A MIT de Ribadavia acolleu este domingo 20 a mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ das artistas Natalia Fernandes e Marta Azparren

No marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, as creadoras están a traballar na Igrexa da Madalena, no marco do Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, na súa proposta Cerrados y dormidos los ojos bailan desde o pasado 8 de xullo

Trátase dunha investigación que propón a construción do corpo imaxinario dunha non-bailarina posible, coa que buscan xerar unha conciencia sobre a mirada do público e a súa posición política diante dos discursos impresos no corpo en movemento

Tras finalizar a estadía da súa residencia artística, as creadoras ofreceron este pasado domingo, 20 de xullo, unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que tivo lugar, contra ás 21.00h, no marco da MIT, na Igrexa da Madalena, con entrada libre ata completa a capacidade do espazo

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O pasado 8 de xullo, as artistas Natalia Fernandes e Marta Azparren iniciaban na Igrexa da Madalena, no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a MIT, a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facían en torno á súa proposta Cerrados y dormidos los ojos bailan.

Cerrados y dormidos los ojos bailan é un é un diálogo entre a Anatomía inventada de Natalia Fernandes e o Cine ciego de Marta Azparren, unha investigación que propón a construción do corpo imaxinario dunha non-bailarina posible, coa que as creadoras buscan xerar unha conciencia sobre a mirada do público e a súa posición política diante dos discursos impresos no corpo en movemento.

Agora, unha vez finalizada a súa residencia artística, Natalia Fernandes e Marta Azparren ofreceron unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que tivo lugar na mesma Igrexa da Madalena de Ribadavia, no marco da celebración da MIT, este pasado domingo, 20 de xullo, contra ás 21.00 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, as creadoras participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.

SOBRE O PROXECTO 

Cerrados y dormidos los ojos bailan é un diálogo entre a Anatomía inventada de Natalia Fernandes e o Cine ciego de Marta Azparren. 

Deste encontro, as dúas creadoras inician unha investigación que propón a construción do corpo imaxinario dunha non-bailarina posible (aquela que ocupa o negativo da bailarina), a creación colectiva da súa anatomía tan precisa como imposible e xerar unha conciencia sobre a mirada do público e a súa posición política diante dos discursos impresos no corpo en movemento.

Nun proceso que pensan sempre aberto, Marta e Natalia teñen o desexo, na súa estancia en Ribadavia, de revisitar o material teórico e escénico explorado deste primeiro encontro para seguir investigando e buscando as estratexias performativas de como traducir este diálogo co público co desexo de transformar e seguir bailando cos nosos ollos.

SOBRE AS ARTISTAS

Natalia Fernandes é unha intérprete e creadora brasileira establecida en España dende 2017. A súa formación en danza desenvólvese entre o contexto universitario (UNICAMP) e a escena contemporánea paulista. Traballou con coreógrafos en Alemaña, Israel, España, India, etc., e como creadora e profesora en países de Europa, Oriente Próximo, África e Estados Unidos. En 2017, iniciou a súa investigación sobre o método Anatomía inventada e comezou unha serie de traballos en España con Jesús Rubio Gamo, Celso Giménez / La Tristura e Poliana Lima, entre outros. A súa creación máis recente, El Carnaval no es alegre – TINY-DESK, estreouse no Festival TNT 2023 e en Conde Duque Madrid. En 2024 é artista residente do Graner, La Poderosa e C.C. Barceloneta, onde investiga a súa metodoloxía práctica Anatomía inventada e dá comezo ao seu novo proxecto escénico Objeto Não Identificado, unha coprodución do Mercat de Les Flors e Conde Duque.

Marta Azparren é unha artista visual non visual. Móvese entre o cine experimental / expandido, as artes vivas e o debuxo. O seu traballo adoita ocuparse da actividade artística atendendo ás conexións entre creadorxs, espectadorxs, obra e maquinaria interna da mediación, a produción e a exhibición. A mirada diríxese, ademais, cara ao non visual no visual, o que tende a desaparecer. É autora do ensaio Cine ciego: detener el flujo de las imágenes, sobre o cine monocromo e as imaxes sen imaxe.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. 

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

A diversidade dialectal do galego terá presenza no ecosistema dixital 

  • A plataforma pública Common Voice incorpora unha nova funcionalidade que recolle a fala espontánea, o que permitirá documentar e protexer a riqueza oral da lingua 
  • As contribucións, que ata agora consistían en lecturas en voz alta, rexistrarán variantes léxicas e morfolóxicas, cambios de código ou fenómenos propios da oralidade que adoitan desaparecer na fala lida
  • O Instituto da Lingua Galega (ILG), a través do Proxecto Nós, colaborou coa redacción do primeiro conxunto de preguntas dispoñibles para a recollida de fala espontánea en galego


O galego e a súa diversidade dialectal dan un novo paso para garantir a súa presenza no ecosistema dixital do futuro, ademais de documentar e protexer a súa riqueza oral. A plataforma colaborativa Common Voice, impulsada por Mozilla e alimentada por persoas voluntarias de todo o mundo, incorpora unha nova funcionalidade para o recoñecemento da fala, nomeada Spontaneous Speech (‘fala espontánea’), que permitirá rexistrar doazóns con acentos diversos, variantes léxicas e morfolóxicas, cambios de código ou fenómenos propios da oralidade que adoitan desaparecer na fala lida.

Ata agora, as contribucións nesta plataforma colaborativa (que ten como misión construír recursos abertos para o recoñecemento da fala) consistían en gravacións de lectura en voz alta de textos dispoñibles en dominio público. A nova funcionalidade, que de momento está en fase de probas, abre a porta á recollida dunha fala máis natural, diversa e representativa do uso real da lingua no día a día: a través de preguntas sinxelas rexistradas en Common Voice, as voluntarias poderán gravar respostas breves e espontáneas que recollerán a súa variedade dialectal. 

Esta nova ferramenta, coa que Common Voice reforza o seu compromiso coa diversidade lingüística e coa accesibilidade dixital, facilitará a participación de falantes de distintas idades, rexións ou niveis de alfabetización dixital, ademais de recoñecer e valorizar a fala real, rica en matices e moito máis representativa do uso lingüístico actual que os textos escritos tradicionais.

Como funciona Spontaneous Speech

Dentro da plataforma Common Voice, ao escolleren, na sección Fale, a opción Responda preguntas, as persoas colaboradoras poden gravar as súas respostas; ademais, tamén poden participar transcribindo as respostas doutras usuarias e validando esas transcricións, o que contribúe a crear un corpus de fala de calidade.

O Instituto da Lingua Galega (ILG), a través do Proxecto Nós, colaborou coa redacción do primeiro conxunto de preguntas dispoñibles para a recollida de fala espontánea en galego. Porén, calquera persoa pode propoñer novas preguntas a través da plataforma, o que garante que os contidos evolucionen de forma aberta e participativa.

As achegas recollidas a través de Spontaneous Speech darán lugar a un conxunto de datos independente, que se publicará baixo licenza CC0, en liña coa filosofía de datos abertos de Common Voice. Isto permitirá que investigadoras, lingüistas, etc. accedan a datos de fala espontánea en lingua galega de forma libre e gratuíta, fomentando deste xeito o desenvolvemento de tecnoloxías inclusivas e plurais, adaptadas ás necesidades reais das persoas usuarias, e a ciencia aberta ou cidadá, coa posibilidade para calquera persoa de participarmos na recolla de datos.


Doazón de voz: AgasallaNós

Baixo o lema AgasallaNós, e co obxectivo de facilitar a participación na recollida de voz en galego dentro da plataforma Common Voice, o Proxecto Nós lembra que está dispoñible a páxina web doagalego.nos.gal, unha vía sinxela e accesible para contribuír ao proxecto. A través desta web, calquera persoa pode doar a súa voz, tanto lendo textos en voz alta como respondendo as novas preguntas de fala espontánea. O obxectivo é recompilar gravacións que representen a diversidade do galego, co fin de contribuír ao desenvolvemento de tecnoloxías de recoñecemento da fala que identifiquen toda a riqueza da nosa lingua. Pódese atopar toda a información no espazo web doagalego.nos.gal.

Proxecto Nós

O Proxecto Nós é unha iniciativa para situar o galego canda as linguas máis desenvolvidas no ámbito da tecnoloxía da lingua e a Intelixencia Artificial. O seu obxectivo principal é xerar os recursos necesarios para facilitar o desenvolvemento de servizos e produtos baseados na tecnoloxía da lingua como asistentes de voz, tradutores automáticos ou axentes conversacionais. 

En paralelo, o proxecto promove tamén a presenza dixital do galego, facilitando a creación dunha ampla variedade de ferramentas e de recursos de alta calidade e de uso libre. Algunhas delas (un tradutor neuronal multilingüe, un recoñecedor de voz que converte fala en texto escrito, e unha aplicación de síntese de voz que le en galego) xa están á disposición e accesibles a través da web do proxecto para calquera persoa, institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore a lingua galega. Deste xeito, ademais de garantir os dereitos lingüísticos da comunidade galegofalante no mundo dixital, tamén se contribuirá á modernización e dixitalización do ecosistema de empresas galegas e á creación de valor con novos produtos que empreguen o galego.

O Proxecto Nós é unha iniciativa da Xunta de Galicia, que lle encomendou a súa execución á Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través de dúas entidades punteiras de investigación en Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da linguaxe: o Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). Actualmente está sendo financiado polo Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública con fondos da Unión Europea-NextGenerationEU, no marco do proxecto ILENIA.

20250721-NP-Novas-funcionalidades-Common-Voice