Quixera facerme lume,
e prender as brasas que están morrendo
no lar.
Descansan,
xa son cinsas,
non prenden… non.
Quixera ser folla seca
que viaxa nos eidos do vento,
arrastrada pola poalla morna
da tarde
percorrendo camiños e carreiros.
Mais quixera facer somentes…
unha milagre,
voltar á vida esas follas mortas,
tamén esas flores murchas.
E nas brasas da lareira
poder prender de novo o lume…
mais… son somentes,
¡ pobre teima !
Aprendíz de maga,
ou de meiga,
a facer encantamentos e sortilexios,
bebedizos de namorar,
e outros soños…
Quero deixar levar o meu corpo espido
polo vento que pasa… silandeiro
á carón das cortiñas,
e se faga brétema,
mollando á mañán cando clarexa,
de orballo as herbas, e as estrugas.
Serei entón, humidade e desleixamento
dun pranto que preñe a terra
na que respiro,
nunha terra fermosa… pola que vivo.
(Imaxe baixada da rede)