WOS Festival x SON Estrella Galicia celebrará a súa oitava edición do 11 ao 14 de setembro

O evento, referente da cultura de vangarda a nivel estatal e premiado como Mellor Festival Indoor Nacional no 2023, regresa a Santiago logo dun ano de pausa

Sesións de electrónica avanzada e de vangarda, performances internacionais e obras site-specific ofrecerán, en máis de dez espazos, unha perspectiva única sobre o son e a cultura contemporánea

Desde este martes están dispoñibles na plataforma DICE, a prezo reducido, os abonos Festival Pass e Weekend Pass

WOS Festival x SON Estrella Galicia regresará este verán para ofrecer una perspectiva única sobre o son e a cultura contemporánea. O evento, referente no ámbito da vangarda a nivel estatal, celebrará a súa oitava edición en Santiago de Compostela do 11 ao 14 de setembro. 

Ao longo de catro xornadas, o evento promovido pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY volverá ofrecer unha programación multidisciplinar, coidada e de notable calidade artística, na que participarán numerosas figuras recoñecidas internacionalmente e que se desenvolverá en máis de dez espazos emblemáticos da cidade. Desde teatros e igrexas ata clubes e lugares inesperados, WOS reactivará a cidade cunha perspectiva única sobre o son e a cultura contemporánea.

Na oitava edicion do WOS Festival, as sesións de electrónica avanzada e de vangarda, as performances e as obras site-specific conformarán unha programación na que non faltarán as habituais proxeccións audiovisuais, mesas de debate e outras actividades que se darán a coñecer nas vindeiras semanas.

Desde este martes, 17 de xuño, están á venda na plataforma DICE un número limitado de abonos para asistir a WOS a prezo reducido (coñecidos como ‘Early Birds’). O público xa pode adquirir o abono Festival Pass (con todo incluído, o que permitirá acceder a todos os concertos e sesións ao longo das catro xornadas) e o Weekend Pass (para os concertos do venres 12 e sábado 13, e o directo de peche do domingo 14 de setembro). Por primeira vez na historia de WOS, ademais, os abonos incluirán a posibilidade de asistir ás proxeccións cinematográficas de NUMAX, atendendo así unha demanda do público de anteriores edicións.

WOS Festival, recoñecido como Mellor Festival Indoor de Europa 2028 nos European Festival Awards e Mellor Festival Indoor Nacional 2023 nos Iberian Festival Awards, conta na súa oitava edición co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e co apoio de Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia -no marco da iniciativa Concertos do Xacobeo-, Deputación da Coruña e Concello de Santiago de Compostela.

Abonos con desconto para colectivos

Nos vindeiros días WOS Festival avanzará os primeiros nomes do seu line-up. Nese momento actualizarase a venda de abonos -sen prezo reducido- e o público poderá adquirir, tanto en DICE coma en Ataquilla.com, os seus billetes. 

Co fin de facilitar que a cultura cultura contemporánea chegue ao maior número de persoas, WOS Festival x SON Estrella Galicia ofrecerá desde ese momento un desconto do 10% nos abonos para todas aquelas personas que sexan usuarias de Carné Xove, estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), desempregadas ou conten con tarxeta acreditativa do grado de diversidade igual ou superior ao 33%. Á hora de retirar a pulseira de acceso a WOS, será necesario acreditar o desconto.

*Galería de imaxes: WOS Festival 2023. Autoría de Leo López

Autobán reflexiona mañá, mércores 18, sobre o ‘Panorama do Fanzine Galego’ nunha xornada con profesionais como Emma Ríos, Luis Yang, Yupiyeyo e Gemma Pérez Feijoó

A Biblioteca de Estudos Locais da Coruña acollerá este mércores 18 de xuño, de 17.30 a 20.30h, unha nova proposta impulsada por Autobán, que analizará e poñerá en valor a autoedición desde diferentes prismas e accións da man de grandes profesionais do sector

Biblioteca de Estudos Locais da Coruña acollerá mañá mércores, en xornada de tarde, de 17.30 a 20.30 horas, unha nova proposta impulsada por Autobán, coa colaboración do Concello da Coruña, que analizará e poñerá en valor a autoedición desde diferentes prismas e accións e da man de grandes profesionais do sector, como Emma RíosLuis Yang, Gemma Pérez Feijoó e “Yupiyeyo”, entre outras figuras galegas do universo do fanzine. En palabras de Autobán, con esta actividade “queremos celebrar a nosa constante colaboración coas bibliotecas da cidade, en especial, coa Biblioteca de Estudos Locais, que fai un traballo enorme apoiándonos no Premio Autobán –que neste 2025 celebra a súa segunda edición– e desenvolve unha actividade fundamental: a creación da Fanzinoteca Municipal”.

Desde xeito, nesta xornada titulada ‘Panorama do Fanzine Galego’, que se celebrará mañá mércores, 18 de xuño, o público poderá asistir, de balde, a tres actividades nunha mesma tarde: a presentación das obras gañadoras do Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024, cos autores Luis Yang e Gemma Pérez; a presentación e a visita á Fanzinoteca da BMEL, que recolle na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña exemplares representativos da creatividade galega e coruñesa; e un faladoiro sobre autoedición na Coruña, da man de relevantes fanzineiras e fanzineiros de orixe galego e de diferentes xeracións e proxeccións.  

PROGRAMA DA XORNADA ‘PANORAMA DO FANZINE GALEGO’

Mércores 18 de xuño, 17.30 horas

Presentación das obras gañadoras do Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024

Luis Yang presentará “Sunny 16”, obra galardoada co I Premio Autobán; e Gemma Pérez, que acadou un accésit no mesmo certame, ensinará o seu fanzine “Mi nick era #humeda”. Introducirán a charla Emma Ríos e María Álvarez “Yupiyeyo”.

Mércores 18 de xuño, 18.30 horas

Visita e presentación da Fanzinoteca da BMEL

Coñeceredes de primeira man o apartado de fanzines da Biblioteca de Estudos Locais, con exemplares representativos da creatividade galega e coruñesa.

Mércores 18 de xuño, 19.00 horas

Faladoiro sobre autoedición na Coruña

Mesa redonda que tratará a autoedición na cidade desde diversas ópticas, contando coas experiencias de fanzineiras de distintas xeracións e con diferente procedencia e proxección. Participan María Álvarez “Yupiyeyo”, Gemma Pérez, Emma Ríos e Luis Yang, e modera Sira González.

PARTICIPANTES NA XORNADA ‘PANORAMA DO FANZINE GALEGO’

Emma Ríos (Vilagarcía de Arousa, 1976) é unha autora que se forma a medio camiño entre a arquitectura e a autoedición ata que consegue dedicarse profesionalmente á historieta en 2007. Realizou traballos de encarga para varias editoriais americanas, destacando Marvel Entertainment, onde traballa regularmente durante catro anos ata que consegue volver ao cómic de autor en 2014 da man de Image e en colaboración con Kelly Sue DeConnick con Bella Muerte (Astiberri, 2014 e 2016), cómic polo que é nomeada en dúas categorías dos premios Eisner ese mesmo ano: como mellor portadista e como mellor artista de interiores. Actualmente, traballa no cuarto volume desta serie, pola que finalmente foi premiada nos Eisner como mellor portadista en 2020. Tamén é autora de I.D. (Astiberri, 2016), coedita a revista Island con Brandon Graham e cocrea Mirror (Astiberri, 2017) con Hwei Lim. Anzuelo (Astiberri, 2025) é a súa última obra como autora completa.

Gemma Pérez Feijóo naceu entre módems de 56k, deseños de pósters de orquestra e viseiras para facer a vendima. É deseñadora gráfica de día, ilustradora de noite, e bollera de fanzine sempre. Tras anos dirixindo proxectos para empresas privadas e institucións públicas, decidiu abrir ben os ollos —seis, para ser exactas— e fundar xunto con outras compañeiras bolleras Muller de 6 ollos, un espazo colectivo onde crear dende o transfeminismo, o rural e o afecto. 

O seu estilo caracterízase por un enfoque intimista e costumista, atravesado pola ironía e sempre desde o humor como ferramentas para mirar o cotián desde unha óptica #queer #cuir. Desenvolve un universo visual que se move entre o íntimo e o político, o festivo e o queer, o artesanal e o pixelado. Cree no humor como linguaxe gráfica e nos fanzines como pequenos sismos editoriais. Nos seus comezos foi premiada no certame de novos creadores GZcrea e no OUFF e, máis recentemente, en festivais como o Autobán. E segue debuxando entre reunións, asembleas, pantallas e amigas. 

Luis Yang (Madrid, 1993) é ilustrador e animador. Foi un dos impulsores do fanzine Nimio, gañador do premio ao mellor fanzine en Comic Barcelona 2016. Colaborou cos seus cómics en publicacións como Hoodoo Voodooš!doko bokoFenómena e Ex Mag, entre outros. En 2020 dirixiu e animou o videoclip musical When I Grow Up, da cantante estadounidense Yaeji, para a discográfica XL Records. En 2022 uniuse á guionista Uxía Larrosa para crear O bico da Serea, que recibiu o Premio Castelao e, posteriormente, en 2024, foi editado en castelán por Ediciones La Cúpula como El beso de la sirena. Actualmente, autoedita o fanzine Amorcito, nomeado a mellor fanzine en Cómic Barcelona. No ano 2024 foi galardoado co I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego. 

Nacida en Lugo en 1982, María Álvarez Hortas, artisticamente coñecida como “Yupiyeyo”, é Ilustradora, deseñadora e realizadora afincada na Coruña. É cofundadora do colectivo Miñoco e do fanzine Compota de Manatí. Desenvolve proxectos de ilustración editorial e cómic, ademais de obradoiros, cursos e actividades relacionadas co debuxo e a banda deseñada. 

Estudou na EASD Pablo Picasso da Coruña. En solitario, publicou tres volumes do fanzine autobiográfico ¿Hay alguien ahí? e realizou o proxecto didáctico sobre violencia machista na adolescencia Game Over. Participou, tamén, na antoloxía de cómics O puño e a letra, sobre poemas de Yolanda Castaño, e na mostra Desde Coruña con humor.

Sira González é Licenciada en Documentación e ten un Máster en Bibliotecas Escolares. Leva desempeñando a súa labor bibliotecaria na Biblioteca Municipal de Os Rosales da Coruña desde o ano 2009. Coordinadora de clubs de lectura e responsable da comicteca, nos últimos anos imparte formacións sobre a colección de cómic en centros escolares e a súa promoción entre o público lector. O seu obxectivo é dobre: romper prexuizos con respecto ao medio e achegar a súa lectura a todos os tramos de idade, de 0 a 100 anos.

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.

A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O encontro propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración. 

Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

DEZ ANOS DE HISTORIA DE AUTOBÁN

En agosto de 2024, o festival de autoedición e BD Autobán celebrou o seu 10º aniversario. O ilustrador José Domingo foi o autor do cartel dese 10º Autobán, nun homenaxe a eses 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014. Neste 2025, Autobán regresará á Coruña no mes de agosto para celebrar a 11ª edición do evento.

Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das xoves promesas que gañaron o seu Combate de Debuxantes acabaron por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey. As sedes máis populares do Autobán ao longo dos anos foron a añorada Nave 1839 e a actual Praza de San Andrés, pero o festival tense movido por toda A Coruña: celebrou edicións no espazo The Room, nos bares Old School, La Maleta, Ledicia, Meliora, Bar 13 ou Monty, na Sala Filomatic, na librería A Tobeira de Oza ou no local social A Revolteira, e tivo unha exposición antolóxica no Café de Macondo. En 2024 sumouse, tamén, o Círculo de Artesáns.

Nos faladoiros do Autobán teñen participado ducias de personalidades do sector, coma os debuxantes Emma Ríos, Natasha Bustos, Alberto Vázquez, Bea Lema, Roberta Vázquez, Manel Cráneo, Santy Gutiérrez, Alberto Guitián, Leandro Barea, Pepa Prieto Puy, Miguel Porto, Inés Cararejos ou Brais Rodríguez, os críticos Octavio Beares, Manuel Barreiro e Edu Maroño, os blogueiros Esteban Yáñez e Ghanito, a bibliotecaria Sira González ou os libreiros Toño Vilaverde e Simón Blanco. Tratáronse temas como a censura e a liberdade de expresión, a visibilidade feminista e LGTBIQ+ no mundo da banda deseñada, os diferentes eventos de autoedición galegos, o funcionamento dos colectivos autorais, o traballo dos humoristas gráficos, o paso á industria do videoxogo, o panorama fanzineiro a nivel estatal ou a historia da autoedición en Galicia.

MÁIS INFORMACIÓN

https://www.autoban.gal/

Celebración da XIIª edición do Convivio da Cultura Galega en Outeiro de Rei

O sábado, 12 de xullo, festéxase a XIIª edición do Convivio da Cultura Galega e tendo moi presente a Manuel María e a súa obra.

A celebración comezará ás 11.15 hrs, e a Casa-Museo Manuel María será o punto de encontro, concretamente a horta, onde acollerá ás persoas asistentes a música da coral Solfa. De alí sairase cara ao cemiterio onde se levará a cabo un pequeno acto en lembranza de Manuel María e de Saleta.

Xa en Santa Isabel, ao pé do río Miño, e antes do xantar, ás 12.30, producirase a actuación da Banda de Música Sons e Soños. Integrada por músicos de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, nesta ocasión a banda estará acompañada pola cantareira, mestra e investigadora da nosa música, Branca Villares, que interpretará algunha peza baseada na obra de Manuel María.

Despois, poderase desfrutar do xantar en convivio (a organización pon as mesas e cadeiras e cada un/unha trae a súa propia comida. Para reservar sitio nas mesas é necesario avisar antes das 14 h do 9 de xullo, mércores, a través do whatsapp 698177621 ou por correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal.

A festa continuará pola tarde, ás 16.30, cunha foliada conducida por Xurxo Souto, e onde non faltará a música de Mestura de Nete, Foliadeir@s do Castro, Música na Eira, Tradivivas Agra, Reviravolta e Parabéns