As últimas tendencias demográficas galegas non só advirten dunha diminución de habitantes, senón tamén dun progresivo éxodo rural. Ademais a reducida oferta de actividades de aprendizaxe, ocio ou entretemento no interior galego e durante os períodos estivais, da lugar á masificación do arco atlántico galego e como consecuencia a un despoboamento notorio nas comarcas do interior. Así pois, con este proxecto preténdese executar numerosas liñas de acción para atraer a xuventude galega ao medio rural, mediante a posta en valor da riqueza ambiental, etnográfica e cultural dunha comarca eminentemente rural como é a Terra Chá.
Actividades e características do curso:
Rutas guiadas a distintos enclaves chairegos de alto valor natural e cultural.
Talleres: elaboración de produtos a partir de plantas medicinais, análise da calidade das augas dos ríos mediante indicadores biolóxicos e identificación de quirópteros mediante ultrasóns.
Visita á distintos elementos do patrimonio material etnográfico da Terra Chá.
Visita á Casa-Museo Manuel María e interpretación do legado cultural do poeta.
Aloxamento en pensión, almorzo e transporte.
Dotación de material para as labores de campo.
Agasallos.
Datas de celebración:
Do 12 ó 14 de outubro de 2018.
Lugar de celebración:
O curso comeza o venres 12 de outubro ás 9:00 na Casa das Insuas de Rábade (Rúa Xosé Pardo e Pardo Montenegro, Nº 27, Rábade, Lugo). Partindo da mesma, produciranse as saídas do bus cara os distintos enclaves da comarca.
Inscrición e requisitos:
A inscrición, o aloxamento e todas as actividades do curso son completamente gratuítas. O período para inscribirse comprende do 1 ao 7 de outubro. Os únicos requisitos serán estar empadroado nun concello galego, ter unha idade comprendida entre os 16 e 35 anos e traer roupa e calzado adecuados. Asemade, estipúlase en 30 o número límite de prazas ou participantes. Os interesados/as deberán poñerse en contacto con algún dos membros da dirección.
Dirección:
Daniel Irimia (680820350, danielirimia@hotmail.com)
Miguel Fernández (649572949, miguelfernandez.labrada@usc.es)
Máis información:
No seguinte enlace poderedes consultar/descargar a memoria completa do proxecto onde se atopa o programada das actividades detallado polo miúdo, amais do cartel anunciador.
Para o amigo Xabier P. Docampo: así gratitude e memoria na posteridade.
I
Sabemos do territorio. De como a infancia marca os corpos para configurar a filiación da carne. E bordeamos as lagoas, as extensas pradarías de Ávalon onde o froito se ofrece perpetuo. E bordeamos os sinuosos meandros do Minius, falamos dos cáncaros que circundan o leito: a certa distancia prudencial. Coñecemos a transhumancia da pel sobre o mineral que nos invoca.
Existe a radiografía da dor: esta precede sempre ao nervio. Os camiños da luz son premisa. Os camiños da luz son premisa. Pero a primeira luz procede do incendio, se é que define na implosión.
O frenesí das aves nas márdeas da Patria. Falo de como o lavanco aterra nos peitorís das regas de Riba da Insua. Falo das aves que evitan migrar por temor á muda. A muda na retina dos tempos.
Aquí un piar contra o holocausto do idioma.
Poñemos en pé o mercurio para acender unha estrela na memoria de todos os mortos que estercan os campos da Chá.
Non hai cesión, senón prevalencia: creme cando falo de historias que naufragan pero manteñen os mastros baixo as augas da barbarie.
A escrita repousa, reafirma, exércese a sabendas.
II
Sabemos do territorio. De como a infancia marca os corpos para configurar a filiación da carne. Ti filiación e territorio. Árbore que sostén a folla cando amence o frío.
Podes fitar o Sol e reflectir a luz de todos os nenos que impelen a lingua.
III
Coñecemos a túa temperatura. Quizais. Para que tan só os vestixios regresen nun calafrío.
Coñecemos o teu labio para que o resto da vida te amose en curvatura.
*Imaxe: Exteriores do cinema Imperial da Feira do Monte, onde pasou boa parte da súa infancia Xabier P. Docampo; amais de ser eixe pivotante da súa derradeira novela (A nena do abrigo de astracán).