“Afortunados os que temos pasado

e os que podemos recordalo en voz alta

os que non temos que pensar en silencio…”

NAO

 

que ritual iniciático rebela

os dourados estíos da linguaxe

e o significado virxinal da memoria?

 

é un campo de batalla onde os corpos florecen

magnificando a primeira forma de libertar o ar

 

alí pasamos a man pola espiga e intuímos o sangue

sen apenas alcanzar a carnalidade dun soño

que afiance o horizonte

 

alí curtimos a ollada

finxindo co rostro

a camuflaxe do terror

 

alí somos capaces de traizoarnos tantas veces

coma un se cre imperecedoiro

 

mais alí tamén xuramos que o medo é unha papoula

tamén somos capaces de erguernos

para atopar o deslinde

onde a hexemonía do corpo se pronuncie

como a luz que precede á brisa