Alba Barreiro, Bleuenn Le Friec, Kevin Le Pennec ou Quico Comesaña completan o cartel do 12º Noia Harp Fest

Alba Barreiro, Bleuenn Le Friec, Claudia Besné, Francesca Romana di Nicola, Kevin Le Pennec, Quico Comesaña e Yofre Brito completan o cartel da 12ª edición do Noia Harp Fest


* O festival presenta a súa programación de bandas e solistas, das que xa avanzara os nomes de Ana Crismán, Juliette Commeaux, Laia Blasco, Noela Cotuna, Rebecca Hill & Charlie Stewart e da nova formación galega D’Súpeto

* Noia Harp Fest consolídase como a cita de referencia co instrumento no noroeste peninsular e contará cunha quinta xornada de programación: o 7 de agosto celebrarase a Gala de Entrega do Portus Apostoli e terá lugar a estrea da obra ‘Cuatro historias gallegas’, de Federico Beilison, coa Real Filharmonía de Galicia 

* O evento contará con sete escenarios que acollerán as trece actuacións -doce de elas de balde- que se sucederán na localidade coruñesa


O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia deu a coñecer esta mañá no Claustro de San Francisco o programa completo da súa duodécima edición, que terá lugar do 30 de xullo al 2 de agosto. Neste 2025, o evento organizado pola promotora galega Nalgures Producións e baixo a dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, sumará unha quinta xornada de concertos ao celebrar o xoves 7 de agosto a Gala de Entrega do Premio Internacional Portus Apostoli de Composición, un directo especial que contará coa participación da Real Filharmonía de Galicia e con Claudia Besné e Francesca Romana di Nicola como solistas.

Estes tres nomes súmanse ás novas confirmacións que se deron a coñecer esta mañá no Claustro de San Francisco de Noia, como son as de Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec -acompañada polas cantantes Faia e Uxía-, Kevin Le Pennec, Quico Comesaña e Yofre Brito Rivera; que se suman as xa anunciadas con anterioridade: Ana Crismán, Juliette Commeaux, Laia Blasco, Noela Cotuna, Rebecca Hill & Charlie Stewart e a banda galega D’Súpeto, liderada polo arpista José Álvarez, que se estreará como formación nun festival que conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da iniciativa Concertos do Xacobeo, ademais da colaboración da Deputación da Coruña.

Noia Harp Fest é unha cita moi especial tanto para as amantes da arpa como da diversidade musical. Trátase do único festival do noroeste peninsular dedicado ao instrumento e reúne cada tempada diferentes bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes; mais sempre cunha clara vocación divulgativa: pon en relación as artistas e ao público en varios lugares representativos do patrimonio histórico e cultural de Noia, e dá un espazo relevante ao talento máis novo.

É o caso de iniciativas como os concertos programados coa colaboración de AEDA (Asociación Española de Arpistas), que achegan a Galicia as propostas emerxentes máis destacadas do momento, ou do Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición. Na primeira edición deste encontro (2023), as e os estudantes, acompañados de Rodrigo Romaní, interpretaron o Vals do mencer como homenaxe a Emilio Cao. Precisamente, o co-director do festival anunciou esta mañá que fará unha pausa este verán no seu retiro como arpista e, no marco da Foliada de Benvida do Noia Harp Fest, interpretará unha suite de pezas de Emilio Cao na súa lembranza

Un festival fiado pola arpa

O fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa. Durante a celebración do festival, o público pode descubrir en directo desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda de diferentes países. Neste 2025, NHF presenta  un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de primeiro nivel chegadas de Galicia, Andalucía, Bretaña -como Kevin Le Pennec, gañador do World Harp Competition 2024-, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia e que consolidan o festival de arpa como a gran referencia no noroeste peninsular.

A localidade coruñesa de Noia acollerá trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a  Igrexa coma o Claustro de San Francisco. Ofreceranse estreas mundiais (da man da RFG), estreas en España (Yofre Brito, Rebeca Hill & Charlie Stewart) e ata haberá espazo para presentar, en exclusiva, novas formacións galegas (D’Supeto); pero tamén regresarán á Ría de Noia algunhas das figuras máis recoñecidas da escena, como son Ana Crismán (a intérprete máis destacada de arpa flamenca a nivel internacional), Quico Comesaña (un dos pratos fortes da programación xunto con Crismán) ou Bleuenn Le Friec, que nesta ocasión ofrecerá un concerto moi especial acompañada de dúas das voces máis sobranceiras do país: as de Faia e Uxía

Gala de Entrega do Premio Portus Apostoli

A presentación da programación tamén deu pé a coñecer que Cuatro historias gallegas, do arxentino Federico Beilinson -obra gañadora do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli-, terá a súa estrea mundial no marco do festival. Concretamente, será nunha Gala de Entrega que se celebrará o xoves 7 de agosto no Teatro Coliseo Noela.

A Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Sebastian Zinca, e con Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola como solistas, será quen interprete esta creación, ademais da peza Folías Celtas, mención de honra composta polo uruguaio -residente na Coruña- Gabriel Bussi. O programa deste concerto especial, que comenzará ás 20.30 horas, completarase con pezas de Claude Debussy e Maurice Ravel. As entradas para esta quinta e derradeira xornada de programación do sairán á venda proximamente.

Á vez, o co-director do Noia Harp Fest, Rodrigo Romaní, lembrou que xa está aberto o prazo de presentación de orixinais para participar no IVPremio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador organizado polo propio evento -coa colaboración do Concello de Noia- que promove a creación de obras para arpa e orquestra e ampliar, deste xeito, o repertorio actual. O galardón, que este ano aumenta a súa contía económica (a 4.000 euros), suporá tamén a estrea ao vivo da obra gañadora. As bases para participar están dispoñibles no espazo web www.noiaharpfest.gal

PROGRAMACIÓN 12º NOIA HARP FEST 
Mércores 30 de xullo

19.00h | Santa María A Nova
Alba Barreiro & Fernando Raña
21.00h | Praza do Curro
Foliada de Benvida coa Banda do festival

Xoves 31 de xullo

13.00h | Liceo de Noia
III Encontro do Alumnado de Arpa das Escolas de Galicia
21.00h | Teatro Coliseo Noelia
D’Supeto
Kevin Le Pennec

Venres 1 de agosto

19.00h | Santa María A Nova
Noelia Cotuna (concerto en colaboración con AEDA)

21.00h | Teatro Coliseo Noela
Yofre Brito Rivera
Rebecca Hill & Charlie Stewart

Sábado 2 de agosto

12.30h | Igrexa de San Francisco
El concierto secreto. Con Juliette Commeaux & Laia Blasco (en colaboración con AEDA)

20.00h | Claustro de San Francisco
Bleuenn Le Friec. Con Uxía e Faia

22.00h | Praza do Tapal
Quico Comesaña
Ana Crismán

Xoves 7 de agosto

20.30h | Teatro Coliseo Noela
Gala de entrega do III Premio Portus Apostoli. Coa Real Filharmonía de Galicia.
Sebastian Zinca, director.
Claudia Besné, solista.
Francesca Romana Di Nicola, solista. 

Camiñada por Vicinte organizada pola Casa-Museo Manuel María

Camiñada Vicinte / Bravos / San Clodio / Vicinte

Domingo, 8 de xuño

Saída da Casa-Museo Manuel María, ás 9,30 hrs, para nos achegar todos xuntos, en automóbeis particulares, ao inicio do itinerario (campo da festa de Vicinte)

Distancia: 8 km

Duración aproximada aproximada: 3 horas

Dificultade: baixa

Guía: Orlando Viveiro (divulgador cultural)

Inscricións (actividade gratuíta) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Fillas de Cassandra presentará HIBERNARSE en Vigo e A Coruña os días 27 e 28 de xuño

Fillas de Cassandra dará a coñecer ao vivo Hibernarse en dúas presentacións que terán lugar o 27 e 28 de xuño en Vigo e A Coruña

  • As citas terán lugar no MARCO e na Fundación Luis Seoane da man da Fnac; e o acceso aos directos será a través dun convite que se poderá retirar proximamente nas tendas da cadena nas dúas cidades
  • As compradoras que adquiriron o disco-fanzine na páxina web de Altafonte durante o período de prevenda recibirán un correo con información para poder acceder a estes eventos
  • Hibernarse é un proxecto multiformato que reflexiona sobre a construción social do tempo: o seu núcleo é un EP con catro temas que se acompaña dun videofilme, dun fanzine, dunha colección de xoias da man de Toda Frágil e doutras propostas que o dúo desvelará nos ‘showcases’
     

Fillas de Cassandra dará a coñecer o seu novo EP, Hibernarse, en dúas presentacións exclusivas que terán lugar en Galicia contra final deste mes de xuño, concretamente o venres 27 e o sábado 28. Estes ‘showcases’, organizandos dentro da iniciativa Noite no museo con Fnac, celebraranse en dous recintos museísticos dedicados á arte contemporánea, como son o MARCO de Vigo e a Fundación Luis Seoane da Coruña.

Para poder acceder a estas presentacións, nas que as artistas actuarán e darán a coñecer polo miúdo, e desde a proximidade, o proceso de creación do seu último traballo, o público poderá conseguir os seus convites nas tendas que a Fnac ten en Vigo e na Coruña. Nas vindeiras semanas, tanto a través da cadena como dos perfís das artistas nas redes sociais, daranse a coñecer os detalles do proceso. 

Ademais, todas aquelas persoas que adquirisen o pack conformado polo vinilo e o fanzine de Hibernarse na prevenda a través da páxina web de Altafonte, tamén terán opción de acceder a estas dúas presentacións exclusivas. A discográfica porase proximamente en contacto coas compradoras a través do correo electrónico. 

A primeira das dúas presentacións terá lugar, como non podería ser doutro xeito, na cidade natal de Fillas de Cassandra. O MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo celebrará o 27 de xuño, a partir das 21.00 horas, unha Noite no Museo, na que María SOA e Sara Faro interpretarán os catro temas do novo EP –feito a man, arderse, quebrantarse e hibernarse-, ademais de conversar co público sobre o proceso creativo do disco, as temáticas e todo o universo do que se compón Hibernarse: alén do EP e do fanzine, do seu videofilme, da colección de xoias elaborada por Toda Frágil, e unha nova sorpresa que se dará a coñecer esa mesma noite.

Ao día seguinte, Fillas de Cassandra viaxará á cidade da Coruña para presentar o seu último álbum na Fundación Luis Seoane. Así, o sábado 28 de xuño, desde as 20.00 horas, nesta Noite na Fundación as e os asistentes poderanse achegar e coñecer, de perto, a nova obra de Sara Faro e María SOA.

Hibernarse

Hibernarse é un proxecto multiformato e singular que versa sobre a construción social do tempo a través de distintas disciplinas artísticas. Un EP, un videofilme, un fanzine, unha colección de xoias (creada da man de Toda Frágil) e outras sorpresas -que se darán a coñecer nos ‘showcases’- conforman un universo no que María SOA e Sara Faro fan un chamado sobre a pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.

O novo traballo discográfico de Fillas de Cassandra, producido por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e por elas mesmas, é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado devagar polas artistas, que irromperon con forza no panorama musical galego coa publicación do seu aclamado álbum debut, Acrópole (2023, Tremendo Audiovisual). Após dous anos de crecemento como grupo e con máis dun cento de concertos ás costas, o dúo pecha esta etapa, antes de facer un descanso, coa presentación de Hibernarse. 

​​
Noite no Museo con Fnac

Noite no museo con Fnac é unha iniciativa que Fnac vén facendo nos últimos dez anos en cidades de toda España. Estes eventos especiais procuran achegar a experiencia das e dos artistas máis importantes do momento aos seus fans nun ambiente íntimo e en espazos culturais senlleiros que son recoñecidos polo seu labor museístico e cultural, como son o MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo e a Fundación Luis Seoane da Coruña.

EP Hibernarse nas plataformashttps://links.altafonte.com/hibernarse-ep

VideofilmeHibernarse:https://www.youtube.com/watch?v=QwcW4bgS1xw