O XIII Festival Atlántica chega por primeira vez a Vimianzo cunha programación que mestura historia, tradición oral e espírito rebelde en tres propostas gratuítas pensadas para todos os públicos. O Castro das Barreiras e o Castelo —dous espazos cargados de simbolismo— converteranse en escenarios da palabra viva durante os días 29 de xuño e 2 de xullo. Deste xeito, Vimianzo intégrase na ruta do Festival Atlántica, comprometéndose coa cultura oral e a posta en valor do patrimonio a través das historias que nos conectan.
A xornada do domingo 29 de xuño abrirase ás 19:30 horas no Castro das Barreiras cunha visita guiada especial a cargo do arqueólogo e divulgador Ángel Concheiro, tamén coñecido como Tito Concheiro, quen achegará ao público adulto os segredos e a historia deste importante xacemento da Idade do Ferro, un dos mellor conservados da Costa da Morte. A actividade permitirá coñecer de preto os últimos achados e interpretacións sobre este antigo poboado fortificado, descubrindo a súa complexidade, arquitectura e relevancia histórica. Un convite a pisar sobre as pegadas da historia, a escoitar o que nos contan as pedras e a deixar que o pasado nos fale con voz nova desde o corazón da terra.
Cándido Pazó: historias para rir, lembrar e vivir
A continuación, ás 20:30 horas, tamén no castro, o recoñecido actor e narrador Cándido Pazó presentará Contar para vivilo, unha sesión para público adulto chea de humor, emoción e memoria. Co seu estilo inconfundible, Pazó ofrecerá historias e parrafadas que viaxan no tempo e nos levan de volta ás xentes e lugares doutrora.
Durante sesenta minutos, Pazó despregará o seu inconfundible estilo nunha viaxe feita só de palabras: contos, lerias e parrafadas que transitan por outros tempos, outras xentes e outros mundos, pero que falan directamente ás preocupacións e alegrías do presente. Un espectáculo que mestura retranca e tenrura, e no que o escenario se transforma nun lugar de encontro co vivido e co imaxinado. Porque quen sabe contar, fai que queiramos seguir escoitando. E quen escoita, vive dúas veces.
Pepa a Loba: aventuras, misterio e igualdade dende o corazón do conto
A programación completarase o mércores 2 de xullo ás 11:00 horas no Castelo de Vimianzo coa función Procúrase Pepa a Loba, da narradora Cris Collazo, unha proposta para crianzas a partir dos 5 anos —aberta tamén ao público xeral— na que a lenda da famosa bandoleira galega se transforma nun contacontos participativo con música, danza e moito misterio. A actividade forma parte tamén do campamento de verán da vila.
A historia lévanos ata o ano 1890, xusto no día da inauguración da taberna da mítica Pepa a Loba, figura rebelde e lendaria da tradición galega. A súa extravagante gavela —formada por Xan Quinto “o vello”, Maninocente e mesmo Calamity Jane— celebra a ocasión, mais algo se agocha nas sombras: un tesouro perdido que só Pepa coñece… e que precisa da axuda do público para atopar.
A narradora Cris Collazo ofrece un contacontos dinámico e divertido, no que se reivindica a amizade, a aventura compartida e a igualdade de xénero, todo nun entorno que convida a soñar e a xogar coa historia. Un convite para cativar a pequenos e grandes cunha heroína pouco convencional e moitas ganas de facer rebulir a imaxinación.
Palabra viva como amuleto
Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.
A presenza de Atlántica en Vimianzo é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao patrocinio do Concello da vila. Vimianzo forma parte das máis de 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web: www.festivalatlantica.gal.
Palabra viva como amuleto
Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.
A presenza de Atlántica en Santiago e Teo é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ao patrocinio dos respectivos concellos e á colaboración do Museo do Pobo Galego, da A.C. O Galo e do CSC A Rocha. Santiago e Teo forma parte das 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web www.festivalatlantica.gal.
FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), co patrocinio e financiación da Área de Cultura-Vicepresidencia d Deputación de Lugo, e coa colaboración do Concello de Vilalba, e dentro dos actos programados co gallo do 2025-ANO CASTELAO, organiza a representación teatral COUSAS, de Castelao, a cargo do grupo Os Quinquilláns.
O acto terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o venres 4 de xullo de 2025, ás 20:00 horas.
O FESTIVAL CELEBRA HOXE A SÚA DERRADEIRA XORNADA COS CONCERTOS DE CARLOS NÚÑEZ E ANTÍA MUÍÑO
Arrancou a primeira xornada do Festival do Pasatempo 2025 con tres dos grandes nomes do panorama musical estatal en galego e euskera, Tanxugueiras, ZETAK e Caamaño&Ameixeiras. O Parque do Pasatempo voltou un ano máis a acoller uns concertos que espertaron o espírito musical dun recinto inigualable que se vestiu de gala para a primeira das dúas xornadas desta edición.
A xornada comezou coa maxia e emoción de Caamaño&Ameixeiras, que coa súa reinterpretación da ritoloxía popular caldeou o ambiente. O prato forte chegou con Tanxugueiras, que cun potente directo amosaron por que son un dos grupos máis importantes da música galega. O fin de festa correu a cargo do navarro ZETAK, que coa súa enérxica electrónica pechou por todo o alto un día memorable.
O día de hoxe, última xornada do festival, destaca cun dos cabezas de cartel desta edición, Carlos Núñez, un dos maiores referentes internacionais históricos da música galega. A súa incursión no universo da folktrónica, xunto a produtores e creadoras que están a redefinir os sons da tradición, é outro exemplo da súa visión aberta e innovadora. Ao longo destes anos, Carlos Núñez vendeu máis dun millón de discos, obtendo un Premio Ondas, a Medalla Castelao e a de Galicia, dúas candidaturas en solitario aos Latin Grammy e galardóns arredor do mundo. Compartirá escenario e xornada con Antía Muíño, artista que se converteu nunha das revelacións da nova canción galega. Con “Carta Aberta”, o seu álbum debut, acumulou case 2 millóns de reproducións e foi escollida embaixadora de Spotify España na súa playlist EQUAL, saíndo nas pantallas de Times Square, en Nova York. A súa proposta é unha viaxe entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, perfectamente guiada pola maxia da súa voz.
O festival xorde como unha iniciativa para traer a artistas de primeiro nivel a un parque histórico, poñendo en valor a súa categoría de Ben de Interese Cultural. O espazo é un tesouro agochado da historia galega, construído no século XIX polos indianos da zona. A día de hoxe segue sendo un elemento impresionante en vías de restauración, polo que o evento, dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades e comunicación do mesmo, tamén visibilizará os procesos de resignificación dun dos espazos máis históricos e culturais da contorna.
O Festival do Pasatempo de Betanzos é un festival promovido pola promotora PlayPlan, artífice de festivais como o SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra, Fumega Fest ou das carreiras artísticas de Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Hugo Guezeta, Sabela ou Vimbio entre moitos outros. Ademais, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo, así como coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos, e o patrocinio de El Águila.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a palestra CASTELAO POLÍTICO 1916-1950, impartida por Uxío-Breogán Diéguez, historiador e director da cátedra de Memoria Histórica da UDC. Presentará: Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.
O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o xoves 3 de xullo de 2025, ás 20:00 horas.
Tamén permanece aberta ao público na mesma Casa da Cultura a Exposición SEMPRE EN GALIZA 1944-2024.
A comarca do Barbanza converterase nun dos epicentros da palabra viva grazas á nova edición do Festival Atlántica, que levará sete espectáculos gratuítos de narración oral a Outes, A Pobra do Caramiñal e Ribeira entre o 28 de xuño e o 11 de xullo. A programación, pensada maioritariamente para público adulto, combina tradición, música, memoria e humor, con voces chegadas de Galicia, Portugal, Aragón e Canarias. Con estas propostas, o Festival Atlántica consolídase como unha cita imprescindible no Barbanza co poder da oralidade, celebrando a diversidade de voces e o vínculo co territorio a través das historias.
Outes: historias entre mares e lavadoiros
A programación comezará o sábado 28 de xuño ás 20.30 h no Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira en Broña con Meu mar, un espectáculo de narración oral no que se atopan dúas beiras e dúas voces: a canaria Laura Escuela e o galego Caxoto. Xuntas emprenden unha travesía poética e emocional na que o mar deixa de ser só escenario para se converter en memoria, ponte e espello. Entre contos, salitre e vento, os dous narradores tecen relatos que flúen coma as mareas, cruzando fronteiras e celebrando a oralidade como territorio común. Meu mar é unha homenaxe á identidade compartida e á forza das historias contadas dende a raíz, pero sempre dispostas ao encontro.
O venres 11 de xullo, tamén ás 20.30 h, a Terraza do Náutico no Freixo acollerá Lavandeiras, unha proposta chea de poesía e música de Vero Rilo e Santi Cribeiro (Galicia), que revisita as historias e cantos das mulleres que lavaban nos regatos. Unha emotiva viaxe polas historias de mulleres e a súa relación co traballo, a memoria e a identidade. Mulleres que de xeonllos, coas mans na auga e os pensamentos a ferver, lavaban roupa… e tamén feridas. En Lavandeiras, Rilo e Cribeiro poñen voz e música a esas historias silenciadas que fluíron polos regatos e polos tempos. Un ritual escénico para cantar o que se calou e para tender, ao sol da xustiza poética, as historias de mulleres que lavaron máis que roupa.
A Pobra do Caramiñal: tradición e memoria en espazos únicos
A actividade comezará o xoves 3 de xullo ás 21.00 h no Cine Elma con Artiloxios, do artista aragonés Oswaldo Pai, unha combinación de contacontos, poesía e dispositivos robóticos para público infantil (+8 anos) e adultos. Oswaldo Pai trae ao Festival Atlántica un espectáculo para todos os públicos que transforma a poesía nun xogo sensorial cheo de inventiva e humor. Artiloxios é unha festa de versos e artefactos: máquinas caseiras e marabillosas que fan soar os poemas, acenden a imaxinación e fan rir.
Entre engrenaxes e palabras aparecen o grafitófono, o susurrófono ou o ascensor ascensonórico, dispositivos únicos que acompañan a lectura de textos de autores como Gloria Fuertes, Lorca, Maria Elena Walsh ou Gerardo Diego, entre outros. Un espectáculo lúdico e sorprendente que esperta a curiosidade e celebra a poesía como unha experiencia viva, chea de ritmo, misterio e inventos imposibles.
O venres 4 de xullo, tamén ás 21.00 h, os Xardíns do Pazo do Couto serán o escenario de Vicio houbo sempre, da actriz e narradora. A narradora dá voz ás mulleres que viviron —e gozaron— fóra do relato oficial. A partir de conversas con maiores de máis de 85 anos, constrúe un espectáculo íntimo e poderoso no que o pracer, a sexualidade e a liberdade se contan sen vergoña e con moito humor. A frase que abre o espectáculo, “Vicio houbo sempre, grazas a Dios!”, marca o ton dunha proposta que rompe silencios e recupera historias de vida contadas dende as marxes, sen censura nin moralismos. Un exercicio de memoria feminista que reivindica os corpos, os desexos e a forza das palabras que non cadraban co que se esperaba delas. Porque tamén hai revolución en falar de sexo despois dos oitenta.
O ciclo na Pobra pecharase o sábado 5 de xullo ás 21.00 h no Castro de Posmarcos cunha sesión moi especial: Novas historias de filandar de José Luis Gutiérrez ‘Don Guti’ (Zamora), un tributo ás voces anónimas do rural zamorano. ‘Don Guti’ regresa ao universo das súas vellas sabias cun novo xiro narrativo. Novas historias de filandar mergúllase na memoria das mulleres que cosían, mataban porco, enchían chourizos ou contaban contos ao carón do lume, para construír un espectáculo cheo de retranca, irreverencia e verdade.
Nesta nova e esperada entrega, o narrador dálle voz ao seu alter ego máis canalla, tabernario e provocador, e lánzase a contar —sen filtros— esas historias de antes que aínda nos revolven por dentro e nos fan morrer de risa. Un festín oral que convida a escoitar coma se fósemos de novo cativos á beira da cociña, coa pota ao lume e unha xerra de viño enriba da mesa. Porque ás veces, a verdadeira revolución é deixarse tocar pola memoria.
Ribeira: espazos singulares para a palabra
O venres 4 de xullo ás 21.00 h, o Lavadoiro de Penisqueira será o escenario de Contara, do poeta e narrador Celso Fernández Sanmartín, unha colleita de historias de vida para público adulto. Coa súa voz serena, ‘Celsiño’ achega ao Festival Atlántica un espectáculo que non busca o ruído nin a sorpresa, senón a verdade que agroma nas palabras herdadas. En Contara, o narrador lalinés toma historias do mundo rural e dálle corpo nunha proposta íntima e profunda. Non hai artificio nin présa: só o ritmo da memoria, o humor calado e a poesía da fala popular. Celso escoitou moito e agora ofrece ese tesouro en forma de contos que parecen pequenos, pero gardan dentro a vida enteira. Contara é un exercicio de escoita compartida, unha homenaxe á tradición oral e unha defensa da palabra como semente que cómpre coidar.
Ao día seguinte, o sábado 5 de xullo tamén ás 21.00 h, o Piñeiral da Corna en Palmeira acollerá Vénme ao bico un conto, unha sesión para adultos de Miguel Gouveia (Portugal) que estará acompañado por Aida Cobas (Galicia), unha das novas voces da narración oral galega que se estrea nesta edición do festival.
Neste espectáculo, pura delicadeza oral, a palabra brota fresca e limpa, coma a auga que nace nunha fonte. Un instante de encontro onde quen conta e quen escoita tecen xuntos un espazo de pausa, beleza e complicidade. A través de historias cotiás e universais, Gouveia e Cobas constrúen un tempo de intimidade no que imaxinación e emoción camiñan da man. Porque contar é tamén dar sentido, recuperar a esperanza e lembrar que as historias —ditas no momento xusto— poden ser un refuxio, unha revelación ou simplemente unha caricia no pensamento.
Palabra viva como amuleto
Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.
A presenza de Atlántica no Barnaza é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e aos patrocinio dos concellos de Outes, A Pobra do Caramiñal e Ribeira. O Barbanza forma parte das máis de 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web: www.festivalatlantica.gal.
FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
FOTO ARTISTAS: Laura Escuela, Caxoto, Vero Rilo e Santi Cribeiro, Oswaldo Pai, Atenea García, José Luis Gutiérrez ‘Don Guti’, Celso Fernández Sanmartín, Miguel Gouveia e Aida Cobas