As artistas Natalia Fernandes e Marta Azparren inician a súa ‘Residencia Paraíso 2025’ na MIT de Ribadavia

Desde este luns, 7 de xullo, e até o luns 21, no marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, as creadoras traballan na Igrexa da Madalena, no marco do Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, na proposta Cerrados y dormidos los ojos bailan

Trátase dunha investigación que propón a construción do corpo imaxinario dunha non-bailarina posible, coa que buscan xerar unha conciencia sobre a mirada do público e a súa posición política diante dos discursos impresos no corpo en movemento

Unha vez finalizada a súa residencia, as artistas ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar o domingo, 20 de xullo, contra ás 20.00h, na mesma MIT, na Igrexa da Madalena, con entrada libre ata completa a capacidade do espazo

Paralelamente, Natalia Fernandes e Marta Azparren participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

As artistas Natalia Fernandes e Marta Azparren iniciaron esta mañá na Igrexa da Madalena, no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a MIT, a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. A MIT acolle, desde hoxe e até o luns, 21 de xullo, a quinta destas residencias artísticas de 2025, en torno á proposta das creadoras Natalia Fernandez e Marta Azparren que ten por título Cerrados y dormidos los ojos bailan.

Cerrados y dormidos los ojos bailan é un é un diálogo entre a Anatomía inventada de Natalia Fernandes e o Cine ciego de Marta Azparren, unha investigación que propón a construción do corpo imaxinario dunha non-bailarina posible, coa que as creadoras buscan xerar unha conciencia sobre a mirada do público e a súa posición política diante dos discursos impresos no corpo en movemento.

Unha vez finalizada a súa residencia artística, Natalia Fernandes e Marta Azparren ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Igrexa da Madalena de Ribadavia, no marco da celebración da MIT, o domingo, 20 de xullo, contra ás 21.00 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, as creadoras participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.

SOBRE O PROXECTO

Cerrados y dormidos los ojos bailan é un diálogo entre a Anatomía inventada de Natalia Fernandes e o Cine ciego de Marta Azparren.

Deste encontro, as dúas creadoras inician unha investigación que propón a construción do corpo imaxinario dunha non-bailarina posible (aquela que ocupa o negativo da bailarina), a creación colectiva da súa anatomía tan precisa como imposible e xerar unha conciencia sobre a mirada do público e a súa posición política diante dos discursos impresos no corpo en movemento.

Nun proceso que pensan sempre aberto, Marta e Natalia teñen o desexo, na súa estancia en Ribadavia, de revisitar o material teórico e escénico explorado deste primeiro encontro para seguir investigando e buscando as estratexias performativas de como traducir este diálogo co público co desexo de transformar e seguir bailando cos nosos ollos.

SOBRE AS ARTISTAS

Natalia Fernandes é unha intérprete e creadora brasileira establecida en España dende 2017. A súa formación en danza desenvólvese entre o contexto universitario (UNICAMP) e a escena contemporánea paulista. Traballou con coreógrafos en Alemaña, Israel, España, India, etc., e como creadora e profesora en países de Europa, Oriente Próximo, África e Estados Unidos. En 2017, iniciou a súa investigación sobre o método Anatomía inventada e comezou unha serie de traballos en España con Jesús Rubio Gamo, Celso Giménez / La Tristura e Poliana Lima, entre outros. A súa creación máis recente, El Carnaval no es alegre – TINY-DESK, estreouse no Festival TNT 2023 e en Conde Duque Madrid. En 2024 é artista residente do Graner, La Poderosa e C.C. Barceloneta, onde investiga a súa metodoloxía práctica Anatomía inventada e dá comezo ao seu novo proxecto escénico Objeto Não Identificado, unha coprodución do Mercat de Les Flors e Conde Duque.

Marta Azparren é unha artista visual non visual. Móvese entre o cine experimental / expandido, as artes vivas e o debuxo. O seu traballo adoita ocuparse da actividade artística atendendo ás conexións entre creadorxs, espectadorxs, obra e maquinaria interna da mediación, a produción e a exhibición. A mirada diríxese, ademais, cara ao non visual no visual, o que tende a desaparecer. É autora do ensaio Cine ciego: detener el flujo de las imágenes, sobre o cine monocromo e as imaxes sen imaxe.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

A galería NÉBOA participa en ARTESANTANDER nas datas do 11 ao 15 de xullo

  • A galería NÉBOA debuta en ARTESANTANDER cunha proposta de Andrea Davila Rubio e Andrés Rivas Rodís sobre corpo, territorio e memoria
  • Do 11 ao 15 de xullo de 2025 
  • Stand N37 – Palacio de Exposicións e Congresos de Santander  
  • Entrada libre | Horario: de 17:00 a 21:30 h  

A galería NÉBOA, con sede en Lugo, participa por primeira vez en ARTESANTANDER, unha das feiras de arte contemporánea máis recoñecidas do Estado, cunha proposta que reúne o traballo recente de Andrea Dávila Rubio (Boiro, 1995) e Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000). Ambos artistas galegos exploran desde perspectivas complementarias as relacións entre corpo, contorno, materia e memoria a través da escultura expandida e o collage matérico.

NÉBOA é a única galería galega presente nesta edición da feira cunha proposta composta integramente por artistas galegos, consolidando así o seu compromiso coa creación contemporánea do país e coa difusión de proxectos arraigados no territorio, cunha mirada crítica e sensíbel. Esta primeira participación supón un paso firme na súa proxección como axente activo no panorama estatal.

Fundada en 2023, NÉBOA é a única galería da provincia de Lugo integrada en CONTEMPORÁNEAAsociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia. Desde os seus inicios, defende a creación como espazo de pensamento e emoción, apostando por proxectos artísticos que dialogan coa identidade, a natureza e a esencia humana. O seu labor baséase na combinación de liberdade creativa e rigor curatorial, ofrecendo experiencias expositivas que favorezan a conexión emocional e intelectual co público.

Andrea Davila Rubio (Boiro, Pontevedra, 1995) é Doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo. Desenvolveu a súa práctica en institucións internacionais como o Boston College (EE.UU.) e o Institute Art Gender Nature (Basilea), grazas a bolsas como a Fulbright–Xunta de Galicia e a da Fundación María José Jove. Davila Rubio investiga a relación entre o corpo e os elementos naturais, creando pezas escultóricas que activan vínculos sensoriais coa materia, o vexetal e o espazo. A súa práctica propón unha ruptura coas xerarquías entre o humano e o non humano, formulando novas formas de convivencia baseadas no coidado e na transformación mutua.

Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) é graduado en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia (2022), máster en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco en Biscaia (2024), residente en Piramidón (Barcelona, 2025) e actualmente doutorando na Universidade de Vigo. En 2024 recibiu o Premio Gaztea do Concello de Leioa (Biscaia) e en 2022 foi galardoado co Premio Cátedra Bodegas Faustino & Willy Ramos (París) Rivas Rodís traballa co concepto de superficie como espazo de acumulación e diálogo. As súas obras funcionan como palimpsestos nos que se superpoñen capas de memoria, tempo e materia, xerando estruturas abertas e en constante evolución. A través da súa práctica, convida a repensar as dinámicas que conforman o noso contorno físico e simbólico.

A proposta para ARTESANTANDER artéllase arredor dun interese compartido pola materia como superficie viva e transformable. A través da escultura expandida e o collage matérico, ambos artistas exploran a relación entre corpo, contorno e memoria desde perspectivas complementarias, facendo da obra un espazo de tránsito onde o natural e o construído, o humano e o non humano se entrelazan sen xerarquías. As súas prácticas, sensoriais e procesuais, dialogan nun mesmo espazo para convidarnos a repensar o noso vínculo co mundo desde a atención, o coidado e a transformación continua.

Información práctica:


📍 Stand N37 – Palacio de Exposicións e Congresos de Santander. 
📅 Do venres 11 ao martes 15 de xullo de 2025
🕔 Horario: de 17:00 a 21:30 horas
🎟 ENTRADA LIBRE

Máis info: https://artesantander.com/galerias/