Pérdome nas sombras… dunha noite 
onde ata a lúa se agocha de mín…

Escoito ó lonxe o triste ouvear
dun lobo solitario que ó ceo berra…


Corren as nubes cada vez máis mouras,
preñadas de tronos que ameazan con rachar
a miña sombra…


E o triste ouvear… segue ó lonxe
coma unha letanía nada no silencio,
que vai envolvendo o meu medo…
Lóstregos en darredor, lume celeste
que se acende no monte e disípase a escuridade
por cachos… de intre.


As sombras seguen a reinar cabo de mín.
Teño medo… da noite e dos seus meigallos.
Deste pesadelo que me pón bencellos
darredor das mans e amárranme forte… 


Caio de xeonllos no fondo do valado,
nunha gábea tan fonda coma o meu soño…


Abro os ollos, por entre as nubes
deste ceo anubrado a lúa ábrese camiño
e óllame dende o seu trono, dame alento…
o ouvear xa se escoita máis lonxe… máis lonxe, lastimeiro, preto da nada…
 


A luz da lúa racha as tebras… 


Os suores mollan o meu corpo espido,
na almofada descansa… o pesadelo. 


A respiración vólvese calma…
e os lobos seguen a ouvear… ó lonxe.