As arpistas máis novas de Galicia actuarán na 12º edición do Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia acollerá, por cuarto ano consecutivo, o Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia; unha cita única que reúne o talento emerxente do país grazas á colaboración de cinco centros educativos

As e os 21 estudantes interpretarán xuntas no festival unha peza creada ex profeso polo bretón Kevin LePennec e o galego Rodrigo Romaní, na que ambos arpistas mesturarán dous temas das súas respectivas tradicións musicais

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia confirma o seu compromiso co talento máis novo do país e celebrará, no marco da súa duodécima edición, o IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia. A cita, que se celebrará o 31 de xullo, reunirá a 21 estudantes do instrumento, que actuarán tanto de forma individual como conxunta no marco do único festival do noroeste peninsular dedicado á arpa.

O Encontro, nado no 2022, procura estimular a relación entre as e os instrumentistas máis novos dos centros do país. Nesta ocasión participarán estudantes da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional ETRAD de Vigo, da Escola Municipal de Música de Santiago, do Conservatorio de Torroso (Mos), do Conservatorio das Artes Mayeusis (Vigo) e da Barreiro Arpa Escola (Vigo).  

Nesta cuarta edición do encontro, ademais de coñecer a arpistas tanto do país coma de primeiro nivel mundial, as estudantes terán a oportunidade de convivir e interpretar xuntas unha composición creada ex profeso para a ocasión da man do bretón Kevin Le Pennec (gañador do World Harp Competition 2024) e do galego Rodrigo Romaní, codirector do festival. Ambos arpistas recollen nesta nova canción, duns 6 minutos de duración, temas das súas respectivas tradicións musicais (Tour á Limerzel e Porque non hei de cantare).

O IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia celebrarase na sede do Liceo de Noia na mañá do 31 de xullo. 21 estudantes, de entre 7 e 21 anos e chegadas de distintas localidades, convivirán e compartirán os seus coñecementos desde primeira hora da mañá. A partir das 13.00 horas, o recinto abrirá as súas portas para que a veciñanza escoite e goce da celebración conxunta do talento máis novo do país. 

Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, é unha cita moi especial para as amantes tanto da arpa como da diversidade musical. Trátase do único festival do noroeste peninsular dedicado ao instrumento e reúne cada tempada diferentes bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes; mais sempre cunha clara vocación divulgativa: pon en relación as artistas e ao público en varios lugares representativos do patrimonio histórico e cultural de Noia, e dá un espazo relevante ao talento máis novo. 

NHF presenta un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de primeiro nivel chegadas de Galicia, Andalucía, Bretaña, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia.

Na súa duodécima edición, contará coa presenza de Ana Crismán, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec -acompañada por Faia e Uxía-, D’Súpeto, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña,  Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito Rivera; alén das 25 alumnas e alumnos que participarán no IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia. Ademais, o 7 de agosto celebrarase a Gala de Entrega do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, unha cita que contará coa Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Sebastian Zinca, e con Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola como solistas.

Así, a localidade coruñesa de Noia acollerá trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a  Igrexa coma o Claustro de San Francisco. Ofreceranse estreas mundiais, estreas en España e ata haberá espazo para presentar, en exclusiva, novas formacións.

O festival, organizado por Nalgures Producións e dirixido pola Asociación Noia Harp Fest, conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia -no marco da iniciativa Concertos do Xacobeo– e de Acción Cultural Española AC/E, ademais da colaboración da Deputación da Coruña.

20250618-IV-Encontro-do-Alumnado-das-Escolas-de-Arpa

*Imaxes Encontro de Arpas de Galicia 2024 © Jerry Elefarte

Sinsal presenta a programación de actividades paralelas d’A Escola Sinsal

A Escola Sinsal levará a San Simón as músicas dos cafés e dos actos sociais da primeira metade do século XX en Galicia

O Festival Sinsal SON Estrella e a Orquesta Clásica de Vigo convidarán ao público a viaxar no tempo a través dos microconcertos que ofrecerán os días 25, 26 e 27 na cafetería da illa

Por segundo ano consecutivo, o escenario Malmequeres acollerá as sesións musicais de apertura de cada xornada, na que se recuperarán arquivos analóxicos esquecidos dos anos 80 e 90 da man de Chus Taboada e Eva Izquierdo (Voces de Ultratumba), Marco Maril (Apenino) e dos xornalistas Isabel Díaz e Pedro Blázquez

O investigador e experto Aleks Kolkowski gravará novamente en cilindro fonográfico ás bandas e solistas do festival nas coñecidas ‘Sesións San Simón’

A exposición de cómic d’a Escola Sinsal afondará na divulgación das historias da música e do son e incorporará as personaxes de Mercedes Mariño, Amando Hermida, Manuel Mirás, Fina Galicia, Reveriano Soutullo, Ernesto Lecuona, Ana Kiro e Eloy Luis André

Os abonos e as entradas para o venres 25 e sábado 26 están esgotadas; mais aínda é posible adquirir algunha das últimas entradas para asistir o domingo 27

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia dá a coñecer as primeiras actividades paralelas á programación de directos do evento cultural, que terá lugar do 25 ao 27 de xullo en San Simón e  cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca na illa. Microconcertos de música clásica, sesións de gravación nun cilindro fonográfico, novas audicións Malmequeres ou a incorporación de novas personaxes á exposición de cómic sobre a historia da música e do son en Galicia  conformarán as propostas gratuítas que as e os asistentes poderán gozar no marco da liña A Escola Sinsal, o proxecto de Sinsalaudio que promove a difusión e coñecemento da historia dos arquivos sonoros.

Unha das grandes novidades deste Sinsal 2025 será a participación, durante os tres días do festival, da Orquesta Clásica de Vigo. Se na pasada edición rendeu homenaxe a Reveriano Soutullo -coa estrea de arranxos inéditos de La leyenda del beso, da que o compositor ponteareas é coautor-, este ano a formación propón outra viaxe ao tempo, desta queda ao compás das músicas de cafés, bailes e verbenas que tiveron en lugar en Galicia na primeira metade do século XX. A intención non é outra que poñer en valor o papel das obras interpretadas por músicos locais, instrumentistas anónimos, que realizaban un traballo ben relevante antes da popularización da música gravada, como era levar os sons e os ritmos a todos os territorios.

Na primeira das xornadas, a Orquesta Clásica de Vigo, a través dun sexteto de café, evocará desde a cafetería de San Simón un insólito filme galego de vangardaCanto de emigración, unha peza rodada no 1935 polo ourensán Tony Román, da que unicamente se conversan vestixios que axudan a visualizar a película, e a partitura que o tudense Teódulo R. Páramos compuxo para acompañar as imaxes. Xa de cara ao sábado 26 e 27, a orquestra presentará Rumbantela. Unha formación dun cuarteto de saxofóns revisará estilos musicais que fixeron bailar as xeracións de galegas e galegos da primeira metáde do século pasado. Haberá pezas orixinais, grandes éxitos do momento, xoias preservadas dun arquivo persoal e tamén a memoria da banda de música de Sande (Ourense).


Novas Sesións San Simón

Outro dos clásicos d’A Escola Sinsal volverá á illa este verán. Trátase das Sesións San Simón, as gravacións en cilindro fonográfico realizadas ao vivo polo investigador e experto Aleks Kolkowski. Nelas participan -de xeito moi activo- as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival, e consisten no rexistro dunha canción, de dous minutos, nun cilindro de cera. As sesións, que este ano se desenvolverán nun único espazo -a cafetería da illa- durante de toda a fin de semana, son abertas para o público asistente. As persoas que se acheguen poderán gozar dun feito cultural único co que viaxarán, a través do son e durante uns instantes, cen anos atrás. Algunhas das gravacións realizadas nas pasadas edicións pódense escoitar e visualizar en www.sinsalaudio.es.

Audicións no escenario Malmequeres

Un dos escenarios que se estrearon na pasada edición, Malmequeres, regresará neste 2025 para ofrecer novas sesións dentro da programación d’A Escola Sinsal. A Praza de San Simón (detrás da igrexa) acollerá a cabina que recibirá visitas de DJs durante o festival, mais tamén das convidadas das audicións Malmequeres, que serán as encargadas de abrir, cada xornada (de 12:45 a 13:45 aprox.), as actividades do festival con mesturas que farán a partir de arquivos analóxicos esquecidos.

Así, o venres 25, Chus Taboada e Eva Izquierdo (da banda punk rock Voces de Ultratumba) revisarán o seu arquivo dos anos oitenta. Ao día seguinte, o sábado 26, Marco Maril (Apenino), recuperará a súa etapa radiofónica dos anos 90 en Radio Medellín (Santiago de Compostela) e o proxecto editorial da desaparecida Sala Nasa ou o nomeado “rock parrulo”. Finalmente, o domingo 27 será a quenda de Isabel Díaz e Pedro Blázquez, dous xornalistas históricos da cultura de clubs e da música electrónica que contaron numerosos programas especializados en RNE ou Cadena SER. 

Mercedes Mariño, Ana Kiro e Reveriano Soutullo incorpóranse á mostra d’A Escola Sinsal

A programación paralela d’A Escola Sinsal completarase coa ampliación da exposición de cómic que recompila e divulga a historia do son e da música gravada en Galicia a través de personalidades do país que tiveron relación coa mesma, e que abrangue desde o século XVII até o século XX. 

Se o ano pasado 8 debuxantes representaban as historias de Domingo Martínez de Presa, Severino Pérez Vázquez, Andrés Avelino Comerma, Emilia Pardo Bazán, Enrique Labarta Pose, Maruja Boga, Pedro Ferrer ou os irmáns Portela Seijo; este ano outros súmanse outras tantas figuras interpretadas por outros tantos debuxantes: Mercedes Mariño (Julia Lago), Amando Hermida (Carlos G. Boy), Manuel Mirás (Nico Ben), Fina Galicia (María Ramos), Reveriano Soutullo (Paw Salcés), Ernesto Lecuona (Paula Guerrero), Ana Kiro (Luis Yang) e Eloy Luis André (David González López). 

Esta historia gráfica arredor da música gravada en Galicia contempla outra novidade, xa que estas personaxes e os cómics exhibiranse no exterior, a ceo aberto, e público poderá descubrir os contidos tanto na zona dos escenarios coma noutras instalacións do festival.

SINSAL SON ESTRELLA GALICIA

Sinsal SON Estrella Galicia é unha iniciativa cultural que visualiza as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega, estatal e internacional. Cada verán ofrece na illa de San Simón unha pequena mostra dos proxectos musicais máis estimulantes de formacións que proceden de Europa, África Asia ou América. Para poder acceder ao festival o público debe coller os barcos que Sinsal pon á súa disposición no porto de Vigo e no Centro de Interpretación de Rande (Meirande). 

O transporte ata a illa (e a volta desde a mesma) está incluído no billete e os prezos son diferentes en función do embarcadoiro (que sempre é o mesmo para a saída e o regreso) e da idade, sendo máis económico o acceso para menores de 16 anos. Os abonos da edición de 2025 están esgotados, ao igual que as entradas do venres 25 e do sábado 26; mais aínda é posible adquirir, a través da plataforma Enterticket, as últimas entradas para o domingo 27 de xullo.

Sinsal SON Estrella Galicia é un festival organizado e producido pola promotora viguesa Sinsalaudio, que conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal, e co apoio institucional tanto da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) como da Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas -enmarcado nos Rías Baixas Fest-.

20250618-NP-Programacion-paralela-A-ESCOLA-SINSAL

O XIII Festival Atlántica aposta pola conexión coa mocidade e a creación de novos públicos

  • Atlántica renova o seu compromiso coa innovación, a investigación e a transmisión da tradición oral nun contexto social cambiante
  • Do 28 de xuño ao 6 de xullo, as 27 sedes do festival acollerán as 85 funcións do programa no que participan 51 artistas de procedencias tan diversas como Arxentina, Escocia, Portugal, Italia, Valencia, Aragón, Canarias, Zamora e Galicia
  • O festival conta co patrocinio xeral da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e mais co apoio dos diferentes concellos que participan nesta festa da arte de contar historias
  • O Castelao narrador terá o seu particular homenaxe cunha lectura pública da súa obra no Panteón de Galegos Ilustres: 9 horas ininterrompidas abertas á participación da cidadanía
  • Toda a programación pódese consultar desde hoxe, 17 de xuño, na web festivalatlantica.gal

Festival Atlántica vén de presentar este martes, 17 de xuño, o programa completo da súa décimo terceira edición, que se vai celebrar entre o 28 de xuño e o 6 de xullo. Na rolda de prensa participaron Anxo Lorenzodirector Xeral de Cultura da Xunta de GaliciaXosé Penas, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña; Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago; e Soledad Felloza, directora de Atlántica. Ademais, tamén acudiron ao evento numerosos representantes de concellos e entidades colaboradoras do festival.

Na súa quenda, Míriam Louzao amosou a súa ledicia pola nova edición do festival que acollerá 51 artista aos que describiu como “alquimistas da palabra que nos amosarán como empregala para imaxinar outros mundos posibles, para exorcizar as dores e construír espazos seguros onde gorecernos fronte o balbordo e o caos, fronte aos discursos totalitaristas que, cada vez máis, nos arrodean”. Pola súa banda, Anxo Lorenzo vinculou directamente o labor do festival coa “Galicia que leva moito tempo, cultivando, mantendo e transmitindo unha maneira de comunicar a través da narración oral” e falou dunha “tradición non fosilizada, un ben cultural plenamente vivo”. Xosé Penas non dubidou en incluír Atlántica entre os “festivais únicos, singulares e exclusivos que temos que considerar parte de noso patrimonio” e que é, ademais, “capaz de transcender as fronteiras para converterse nun referente do país”.

Na súa intervención Felloza compartiu coa audiencia a necesidade de “pensar e repensar o futuro da narración oral e das novas formas desta arte” nunha sociedade galega cada vez máis urbana. “Como incluír ás novas xeracións na arte de contar historias?”, preguntou a directora do festival. “É imperativo achegala ás novas xeracións e garantir a súa continuidade como parte activa da cultura contemporánea galega” e para logralo, Atlántica 2025 desenvolverá as seguintes propostas nesta edición.

A primeira, a celebración de sesións mixtas interxeracionais nas que artistas sobranceiros compartirán escenario con novos talentos que, en moitos casos, contarán nun festival profesional por primeira vez. Estas sesións combinadas —como as de Dani Lago e a escocesa Inés ÁlvarezAída Cobas con Miguel Gouveia de Portugal e Carmen Conde ou Nuria Vázquez e a valenciana Paula Carbonell— buscan crear espazos reais para dar a alternativa ás novas voces da narración oral.

Outra vía de traballo son proxectos como o recente Mapa de Seres Máxicos do Reino de Galicia, con guión de Manuel Gago e ilustracións de Leandro Lamas. Un proxecto para todos os públicos, divulgativo e visual que da conta da riqueza e diversidade da tradición oral galega a través de 34 seres máxicos. Deseñado para ser contado e reimaxinado en familia, o mapa axuda a manter viva esa parte do patrimonio inmaterial galego, contribuíndo a evitar a súa desaparición pero tamén a atopar un oco na nosa nova sociedade.

Ademais, por primeira vez, o festival establece acordos coas universidades galegas para impulsar accións formativas e abrir espazos de formación artística e de xestión cultural arredor da narración oral. Unha colaboración que se engade ás que xa mantén con máis de 30 entidades culturais e museos, tecendo unha rede de sinerxías que reforzan o vínculo co territorio e coas súas comunidades.

Por riba de todo, historias

Mais alén destas liñas de acción a prol da tradición oral, Atlántica segue a defender o seu destacado lugar no mundo dos festivais da narración oral grazas a unha programación sólida onde collen historias para todas e todos. As 80 funcións programadas inclúen estreas absolutas como Fare le corna do italiano Simone Negrin, un espectáculo creado ex profeso para botar lonxe a mala sorte nesta edición número 13, as esperadas Novas historias do filandar do zamorano ‘Don Guti’, o Contara de Celso Fernández Sanmartín e Memorias do lume, un exercicio de autonarración da propia Soledad Felloza.

O festival trae tamén historias que se escoitarán por primeira vez no estado español como as de Inés Álvarez, una asturiana asentada desde hai máis de dúas décadas en Escocia e integrante do Scottish Storytelling Forum, ou as do portugués Miguel Gouveia. Todo isto sen esquecer as estreas en Galicia, caracterizadas pola súa variedade: a mestura de poesía e robótica que destilan os Artiloxios do aragonés Oswaldo Pai, o bo facer cos máis pequechos da valenciana Paula Carbonell, o sotaque isleño que regalan as canarias Loreto Socorro e Laura Escuela e as emociones agochadas nas Historias de ida e volta de Larraitz Urruzola.

A alquimia dos contos

Volven nesta edición as fórmulas gañadoras de anos previos e que demostraron que todo mellora cos contos. Son bos exemplos os roteiros, que xa chegan a cinco concellos e que saen dos espazos urbanos (Rótulas urbanas con Elvira Carregado en Ourense ou Ferrol na historia con Margarita Sánchez) para pasear por castros (como o das Barreiras de Vimianzo con Tito Concheiro), petróglifos (os de Bouza Badín de Dodro con Manuel Santos Estévez) e mesmo montan en barco para visitar a ría de Ferrol (O porto ilustrado con Guillermo Llorca).

A arxentina Carolina Arabia, autora do exitoso De cantos y animales, serán tamén quen de amosar o poder alquímico das historias na transmisión do coñecemento, ao igual que o antropólogo Rafa Quintía (No país das cousas marabillosas, coas caldupeiras da A.V. Porto do Cabo).

Castelao: homenaxe ao narrador

Como novidade, nesta edición, Atlántica rende homenaxe a Castelao no 75 aniversario do seu pasamento, recoñecendo o seu papel clave na recuperación da cultura galega e o seu talento como narrador de historias. As testemuñas orais lembran a súa capacidade para emocionar co verbo, co conto breve e coa palabra viva. Atlántica quere celebrar tamén ese Castelao contador.

Esta reivindicación materializarase en dúas actividades, a primeira, unha lectura pública da obra de Castelao aberta á cidadanía no Panteón de Galegos Ilustres (Como dicía Castelao, 1 de xullo, 11.30-20.30 h,) que terá un peche festivo cun concerto das Bouba Pandeireteiras (1 de xullo, 21 h, CSC Maruxa e Coralia). E a segunda, un roteiro narrado polas rúas de Santiago da man de Quico Cadaval e mais Carme Varela que rememorará os nove anos de Castelao na cidade (A pegada de Castelao, 3 de xullo).

Quentando motores con Atlántica Miúdo

Como en anos anteriores, o Atlántica Miúdo opera como o a inauguración oficiosa do festival levando as historias ata as escolas nos últimos días do curso. Así, desde o 13 de xuño estase a desenvolver un programa especial concibido para alumnado de centros de Ordes, Brión e Pazos de Borbén. Tamén están previstas funcións nas bibliotecas públicas de Santiago e Vigo e mais no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). E, por suposto, durante as datas oficiais do festival, Atlántica inclúe unha grande oferta para a cativada e as súas familias que se pode consultar, co resto da programación, na web festivalatlantica.gal.

O XIII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Cultura e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, Pazos de Borbén, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo, Vilalba  Vimianzo e a Fundación Pública Camilo José Cela.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

+INFO: http://festivalatlantica.gal

FOTO: De esq a dereita: Natividad Parada, Manuel Fariña, Mónica Rodríguez, Xosé Penas, Anxo Lorenzo, Soledad Felloza, Míriam Louzao, Margarita Rosende, Cruz Rivadulla e Xosé Luciano Otero (FOTO: Miguel Muñiz)

  • Natividad Parada | Concelleira de Educación de Sanxenxo
  • Manuel Fariña | Tenente de alcalde e concelleiro de Cultura de Caldas de Reis
  • Mónica Rodríguez | Alcaldesa de Vimianzo
  • Xosé Penas | Deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña
  • Anxo Lorenzo | Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia
  • Soledad Felloza | Directora do Festival Atlántica
  • Míriam Louzao | Concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica de Santiago
  • Margarita Rosende | Concelleira de Cultura de Teo
  • Cruz Rivadulla | Concelleira de Educación, Igualdade e Diversidade de Ribeira
  • Xosé Luciano Otero | Alcalde de Pazos de Borbén

Dossier-prensa-Festival-Atlantica-2025_compressed

HENKO A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: A PINZA

No mesmo trazo conviven un esquío morto no alcatrán e un barco de papel que procura a esperanza.

Mira ben. Un can ladra inferno. Un lobo ouvea desgraza. Escoita.

Ti termas da cegueira, sostela, elíxela. Eu digo franxa. De que serve. De nada.

No mesmo trazo no que se estende a escuridade dunha creba irreparable, eu ergo a chanta.

Xa sei. Ti dis xeopolítica e cres ter razón, eu proclamo torpemente vida. Cinguida, presa a un fío feble.

Madía leva, eu non sei. Váiseme a pinza, a pinza coa que ti sostés o xenocidio e a túa mirada inhumana. Que lle pode supor á túa piscina o sangue afastado dun neno asasinado.

No mesmo trazo ti, que estendes a sombra da morte. E eu, que pronuncio, aínda, inutilmente, Palestina.

Pero claro, é a min a quen se me vai a pinza.