HENKO

Miguel Díaz

Título: A PINZA

No mesmo trazo conviven un esquío morto no alcatrán e un barco de papel que procura a esperanza.

Mira ben. Un can ladra inferno. Un lobo ouvea desgraza. Escoita.

Ti termas da cegueira, sostela, elíxela. Eu digo franxa. De que serve. De nada.

No mesmo trazo no que se estende a escuridade dunha creba irreparable, eu ergo a chanta.

Xa sei. Ti dis xeopolítica e cres ter razón, eu proclamo torpemente vida. Cinguida, presa a un fío feble.

Madía leva, eu non sei. Váiseme a pinza, a pinza coa que ti sostés o xenocidio e a túa mirada inhumana. Que lle pode supor á túa piscina o sangue afastado dun neno asasinado.

No mesmo trazo ti, que estendes a sombra da morte. E eu, que pronuncio, aínda, inutilmente, Palestina.

Pero claro, é a min a quen se me vai a pinza.