O Festival Sinsal despídese este domingo 27 con formacións de Austria, Arxentina, España, Marrocos, Reino Unido, Suecia e Uganda

Catro estreas a nivel estatal e outras tres en Galicia, entre as que inclúe unha banda de apertura dos Rolling Stones, daranse cita mañá en San Simón

Isabel Díaz e Pedro Blázquez, dous nomes históricos da cultura de club e das ondas radiofónicas, pecharán este ano as Audicións Malmequeres

O público poderá coñecer o patrimonio histórico e natural do arquipélago co roteiro ‘Descubre San Simón’ e  participar nunha visita guiada coas mulleres e homes da asociación mariñeira Amarturmar, na que falarán sobre a enseada e a súa biodiversidade

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia despídese mañá de San Simón cunha ampla programación cultural singular, e que abrangue desde unha das bandas de apertura dos Rolling Stones até unha formación cualificada pola crítica especializada como “purificadora da alma”. Dez bandas e solistas procedentes de Austria, Arxentina, España, Marrocos, Reino Unido, Suecia e Uganda completarán a última grella de programación que queda por descubrir deste Sinsal, e que o público só coñecerá ao desembarcar este domingo 27, a partir das 12:00 horas, na illa. 

Na tercera e derradeira xornada desta edición, Sinsal ofrecerá catro estreas a nivel estatal e tres primicias en Galicia; ademais de actuacións de formacións locais que se sucederán desde que o público desembarque na illa e ata que, ao solpor, regrese aos portos de Vigo e Meirande. A cultura de club estará presente desde pola mañá pola presenza, nas Audicións Malmequeres, de dous nomes propios das ondas radiofónicas: Isabel Díaz e Pedro Blázquez. No escenario da praza de San Simón, o dúo coñecido ao seu paso por RNE ou Cadena SER recordará os comezos da chegada da música de baile en España na pioneira Radio Minuto de Barcelona. 

As actuacións da grella secreta previstas para os escenarios Sinsal SON Estrella Galicia, Buxos FEST Galicia, Santo Antón Rock’n’Roll e Malmequeres darán boa conta da rica escena que se está a xerar no marco da creación musical contemporánea. Desde a fusión da tradición andaluza coa electrónica até unha caixa de ritmos “vivinte” cunha imponente despregadura física, pasando por vocalistas excepcionais que se achegan ao idioma aviario desde a tradición oral; tanto formacións marroquís de música gnawa que proporán unha viaxe sonora polo deserto ou mesmo bandas de apertura de concertos dos Rolling Stones: a xornada deste domingo 27, que se completará con sons clásicos do pop independente ou que beben das reminiscencias do post punk, quedará para sempre no recordo das asistentes ao Sinsal. 

Programación paralela aos directos dos escenarios oficiais

Alén destas propostas, o público tamén poderá gozar coa actuación sorpresa dun grupo da tradición popular galega, ademais da interpretación que, baixo o título de Rumbantela, un cuarteto de saxofóns da Orquesta Clásica de Vigo ofrecerá con músicas das festas e verbenas do país de principios do século XX. Esta cita terá lugar na cafetería da illa, na que tamén se sucederán ao longo de todo o día as Sesións San Simón con Aleksander Kolkowski, as gravacións en cilindros fonográficos que rexistrarán as bandas participantes no festival.

A illa de San Simón será un fervedoiro de propostas culturais ao longo de toda a xornada. Por unha banda, a ceo aberto, poderanse visitar tanto os 16 paneis que conforman a Exposición de cómic A Escola Sinsal: A historia da música gravada en Galicia coma as 7 estacións do roteiro independente Descubre San Simón para coñecer a memoria e patrimonio da illa. Pola outra, o público tamén poderá asistir a unha das visitas guiadas máis queridas: a que se realiza coas mulleres e homes da asociación do Mar de Cesantes, AmartumarCon elas poderanse achegar non só á biodiversidade da enseada, senón coñecer os seus recursos industriais e como o cambio climático está a afectar o seu día a día.

Para o público familiar haberá dúas propostas diferenciadas. A cafetería acollerá as últimas sesións do laboratorio creativo Caderno de bitácora, vinculado á paisaxe natural de San Simón, e o Espazo Gastronomía será a sede do taller de achegamento á produción musical Do, re, Bip,unha proposta ideada especificamente entre A Escola Sinsal e o artista multidisciplinar Juanma LoDo para as máis pequenas da casa, que poderán facer música con froita e verduriñas. 

Finalmente, na tarde do domingo 27, celebrarase a terceira e última das demostracións d’A cociña Sinsal. A cociñeira de Gondomar Arián Lorenzo, propietaria de Arián Chef, ofrecerá un obradoiro de cociña vexetariana con produtos de mar que proporcionará a conserveira especializada en algas de producción ecolóxica Porto Muíños. 

Festival Sinsal SON Estrella Galicia

O festival Sinsal é unha iniciativa cultural que visualiza as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega, estatal e internacional. Cada verán ofrece na illa de San Simón unha pequena mostra dos proxectos musicais máis estimulantes de formacións que proceden de Europa, África Asia ou América. A diversidade estilística, o protagonismo de proxectos liderados por mulleres e un fondo compromiso co medio ambiente e a igualdade son os sinais de identidade dun festival cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca na illa.

Sinsal, que celebra a súa 15ª edición na illa de San Simón, é un festival organizado e producido pola promotora viguesa Sinsalaudio, e conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal. Ademais, o evento ten o apoio institucional tanto da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do programa FEST Galicia, como da Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas -enmarcado nos Rías Baixas Fest-.

20250726-Axenda-Sinsal-27-de-xullo

Andanzas do Suso de Lameliña. DÚAS LENDAS DOS ANCARES

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

DÚAS LENDAS DOS ANCARES

O MILAGRE DO SANTO GRAAL

A principios do catorce
nas montañas do Cebreiro
o crego deste lugar
non cría que pan e viño
en corpo e sangue divina
se puidesen converter.

Un día de cru inverno
por mor dunha gran tormenta
os veciños da contorna
as obrigacións sagradas
non puideron atender.

Estando a igrexa baleira
e o padre a misa dicindo,
no intre da consagración
pola porta asoma un home,
o frío nos ósos trae.

Era este Juan Santín,
veciño de Barxa Maior,
que nunca a misa faltaba,
tivese labor á vista,
fixese un tempo de raios.

O párroco sorprendido
para si isto marmexa:

-Pobre home, meu coitado,
poñerse en camiño hoxe
con este tempo de raios
exposto a morrer de frío
por un bocado de pan
e un gargalloto de viño!

Segundo o ía dicindo
un arrepío no corpo
de arriba a abaixo sentiu
e asustado viu cá hostia
mudaba en carne sanguenta,
o viño xa máis vermello
a sangue humana cheiraba.

Ao pé do altar de xeonllos
caeu repentinamente
ficando desvanecido,
alí mesmo sobre as gradas.
Cando Santín se achegou
ao intentalo incorporalo
comprobou que estaba morto.

Se algún día visitades
esta igrexa do Cebreiro
xunto ao altar veredes
cáliz e mais relicario
contendo o sangue e a carne
de Xesús, Noso Señor.

Proba esta, do milagre
que aquel día aconteceu.

A DONIÑA BRANCA

De Froilaz, señor de Doiras,
era Aldara, filla amada;
de salientable beleza
por todos era loada.

Quixo o azar que namorara
de aposto e honrado galán,
fillo doutro gran señor,
que na redonda moraba.

Conforme, seu padre amado,
consentimento outorgou,
data no calendario
ben subliñada ficou.

Mais unha aciaga tarde
mentres un paseo daba
polos bosques da contorna,
desapareceu, coitada.

Baldía foi a procura
polos montes de Cervantes;
ninguén deu noticia algunha
da desventurada amante.

Un día, seu irmán Egas,
mentres andaba de caza,
fermosa cerva albiscou,
como a mesma neve, branca.

E cunha certeira frecha
a vida lle arrebatou;
o inofensivo animal,
inerte no chan ficou.

Era tan grande o seu peso,
que non puido coa peza;
unha pata lle arrincou
para dar fe da proeza.

Cando ao castelo chegou,
perplexo a padre deixou;
man suave de muller
do vello zurrón sacou.

Desesperados correron
a xunto da cerva branca;
no seu canto atoparon
á linda doncela, manca.

A lenda asegura que foi
encanto de mouro ou fada,
e que ao morrer o veado
volveu ser, de novo, dama.