Concertos audiovisuais e inmersivos, noites de club e performances son algunhas das propostas que a oitava edición de WOS Festival ofrecerá do 11 ao 14 de setembro en máis de dez espazos de Santiago de Compostela
Após o anuncio do regreso do festival, o público esgotou en menos de 48 horas os abonos Festival Pass e Weekend Pass a prezo reducido
WOS Festival X SON Estrella Galicia dá a coñecer os primeiros 14 nomes de artistas de referencia que formarán parte do ‘line up’ da súa oitava edición, que se celebrará do 11 ao 14 de setembro en Santiago de Compostela, e que ofrecerá unha programación máis nítida, urxente e conectada ás tensións que atravesan a cultura contemporánea.
Abdullah Miniawy, aya & MFO present hexed!, Batu, Beatrice Dillon, Carme López, CCL, Djrum, Lord Spikeheart, Los Thuthanaka, Masayoshi Fujita, Nazar, Objekt, Simo Cell e Tarta Relena confirman a súa presenza no festival, que levará a electrónica de vangarda e a exploración sonora a teatros, clubes, igrexas, salas de concertos e outros espazos sobranceiros da cidade.
Ao longo de catro días, Santiago de Compostela vivirá concertos audiovisuais e inmersivos, performances, noites de club e encontros únicos da man de 14 artistas cuxa presenza será significativa a nivel galego e estatal. No marco de WOS Festival, o performer exipcio Abdullah Miniawy estreará Peacock Dreams en España, mentres que proxectos como Los Thuthanaka visitarán por primeira vez o país, e as xiras internacionais doutras figuras terán en Santiago de Compostela a súa única parada, como é o caso do vibrafonista xaponés Masayoshi Fujita, que dará a coñecer Migratory. Ademais, nomes consolidados como Djrum, Nazar o Simo Cell (en ‘live’) compartirán programación co dúo Tarta Relena, que presentará en Galicia o seu último álbum, És Pregunta; ou artistas locais emerxentes como Carme López.
O regreso do evento -logo dunha pausa no 2024- gozou dunha grande acollida entre o público, que en menos de 48 horas esgotou os abonos ‘Early Birds’ (a prezo reducido) dispoñibles, tanto no formato Festival Pass (acceso a todos os eventos durante os catro días de WOS) coma Weekend Pass (para os concertos do días 12, 13 e 14 de setembro). Após o ‘sold out’, WOS Festival optou por habilitar o seguinte tramo de billetes co prezo de venda anticipada. Deste xeito, os abonos pódense adquirir tanto en Ataquilla coma en DICE.
Para favorecer que a cultura contemporánea chegue á meirande parte da poboación, a organización ofrece un desconto do 10% sobre os abonos Festival Pass e Weekend Pass para as persoas que sexan usuarias de Carné Xove, estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), desempregadas ou que conten con tarxeta acreditativa do grao de diversidade igual ou superior ao 33%. Á hora de retirar a pulseira de acceso ao WOS, deberán acreditar o seu desconto.
KINTZINGDuna Vallès Mestre
WOS Festival X SON Estrella Galicia
WOS Festival x SON Estrella Galicia é o festival referente no ámbito da música electrónica e de vangarda a nivel estatal e festexará a súa oitava edición en Santiago de Compostela do 11 ao 14 de setembro. Ao longo de catro xornadas, o evento promovido pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY ofrecerá unha programación coidada, multidisciplinar e de notable calidade artística, na que participarán numerosas figuras recoñecidas internacionalmente en máis de dez espazos emblemáticos da cidade. Desde teatros e igrexas ata clubes e lugares inesperados, o festival reactivará a cidade cunha perspectiva única sobre o son e a cultura contemporánea.
O evento, recoñecido como Mellor Festival Indoor de Europa 2018 nos European Festival Awards, e que nos Iberian Festival Arwards foi galardoado á Mellor Promoción Turistica 2018 e como Mellor Festival Indoor Nacional 2023, conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e co apoio institucional da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia -no marco de Concertos do Xacobeo-, Deputación da Coruña e Concello de Santiago de Compostela; ademais de Gadis e Fundación Japón, Madrid.
Primeras confirmacións WOS 2025
Abdullah Miniawy aya & MFO present hexed! Batu Beatrice Dillon Carme López CCL Djrum Lord Spikeheart Los Thuthanaka Masayoshi Fujita Nazar Objekt Simo Cell Tarta Relena
O tema, a primeira colaboración entre as dúas bandas, é un canto ao orgullo cultural que se poderá escoitar nas plataformas dixitais a partir do 25 de xuño
Desde hoxe xa están dispoñibles os convites nas tendas Fnac de Vigo e da Coruña para asistir esta fin de semana á presentación de Hibernarse tanto no MARCO (venres 27) coma na Fundación Luis Seoane (sábado 28)
As dúas formacións, que beben das raíces e dos ritmos de Galicia, Andalucía e o Caribe, asinan en A todas partes o seu primeiro traballo en común, que nace do encontro entre diferentes mundos musicais unidos pola diversidade de acentos, experiencias e linguas. Así, esta canción é, a ollos de Fillas de Cassandra e Çantamarta, un cable á terra; un canto aos lugares nos que medraron e dos que están feitas, marcadas polas xentes, as paisaxes e as identidades; mais tamén achega unha reflexión das idas e dos retornos, da saudade e do desexo de manter viva a admiración e o agarimo pola terra. Unha canción que é unha voz e que esta, á vez, é moitas e chega a todas partes.
Fillas de Cassandra salienta que a colaboración naceu da admiración do dúo por Çantamarta. “Lanzámonos ao abismo ao facer a proposta. Non nos coñeciamos en persoa, mais sabiamos que queriamos crear algo con eles”, apuntan María e Sara, que recoñecen “estar cheas e felices” por ter compartido con Beni, Luis e Omar, “tanto dentro do estudio coma fóra del”, o proceso. “Todas volcamos a nosa creatividade e sentímonos libres de expresar as nosas necesidades. Agora, con cada escoita do tema, as bágoas asoman un chisco; pois percibimos toda a contorna das raíces e a unión de todas elas moi dentro de nós”, sinalan.
Pola súa banda, Çantamarta asevera que “sinte un fondo respeto e admiración” por Sara Faro e María SOA. “É unha honra ter creado esta peza con elas polo xeito no que se xuntaron as nosas propostas, na que que destacan, por igual, todas as cousas que nos unen e as que nos distinguen. Cremos que é algo que enriquece a todos e cada un dos versos que compoñen unha canción tan linda e especial”, expresa o trío, que engade: “O que acontece con Fillas de Cassandra e Galicia é o mesmo que nos identifica co Caribe e Andalucía. Non entenderiamos o noso proxecto sen eses códigos, sen esas linguaxes nin as culturas que representan. Por iso, para nós, este track é un cable á terra”.
Convites dispoñibles para a presentación do EP Hibernarse
Desde as 10.00 horas de hoxe, luns 23 de xuño, están dispoñibles nas tendas Fnac de Vigo e da Coruña os convites para asistir (tanto o venres 27 ás 20h no MARCO coma o sábado 28 ás 21h na Fundación Luis Seoane) á presentación, ao vivo, de Hibernarse, o último EP de Fillas de Cassandra. María SOA e Sara Faro darán a coñecer o seu novo álbum acompañadas de dous instrumentistas e dunha escenografía creada para a ocasión.
Con cada reserva do vinilo no punto de atención á clientela das tendas Fnac, entregarase unha entrada dobre para asistir ao concerto na cidade correspondente. Os convites estarán dispoñibles até o mesmo día de cada concerto (sempre que no se esgoten antes).
Santiago acolle 24 actividades entre o 30 de xuño e o 5 de xullo, con funcións para público infantil, familiar e adulto, en centros socioculturais, rúas, museos e espazos patrimoniais
A vida e obra de Castelao protagonizará un maratón de lectura pública e un roteiro narrado con Cadaval e Carme Varela que logo de esgotar as súas prazas, abrirá reservas para unha nova edición a partir de hoxe, 24 de xuño
Pola súa banda, Teo programará 5 espectáculos dirixidos a públicos diversos en espazos naturais, escolares e patrimoniais
Esta edición de Atlántica inspírase nos sanandresiños de Teixido como símbolo de protección e memoria
Toda a programación é gratuíta, con algunhas actividades que requiren inscrición previa, e pódese consultar na web festivalatlantica.gal
A palabra contada volverá ocupar espazos públicos, centros culturais e lugares emblemáticos de Santiago e Teo da man do Festival Atlántica que nesta edición de 2025 volve apostar por unha programación diversa, inclusiva e interxeracional. Entre o 30 de xuño e o 5 de xullo, Compostela converterase nun dos grandes escenarios do festival, con 24 propostas en castelán, galego e portugués, e presenza de artistas galegos, estatais e internacionais.
O programa compostelán arrancará o luns 30 de xuño co espectáculo Artiloxios, do aragonés Oswaldo Pai, no Teatro Principal (19.00 h). Trátase dunha viaxe divertida e participativa a través de máquinas imposibles, trebellos imaxinativos e contos que celebran o absurdo e a creatividade. Os convites para esta proposta concibida para nenos maiores de 8 anos pódense retirar desde hoxe, martes 24, na Zona C (máximo 4 por persoa).
Ese mesmo día, ás 21.00 h, os xardíns do CSC Maruxa Coralia acollerán a estrea absoluta de Memorias do lume de Soledad Felloza, un exercicio de autonarración onde corpo, voz e memoria se entrelazan para manter aceso o facho do que fomos e do que poderiamos ser. Memorias do lume recolle historias herdadas, soñadas ou escoitadas á calor dunha pota ou baixo a lúa, relatos pequenos que non entran nas estatísticas pero que gardan o cerne do vivido. Un espectáculo que defende a narración oral como acto de resistencia, de coidado e de transmisión.
O martes 1 de xullo, de 11.30 ata ás 20.30 horas, o protagonista absoluto do festival será a figura de Castelao. O festival convida a participar na lectura pública de Como dicía Castelao no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. A actividade está aberta á cidadanía que pode participar lendo, escoitando ou formando parte do garda-escoita que asegurará que nunca falte público neste acto colectivo. Toda a información sobre a homenaxe pódese atopar na web festivaltalantica.gal. Este maratón de lectura terá un peche musical a cargo de Bouba Pandeireteiras ás 21.00 horas no CSC Maruxa Coralia.
O mércores 2, as contadas espallaranse durante a mañá polos centros socioculturais da cidade. No CSC Marrozos, Paula Carbonell e Nuria Vázquez presentarán Un neno, un can, un gato e un pito, unha sesión para pequenos e maiores onde os contos camiñan, saltan e voan ao ritmo da imaxinación . Haberá tamén funcións de Dani Blanco (12.00 h, CSC Vite, Circo de contos) e de Lorena Pinheiro (12.00 h, CSC Santa Marta, Cucú tapa o cu).
Xa pola tarde, Manuel Gago e Rafa Quintía guiarán unha andaina especial polas rúas de Santiago sobre o Mapa dos seres máxicos do Reino de Galicia seguida dunha presentación do propio mapa no CSC Maruxa Coralia. As prazas para o roteiro xa están esgotadas pero o acceso á presentación terá entrada libre ata completar a capacidade (19.15 h).
Unha vez remate a actividade, será o momento de escoitar Polos camiños do norte: unha ponte de contos entre tres terras celtas da contadora Inés Álvarez Villa, que trae desde Escocia un fío narrativo que une ese país con Irlanda e Asturias, tres terras célticas irmáns que comparten lendas, emocións e memorias. Contos tradicionais e vivencias persoais entrelázanse para construír unha ponte de palabras capaz de atravesar fronteiras, tempos e silencios. Porque contar tamén é recoñecerse no outro, celebrar o común e manter acesa a chama do que nos une. Canda ela estará tomando a alternativa unha nova voz da narración oral galega: Dani Lago.
A mañá do xoves 3 os contos volverás aos centros socioculturais da cidade da man de Cris Collazo (11.30 h, CSC Fontiñas, Procúrase Pepa a Loba), Charo Pita (12.00 h, CSC da Gracia, Andar aos biosbardos) e Luís Prego e Samuel Soto (12.00 h, CSC Figueiras, Na punta do pé).Pola tarde desenvolverase o roitero narrado A pegada de Castelao na compañía de Carme Varela e Quico Cadaval, xa coas reservas completas. Un percorrido pola Santiago de Castelao, evocando os nove anos que o rianxeiro pasou na cidade e que, xa no exilio, lembraba como tempo de ledicias. A través das súas palabras, o público adulto poderá redescubrir os espazos, as anécdotas e a alma dunha Compostela que falaba en badaladas, viños e callos. Os que non puideron conseguir praza nesta actividade, terán unha nova oportunidade a mañá do venres 4. As reservas para esta nova edición do roteiro abriranse hoxe, 24 de xuño, a partir das 12.00 h na web de Atlántica.
A noite do xoves rematará con Miguel Gouveia e Vénme ao bico un conto (21.00 h, CSC Maruxa e Coralia). O narrador portugués propón un encontro coa palabra contada, nun espectáculo para público adulto onde os contos flúen coa naturalidade da auga dunha fonte. Desde a Figueira da Foz, trae historias que xorden do cotián e convidan a compartir emocións, escoita activa e reflexión. Unha experiencia viva de comunicación e encontro entre quen conta e quen escoita, onde a imaxinación restaura o mundo palabra a palabra.
Seguindo a tónica do resto de días, a mañá do venres 4 de xullo, alén do devandito roteiro sobre Castelao, será tempo de historias para aos máis pequechos con Miguel Gouveia, Inés Álvarez Villa, Loreto Socorro e Paula Carbonell en diversos puntos da cidade. Pola tarde, ás 19.00 horas, o festival tomará o Museo do Pobo Galego con De cantos e animais, da arxentina Carolina Arabia. A investigadora e narradora presentará un relato íntimo e fascinante sobre os cantos que, en distintas culturas do mundo, foron creados para comunicarse con animais. Unha viaxe de oito anos que recolle testemuños e melodías de Colombia, Venezuela, Bután ou Marrocos, onde a voz humana se emprega para guiar, coidar ou consolar outras especies. Un espectáculo para público adulto que entrelaza narración e reflexión sobre a memoria sonora compartida entre especies.
Tamén o venres pero ás 21.00 horas, Atlántica regresa ao CSC Maruxa Coralia para explorar a marxe da realidade con Carmen Conde en O que non estaba escrito. Unha oportunidade para mergúllase nas historias que nunca pasaron ao papel, mais que viven na memoria oral e na imaxinación. Cun estilo que mestura realidade e delirio, Conde presentará unha escolma de relatos onde o cotián e o extraordinario conviven sen fronteiras. Unha proposta para público adulto que celebra as vidas anónimas e os contos improbables, devolvéndoos á palabra viva coa súa marca persoal. Nesta velada Carmen Conde estará acompañada de Aida Cobas, outra das novas voces da narración oral galega que se estrea nesta edición do festival.
A clausura de Atlántica en Santiago terá lugar o sábado 5 de xullo con dúas propostas moi especiais. A primeira, a estrea en Galicia de Historias de ida e volta, de Larraitz Urruzola, no Museo do Pobo Galego, ás 12 horas. Alí será o momento dun encontro cheo de emocións, lendas e tradición oral nun espectáculo para público familiar (+5 anos) no que conflúen contos populares, mitoloxía e memoria compartida. A través da súa experiencia vital entre Euskal Herria e Galicia, Larraitz ofrece unha mirada feminista e sensible sobre dúas culturas irmás, unidas pola palabra e a tradición.
E pola noite, ás 21.00 horas, no CSC da Rocha Forte, tempo para a estrea absoluta de Contara, de Celso Fernández Sanmartín, unha colleita de historias de vida para público adulto. Contos escoitados ao pé da cociña e nas leiras, historias doutras persoas que o narrador lalinés devolve coa súa palabra viva, directa e sen artificios. En Contara, a súa voz é sementeira de memoria e emoción e cada relato, unha peza dun patrimonio que segue a medrar grazas a quen sabe escoitar e contar.
En Teo, palabra con raíces fondas
O concello de Teo súmase un ano máis ao Festival Atlántica cunha programación diversa que convida á veciñanza a gozar da narración oral en espazos naturais, escolares e patrimoniais. Serán cinco funcións dirixidas a públicos diversos, con propostas para crianzas e tamén para público adulto.
A programación comeza o mércores 2 de xullo ás 12.00 h no Parque dos Tilos con Artiloxios, de Oswaldo Pai, unha sesión para nenos e nenas a partir de 8 anos que mestura narración e inxenio con obxectos inverosímiles e moito humor.
O xoves 3 de xullo, tamén ás 12.00 h, o CRA de Casalonga-Calo acolle Garavanciña, unha contada a cargo de Bea Campos, baseada nun conto tradicional sobre unha pequena heroína chea de coraxe. A proposta está pensada para público infantil ata 8 anos e familias.
O venres 4 de xullo, a narradora Aida Cobas presenta A fada do saco verde no CEIP de Ramallosa – Lucí (12.00 h), un espectáculo que transforma os medos infantís en aventuras con maxia e tenrura. Xa pola noite, ás 21.00 h, na Antiga Escola de Nenas de Oza, chega desde Portugal Miguel Gouveia con Vénme ao bico un conto, unha contada para público adulto na que a palabra se converte nun acto íntimo e compartido, coma auga que nace nunha fonte.
O programa pechará o sábado 5 de xullo ás 21.00 h na Aldea de Penelas (Cacheiras) coa proposta de Atenea García,Vicio houbo sempre, un espectáculo de narración oral con retranca, crítica e memoria, especialmente dirixido ao público adulto.
Palabra viva como amuleto
Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.
A presenza de Atlántica en Santiago e Teo é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ao patrocinio dos respectivos concellos e á colaboración do Museo do Pobo Galego, da A.C. O Galo e do CSC A Rocha. Santiago e Teo forma parte das 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web www.festivalatlantica.gal.
FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.