Dezaoito compañías percorrerán os vieiros da sétima edición de Camiño Escena Norte

O programa de intercambio cultural, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Agadic, celebrarase do 12 de setembro ao 26 de outubro baixo o lema Sementar, coidar, xermolar e incorpora A Rioxa como sexto territorio

As compañías Chévere, Paula Quintas Cía. e Pérez e Fernández representarán a Galicia no Itinerario Constelacións

Sementar, coidar, xermolar. Así sintetiza a súa historia Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas no que participan compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa. Na súa sétima edición, que se celebrará do 12 de setembro ao 26 de outubro, o Itinerario Constelacións contará con 18 compañías que ofrecerán espectáculos e actividades en escenarios situados polos distintos territorios que conforman o proxecto. En 2025, ademais da xa anunciada incorporación da escena rioxana, o programa estrea FOCOS, unha proposta de actividades de dinamización sectorial e promoción exterior dun dos territorios participantes, e que nesta primeira edición protagonizará Cantabria, que hoxe acolleu a presentación oficial do CEN. 

Os 18 espectáculos que formarán parte do Itinerario Constelacións, eixe central do CEN, foron seleccionados por seis comisións profesionais independentes de axentes do sector, unha en cada comunidade implicada, co obxectivo de que o programa mostre parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas, producións para público adulto e familiar, de teatro, danza e artes do movemento e novo circo.

Asúi, nesta sétima edición, Galicia intervirá no intercambio cultural de CEN da man do Grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014, que xirará con Hellen Keller, a muller marabilla?; Paula Quintas Cía., co seu espectáculo Multiperspectivas#3, e Pérez& Fernández, que estreará fóra do país, e en castelán, Nanay de la China. 

Pola súa banda, Asturias achegará o traballo de Guayominí Producións, que presentará Hamlet; Zig Zag Danza, que xirará con Postais rotas; e La Roca Producciones, que participará con Zozobra. Cantabria amosará o traballo de El Tejo Producciones con El jardín de las posibilidades; Ábrego Teatro con Soñando a Lorca; e Escena Miriñaque, Premio Nacional de Artes Escénicas para a Infancia e a Mocidade 2024, xirará con 

No caso de Euskadi, seleccionáronse El dilema del corcho, de Tartean Teatro; Pausa, de niMú; e Progreso, de Olatz Gorrotxategi. Precisamente estes dous últimos espectáculos estrearanse fóra do País Vasco grazas ao CEN. Pola súa banda, Navarra ofrecerá Halley, de Led Silhouette; Una mera curiosidad, de Producciones Maestras e Yúgen, de La Banda Teatro Circo. Por último, A Rioxa estrea a súa participación nesta sétima edicion do CEN coas compañías El Perro Azul e o seu Globe Story; Chamán Producciones con Oveja perdida ven sobre mis hombros que hoy no solo tu pastor soy sino pasto también;  e Sapo Producciones con Te regalo el sol.

SEMENTAR, COIDAR, XERMOLAR

Nesta sétima edición, Camiño Escena Norte elixe un lema Sementar, coidar, xermolar, que relaciona o proxecto co concepto de sementeira e natureza; ideas que suma a outras que promoverá desde a primeira edición, como sustentabilidade, paisaxe, camiño e resistencia. Da mesma maneira, CEN segue neste 2025 o proceso de sementar entre os públicos a súa paixón polas artes escénicas, coidando o proxecto desde o seu nacemento para que floreza en todos os territorios, mesmo nas condicións máis desfavorables, e ata o seu encontro coas espectadoras e cos espectadores. 

ESTREA DE FOCOS: FOCO CANTABRIA

Unha das novidades desta edición é a creación dos FOCOS, conxunto de iniciativas que dinamizarán a actividade cada ano nun territorio diferente, e desta quenda será Cantabria. FOCO CANTABRIA conterá un coidado programa de actividades, desde accións de promoción do sector escénico cántabro ata o Encontro Habitación Peregrina PRO, que pasa a ser un programa itinerante -o espazo profesional celebrouse de 200 a 2024 en Lugo- que se celebrará no Palacio de Festivais de Cantabria (Santander) do 16 ao 18 de setembro. A inscrición para este encontro abrirase no mes de xullo.

Os FOCOS tamén determinarán a autoría do cartel e a imaxe de cada edición do CEN. Este ano a deseñadora cántabra Isabel de la Sierra asina a imaxe que acompañará a programación. A proposta visual foi construída a partir do lemaSementar, coidar, xermolar. Para a deseñadora, “representa como o teatro non só se contempla, senón que se vive, sente e transforma. Con esta imaxe mostramos o teatro desde dentro: a arte escénica atravésanos, seméntase na alma e florece como memoria viva. Así acontece en cada paso do CEN: é unha floración interior provocada pola arte escénica, que atravesa cada territorio e cada espectador“.

Cada unha das catro versións do cartel mostra unha figura humana distinta, reforzando a riqueza e diversidade cultural de CEN. De la Sierra explícao así: “As súas flores e escenas teatrais transfórmanse para reflectir a identidade e singularidade cultural de cada territorio, reforzando a riqueza e diversidade do Camiño Escena Norte. Cores vivas, siluetas teatrais e unha estrutura vertical achegan á imaxe un carácter contemporáneo, expresivo e memorable. É unha proposta visual que transmite maxia, emoción e transformación. Unha mirada que xermola porque foi tocada pola escena”.

CATÁLOGO DE ESPECTÁCULOS RECOMENDADOS CEN 2025

O Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte é unha das ferramentas que promove CEN. Trátase dun selo de calidade que serve de promoción e apoio á distribución das propostas das compañías fóra da súa contorna habitual. É o caso da utilidade que supón, por exemplo, para as programadoras dos demais territorios CEN, mais tamén para os do resto do Estado. 

Tanto este Catálogo coma a programación do Itinerario Constelacións utilizan un sistema de selección de espectáculos baseado en comisións territoriais. Un total de 30 expertas traballaron de maneira colexiada e, por medio dun proceso de selección transparente e garantista, realizouse unha clasificación da que saíron os 36 espectáculos que conforman neste 2025 o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte. Deses 36, seis por comunidade, saíron os 18 espectáculos mencionados anteriormente e que xirarán este ano nas Itinerario Constelacións.


ORGANIZACIÓN

CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas ESCENA GALEGA (Galicia), ESCENASTURIAS (Asturias), ACEPAE (Cantabria), ESKENA (Euskadi), ESNA (Navarra) e AESCENA (A Rioxa). Todas elas, unidas, conforman a supraentidade Camiño Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción do proxecto. 

CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das seis comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Goberno de Navarra, Gobierno de La Rioja e Ministerio de Cultura. Colabora tamén a Deputación Provincial de Lugo e Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial. Ademais, Camiño Escena Norte conta nesta edición coa colaboración especial da Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.

20250625-NP-Camino-Escena-Norte-2025

Ferrolterra reforza a súa aposta pola narración oral no Festival Atlántica 2025

  • Ferrol acollerá seis espectáculos entre os días 3 e 5 de xullo, incluíndo un roteiro en barco pola ría e contadas de artistas internacionais como Inés Álvarez ou Simone Negrin
  • Mugardos recunca como sede cunha programación que inclúe unha proposta sobre a memoria das lavandeiras e un espectáculo co foco na tradición oral zamorana
  • Todas as activades son gratuítas pero para os roteiros cómpre realizar inscrición previa
  • Esta edición inspírase nos sanandresiños de Teixido como símbolo de protección e memoria
  • Toda a programación pódese consultar na web festivalatlantica.gal

Festival Atlántica regresa un ano máis a Ferrolterra cunha programación que consolida esta comarca como un dos epicentros da narración oral en Galicia. Entre os días 3 e 5 de xullo, Ferrol e Mugardos serán escenario de contos, músicas e roteiros narrados cun total de oito propostas gratuítas dirixidas tanto a público infantil como adulto.

Precisamente en Ferrol a programación foi presentada esta semana por José Antonio Ponte Far, concelleiro de Cultura, e Soledad Felloza, directora de Atlántica. O programa ferrolá arrincará o xoves 3 de xullo co espectáculo familiar Un neno, un can, un gato e un pito da valenciana Paula Carbonell, ás 12.00 h no Centro Cívico de Canido. Unha sesión chea de imaxinación, ritmo e tenrura, onde as palabras xogan co público e cada historia convida a rir, sorprenderse e soñar. Ideal para compartir en familia e deixar que a fantasía nos leve da man.

Esa mesma tarde, ás 19.00 h, terá lugar o roteiro Ferrol na historia: a súa igrexa de San Xiao, guiado pola historiadora ferrolá Margarita Sánchez. Grazas á súa voz experta, os participantes terán a oportunidade de entender non só un edificio, senón o espírito dunha época que fixo de Ferrol unha cidade clave na historia de Galicia. Aínda quedan prazas para esta actividade pero cómpre realizar a inscrición previa na web atlantica.gal.

Ás 20.30 h, tamén no Centro Cívico de Canido, o público poderá gozar do espectáculo Polos camiños do norte: unha ponte de contos entre tres terras celtas da contadora Inés Álvarez Villa, que trae desde Escocia un fío narrativo que une ese país conn Irlanda e Asturias, tres terras célticas irmáns que comparten lendas, emocións e memorias. Contos tradicionais e vivencias persoais entrelázanse para construír unha ponte de palabras capaz de atravesar fronteiras, tempos e silencios. Porque contar tamén é recoñecerse no outro, celebrar o común e manter acesa a chama do que nos une.

venres 4 de xullo, ás 11.00 h, o historiador Guillermo Llorca guiará o roteiro en barco O porto ilustrado, partindo do porto de Curuxeiras. Esta é a terceira proposta de Llorca no marco de Atlántica e desta volta conxuga patrimonio, paisaxe e historia, porque coñecer o porto é entender a alma dunha cidade atlántica. A actividade esgotou as súas prazas ao pouco de ser anunciada nas redes sociais pero a boa acollida animou á organización do festival a ampliar prazas que xa están dispoñibles desde hoxe, mércores 25, na web de Atlántica.

Xa pola noite, ás 20.30 h, Simone Negrin, unitaliano con alma galega, mesturará humor e superstición en Fare le corna, un espectáculo para adultos que se presentará tamén no Centro Cívico de Canido. O público gozará cunha escolma de contos para espantar a mala sorte… á italiana. Historias disparatadas e entrañables que xiran arredor da sorte —a boa, a mala e a que depende de quen conta— nunha sesión que mestura teatro, narración e moita complicidade co público. Porque, como dicía o gran Peppino De Filippo: “Non è vero… ma ci credo!”.

A programación ferrolá pecharase o sábado 5 de xullo cun concerto narrado moi especial: Patios de luz de Su Garrido Pombo (21.00 h, Baluarte de Canido). Trátase dun espectáculo íntimo e emocionante que nos convida a percorrer as curvas da memoria que levan da aldea á cidade… e de volta. É a historia das nosas avoas, das veciñas que marcharon, das hortas que quedaron atrás, dos patios onde latexa a vida que non sae na foto.

Mugardos, historias que cantan á memoria

Pola súa banda, Mugardos repite como sede do festival con dúas funcións no Centro de Interpretación de Caldoval, ambas ás 21.00 h. O xoves 3 de xullo, Vero Rilo e Santi Cribeiro presentarán Lavandeiras, unha emotiva viaxe polas historias de mulleres e a súa relación co traballo, a memoria e a identidade. Mulleres que de xeonllos, coas mans na auga e os pensamentos a ferver, lavaban roupa… e tamén feridas. En Lavandeiras, Rilo e Cribeiro poñen voz e música a esas historias silenciadas que fluíron polos regatos e polos tempos. Un ritual escénico para cantar o que se calou e para tender, ao sol da xustiza poética, as historias de mulleres que lavaron máis que roupa.

Ao día seguinte, o venres 4, será a quenda de Novas historias de filandar, do recoñecido narrador José Luis Gutiérrez ‘Don Guti’, un tributo ás voces anónimas do rural zamorano. Contos que veñen das cociñas acesas, das leiras traballadas, dos seráns compartidos e das voces anciás que gardaban o mundo enteiro nunha historia. Neste espectáculo, o romance e a tradición oral entrelázanse coma fíos nun tear antigo, fiando lembranzas, saberes e emocións. É unha homenaxe sentida a quen contou antes ca nós, a quen nos legou contos como quen deixa un pan na mesa. Un acto de gratitude e de resistencia fronte ao esquecemento, que nos convida a regresar a ese tempo no que a palabra dun vello era necesaria.

Palabra viva como amuleto

Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.

A presenza de Atlántica en Ferrolterra é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ao patrocinio dos concellos de Ferrol e Mugardos e á colaboración da Asociación Veciñal de Canido e do Centro de Interpretación de Caldoval. Ferrolterra forma parte das máis de 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web: www.festivalatlantica.gal.

FESTIVAL ATLÁNTICA

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

+INFO: http://festivalatlantica.gal

20250625-NP-Atlantica-2025-en-Ferrolterra

DOSSIER FESTIVAL ATLÁNTICA 2025 (FERROLTERRA)

FERROLTERRA-2025-Dossier-FA_compressed