cariña enrugada,
quén sabe se en algún intre,
lembra cousas en concordancia,
porque outros moitos intres,
esquecemento… non falta.