O PARQUE DO PASATEMPO DE BETANZOS RECIBIRÁ OS PRÓXIMOS 26 E 27 DE XUÑO A ALGÚNS DOS MELLORES ARTISTAS A NIVEL NACIONAL E INTERNACIONAL DO STONER ROCK E DOOM METAL

AS ENTRADAS ESTÁN XA Á VENDA DENDE 57€ EN FUMEGAFEST.COM

O festival Fumega Fest volve a sorprender co lanzamento do cartel completo da súa segunda edición, apostando por traer ao Parque do Pasatempo de Betanzos a algún dos mellores nomes a nivel europeo do Stoner Rock e o Doom Metal. Artista da talla de Conan (Reino Unido), Stoned Jesus (Ucraína), Burst (Suecia) ou Causa Sui (Dinamarca) son os grandes reclamos dun evento que terá lugar os próximos días 26 e 27 de xuño. Xunto a eles, conforman o cartel grupos da talla de Wet Cactus (Cantabria), Men Eater (Portugal), Travo (Portugal), Moura (A Coruña), Luciférnaga (Vigo) e Volcanova (Islandia).

Estas confirmacións afianzan o status do festival como unha das grandes referencias dos xéneros na Península Ibérica, así como o principal evento dos mesmos en España. Os abonos para os dous días do festival están xa dispoñibles dende 57€ na páxina web do festival, www.fumegafest.com e Enterticket.es. Os abonos sairán á par que o acceso á acampada, que terá un custo de 22€ e acceso os dous días de festival.

Os ritmos intensos, as guitarras distorsionadas e as atmosferas sonoras encherán de novo Betanzos tras o bo sabor de boca do festival, celebrado este pasado verán. Recuperando o espírito rockeiro e metaleiro do Parque do Pasatempo, o festival busca seguir dando pasos cara asentarse como evento referencia na Península Ibérica para os xéneros saídos do rock e o metal alternativos.

Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Hugo Guezeta, Vimbio ou Sabela.

O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e o patrocinio de El Águila.

COÑECE AOS ARTISTAS DO FUMEGA FEST

Un dos grandes nomes desta edición é Stoned Jesus, banda ucraína formada en Kyiv en 2009. Cunha traxectoria de case 500 concertos por Europa e Sudamérica, compartiron escenarios con bandas lendarias como Black Sabbath, Deep Purple, Rammstein, Slayer ou Gojira. Sempre en evolución, Stoned Jesus continúa explorando novos camiños sonoros, consolidando un son propio que mestura doom, prog e grunge.

Xunto a eles, estará Conan, banda británica de doom metal formada en Liverpool, coñecida polo seu son extremo, distorsionado e afinacións profundamente baixas. Convertéronse nun referente absoluto do xénero, chegando a ser descritos como “títáns da escena doom metal”.

Un dos nomes máis exclusivos desta nova edición do Fumega Fest será Burst, banda sueca de metal progresivo que, tras anos de evolución e pausas indefinidas, volven para seguir vendo como medra a súa reputación e respecto na industria grazas a discos aclamados e directos poderosos, nos que combinaban atmosferas expansivas, ferocidade metálica e grandes grooves.

O último dos cabeza de cartel é Causa Sui, banda danesa que leva en activo dende o  2005. Tras dous primeiros discos de heavy-psych, evolucionaron cara sons máis experimentais e instrumentais, con influencias que van desde o Miles Davis eléctrico ou o stoner-rock americano. O seu estilo foi definido como unha gran onda que percorre cinco décadas de rock, creando paisaxes sonoras expansivas e hipnóticas que os consolidan como unha referencia esencial da psicodelia contemporánea.

O festival tamén contará cun dos grandes nomes da escena estatal como é Wet Cactus, banda cántabra que se move entre o stoner máis clásico e o grunge dos noventa, formada no verán de 2013. Por primeira vez no festival, haberá presencia do país veciño con dúas bandas portuguesas, contando con Men Eater, banda punteira da escena rock/metal xa catalogada como unha das agrupacións máis impactantes do país. Xunto a eles, actuará Travo, outra das bandas máis potentes da escena rock, caracterizados polos seus sons que combinan psych rock, stoner, garage e enerxía punk.

Outro ano máis, destaca a presenza das agrupacións punteiras da escena galega, coa participación de Moura, banda coruñesa que aposta pola fusión de rock progresivo, psicodelia e folclore tradicional, creando unha experiencia sonora case ritual; e Luciférnaga, banda viguesa que destaca polos seus sons pesados e envolventes, que beben do doom e do stoner metal, explorando a escuridade humana a través de riffs densos e letras introspectivas. A nota máis exótica apórtana Volcanova, que chegarán dende Islandia co seu stoner rock cheo de fuzz, grooves poderosos e harmonías vocais a tres voces.

20251124-NP-GAL-CARTEL-FUMEGA-FEST-2026