O XIII Festival Atlántica baixa o pano o sábado coa clausura en Santiago e unha despedida coral por toda Galicia

  • Santiago, Teo, Ferrol, Ribeira, Vilalba, Chantada, Alfoz, Dodro e A Pobra do Caramiñal acollen os últimos contos dunha edición que celebrou a narración oral como ferramenta de conexión e memoria
  • A clausura oficial estará a cargo de Celso Fernández Sanmartín e o seu espectáculo ‘Contara’ en Santiago de Compostela
  • Historias viaxeiras, voces singulares e encontros únicos marcarán a xornada de peche dun festival que demostra que a tradición oral está máis viva ca nunca
  • Toda a programación pódese consultar en festivalatlantica.gal

O Festival Atlántica pon o ramo á súa edición 2025 este sábado 5 de xullo cunha xornada que promete emoción, identidade e memoria compartida. Dúas funcións en Santiago de Compostela e unha en Teo marcarán o peche dun certame que, ao longo de días intensos, espallou a palabra viva por múltiples escenarios, conectando públicos de todas as idades coa forza da narración oral.

Ponte Narrativa entre o País Vasco e Galicia

A mañá en Santiago arrincará ás 12.30 h no Museo do Pobo Galego cunha proposta para público familiar a partir de 5 anos: Historias de ida e volta, da contadora Larraitz Urruzola, vasca de orixe e galega de corazón. Cunha maleta cargada de contos viaxeiros, Urruzola ofrece un espectáculo que transita entre dúas culturas irmás, tecendo pontes entre a tradición oral vasca e a galega con humor, tenrura e moita imaxinación. A través de relatos populares, mitos ancestrais e tradicións compartidas, Larraitz constrúe unha ponte narrativa onde o humor, a tenrura e a cosmovisión feminista teñen un papel protagonista. Un espectáculo cheo de raíces e alas, pensado para sorprender, emocionar e facer reflexionar tanto a pequenos como a maiores.

A verdade nas historias pequenas

Xa pola noite, será a clausura oficial do festival ás 21.00 horas, no CSC A Rocha, con Celso Fernández Sanmartín que estreará Contara, unha colleita de historias de vida para público adulto. Coa súa voz serena, ‘Celsiño’ achega á Atlántica un espectáculo que non busca o ruído nin a sorpresa, senón a verdade que agroma nas palabras herdadas. En Contara, o narrador lalinés toma historias do mundo rural e dálle corpo nunha proposta íntima e profunda. Non hai artificio nin présa: só o ritmo da memoria, o humor calado e a poesía da fala popular. Celso escoitou moito e agora ofrece ese tesouro en forma de contos que parecen pequenos, pero gardan dentro a vida enteira. Contara é un exercicio de escoita compartida, unha homenaxe á tradición oral e unha defensa da palabra como semente que cómpre coidar.

Memoria, pracer e rebeldía

En Teo, tamén ás 21.00 h, a aldea de Penelas (Cacheiras) converterase nun escenario ao aire libre co espectáculo Vicio houbo sempre de Atenea García, unha voz destacada da escena galega actual. A narradora dá voz ás mulleres que viviron —e gozaron— fóra do relato oficial. A partir de conversas con maiores de máis de 85 anos, constrúe un espectáculo íntimo e poderoso no que o pracer, a sexualidade e a liberdade se contan sen vergoña e con moito humor. A frase que abre o espectáculo, “Vicio houbo sempre, grazas a Dios!”, marca o ton dunha proposta que rompe silencios e recupera historias de vida contadas dende as marxes, sen censura nin moralismos. Un exercicio de memoria feminista que reivindica os corpos, os desexos e a forza das palabras que non cadraban co que se esperaba delas. Porque tamén hai revolución en falar de sexo despois dos oitenta.

Atlántica despídese cun sábado cheo de historias

Pero alén de Santiago e Teo, o sábado o Festival Atlántica espállase tamén por toda Galicia cunha xornada intensa e descentralizada, levando a narración oral a espazos naturais, patrimoniais e rurais cargados de identidade. En Chantada, ás 18.00 h, o inconfundible Anxo Moure ofrecerá en Garabelos (Mariz) as súas Historias para coidar a terra, unha proposta familiar que mestura ecoloxía e imaxinación para cultivar conciencia desde a infancia. Xa pola noite, ás 21.00 h, sete concellos acollerán espectáculos para público adulto: desde as Novas historias de filandar do zamorano Don Guti no máxico Castro de Posmarcos da Pobra do Caramiñal, ata a proposta de Carmen Conde (O que non estaba escrito) en Alfoz, pasando pola narración directa e mordaz de Quico Cadaval (Autoestradas e corredoiras) na eira de Dodro, ou os Patios de luz de Su Garrido Pombo en Ferrol, que mesturan palabra e música. En RibeiraMiguel Gouveia e Aida Cobas unirán linguas e culturas con Vénme ao bico un conto, mentres en Vilalba, o italiano Simone Negrin ofrecerá Fare le corna, un espectáculo cargado de humor e identidade en castelán e galego. Un serán diverso, polifónico e vibrante que amosa o espírito atlántico na súa máxima expresión.

Vermú de contos: peche oficioso

A clausura oficiosa e festiva deste XIII Festival Atlántica será o domingo, 6 de xullo, co tradicional Vermú de contos que xunta aos artistas e o público a redor dun xantar colectivo onde uns e outros están convidados a compartir historias (A Estrada, lugar de Riobó, a partir das 13 h).

Con estas propostas, o Festival Atlántica despídese ata o vindeiro ano reafirmando o seu compromiso coa diversidade de voces, a memoria oral e a emoción compartida. Historias de aquí e de acolá, contadas ao vivo, que seguirán a resoar máis aló do último aplauso.

O XIII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Cultura e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, Pazos de Borbén, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo, Vilalba, Vimianzo e a Fundación Pública Camilo José Cela. Toda a información está dispoñible na web www.festivalatlantica.gal.

FESTIVAL ATLÁNTICA

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

O VII Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2025 xa ten obras gañadoras

O pasado venres 27 de xuño tivo lugar a xuntanza do xurado deliberador no VII Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2025, que convoca o Concello de Vilalba, coa colaboración de Culturalia GZ. Dito xurado estivo integrado por Emma Pedreira, Mercedes Queixas Zas e Silvia Tasende, acompañadas por Mónica González Fernández e Sonia García, que actuaron como presidenta e secretaria, respectivamente, con voz mais sen voto. Tamén estivo presente na deliberación Martiño Maseda, representando a Culturalia GZ. Despois do proceso de deliberación acordaron emitir a seguinte listaxe de premios.

(Véxanse as imaxes que aparecen a continuación)

O xurado, ademais de referirse á calidade dalgunhas das obras presentadas; chegou a propoñer a posibilidade de crear un obradoiro de microrrelatos.

A entrega de premios está prevista que se celebre a comezos de setembro.

O Festival Atlántica ofrece unha panorámica multicultural da narración contemporánea este venres 4 en Santiago e Teo

  • Carme Varela, Quico Cadaval, Carolina Arabia, Carmen Conde, Miguel Gouveia e moitos máis protagonizan un día cheo de emocións e narración viva
  • Os CSC centran a actividade do festival con funcións no Aurelio Aguirre, Bando e Laraño e mais un na Escola Semente para o seu campamento
  • Alén de Santiago e Teo, Atlántica tamén estará en Ferrol, Mugardos, Dodro, Cedeira, Vilalba, Betanzos, Caldas de Reis, Cuntis, A Capela, Pazos de Borbén, Sanxenxo, Ribeira e A Pobra do Caramiñal
  • Toda a programación pódese consultar en festivalatlantica.gal

O Festival Atlántica continúa a súa viaxe polos camiños da oralidade cunha intensa xornada este venres, 4 de xullo, que espallará contos, memorias e emocións para públicos de todas as idades en Santiago de Compostela e Teo.

A xornada comezará cedo, ás 10.30 h, nas rúas compostelás coa exitosa andaina narrada para adultos A pegada de Castelao, guiada por Carme Varela e Quico Cadaval. Esta actividade é a segunda edición que se desenvolve logo de esgotarse todas as prazas da primeira nun tempo récord. A pegada de Castelao é máis que un roteiro, é unha viaxe á alma dunha cidade e ao recordo dun dos seus inquilinos máis ilustres. Un encontro entre historia e teatro de rúa, onde a memoria latexa nas esquinas e Castelao regresa, por un intre, ao lugar que tanto lle deu.

A programación matinal continúa en diversos centros socioculturais de Santiago cunha oferta ampla e diversa pensada para os máis pequechos. Ás 11.00 h, na Escola Semente, o portugués Miguel Gouveia levará ás crianzas do campamento as súas historias co espectáculo Esquecín como se chama e outras historias que non lembro. Ás 12.00 h, tres escenarios simultáneos encheranse de contos para públicos infantís e familiares. No CSC Aurelio Aguirre, Inés Álvarez Villa traerá as lendas dunha Escocia de conto. No CSC de Bando, Loreto Socorro ofrecerá o divertido Crocodilo, directamente desde Canarias. E no CSC de Laraño, Paula Carbonell presentará os seus Divinos animais nunha viaxe desde Valencia.

Cando a música une especies

Xa pola tarde, a palabra segue a encher Compostela de emocións. Ás 19.00 h, no Museo do Pobo Galego, a arxentina Carolina Arabia compartirá co público adulto De cantos e animais, un fascinante percorrido oral e sensorial por culturas que cantan aos animais para convivir con eles. Desde as chairas de Colombia e Venezuela ata os campos de Bután ou as montañas de Marrocos, a voz humana dialoga coa natureza nun idioma ancestral feito de melodías e intuición.

Durante oito anos de viaxes e escoita atenta, Arabia recompilou historias, cantos e saberes que testemuñan unha relación íntima e esquecida entre humanos e animais: cántase para minguar a soidade, para muxir, para arar, para guiar ou simplemente para estar. As frautas imitan os sons das criaturas, os instrumentos están feitos co que a terra ofrece, e a música convértese nun vínculo de entendemento máis aló das palabras. De cantos e animais opera como un exercicio de memoria viva das culturas rurais e un convite a preguntarnos se, algunha vez, compartimos con outras especies un mesmo idioma. E se ese idioma común non era, quizais, o verdadeiro paraíso.

Homenaxe ás vidas anónimas

A xornada pecharase con forza nos Xardíns do CSC Maruxa Coralia, ás 21.00 h, co espectáculo galego O que non estaba escrito de Carmen Conde, unha oportunidade para mergullarse nas historias que nunca pasaron ao papel, mais que viven na memoria oral e na imaxinación. Cun estilo que mestura realidade e delirio, Conde presentará unha escolma de relatos onde o cotián e o extraordinario conviven sen fronteiras. Unha proposta para público adulto que celebra as vidas anónimas e os contos improbables, devolvéndoos á palabra viva coa súa marca persoal. Carmen Conde estará acompaña por unha das voces emerxentes da narración oral do pais: Aida Cobas. Ademais, o espectáculo contará con interpretación en lingua de signos para garantir a accesibilidade.

Historias inesquecibles en Teo

En Teo, tamén será un día cheo de historias que comezará ás 12.00 h no CEIP de Ramallosa (Lucí) onde Aida Cobas levará a súa Fada do saco verde ao campamento de verán e ao público infantil e familiar. Ás 21.00 h, a Antiga Escola de Nenas de Oza acollerá o contacontos Vénme ao bico un conto do portugués Miguel Gouveia, unha proposta para público adulto que celebra o acto de contar e escoitar como unha forma de entender o mundo, reconstruílo e soñalo de novo.

FESTIVAL ATLÁNTICA

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

FOTO PORTADA | De esq a dereita: Carme Varela, Quico Cadaval, Miguel Gouveia, Inés Álvarez, Loreto Socorro, Paula Carbonell, Carolina Arabia, Carmen Conde e Aida Cobas