• O concello estréase no veterano encontro de narración oral con tres propostas que se desenvolverán os días 29 de xuño e 2 de xullo
  • O Castro das Barreiras e o Castelo serán os escenarios para as actividades co arqueólogo Ángel Concheiro e os artistas Cándido Pazó e Cris Collazo
  • A décimo terceira edición de Atlántica inspírase nos sanandresiños de Teixido como símbolo de protección e memoria
  • Toda a programación pódese consultar na web festivalatlantica.gal

XIII Festival Atlántica chega por primeira vez a Vimianzo cunha programación que mestura historia, tradición oral e espírito rebelde en tres propostas gratuítas pensadas para todos os públicos. O Castro das Barreiras e o Castelo —dous espazos cargados de simbolismo— converteranse en escenarios da palabra viva durante os días 29 de xuño e 2 de xullo. Deste xeito, Vimianzo intégrase na ruta do Festival Atlántica, comprometéndose coa cultura oral e a posta en valor do patrimonio a través das historias que nos conectan.

A xornada do domingo 29 de xuño abrirase ás 19:30 horas no Castro das Barreiras cunha visita guiada especial a cargo do arqueólogo e divulgador Ángel Concheiro, tamén coñecido como Tito Concheiro, quen achegará ao público adulto os segredos e a historia deste importante xacemento da Idade do Ferro, un dos mellor conservados da Costa da Morte. A actividade permitirá coñecer de preto os últimos achados e interpretacións sobre este antigo poboado fortificado, descubrindo a súa complexidade, arquitectura e relevancia histórica. Un convite a pisar sobre as pegadas da historia, a escoitar o que nos contan as pedras e a deixar que o pasado nos fale con voz nova desde o corazón da terra.

Cándido Pazó: historias para rir, lembrar e vivir

A continuación, ás 20:30 horas, tamén no castro, o recoñecido actor e narrador Cándido Pazó presentará Contar para vivilo, unha sesión para público adulto chea de humor, emoción e memoria. Co seu estilo inconfundible, Pazó ofrecerá historias e parrafadas que viaxan no tempo e nos levan de volta ás xentes e lugares doutrora.

Durante sesenta minutos, Pazó despregará o seu inconfundible estilo nunha viaxe feita só de palabras: contos, lerias e parrafadas que transitan por outros tempos, outras xentes e outros mundos, pero que falan directamente ás preocupacións e alegrías do presente. Un espectáculo que mestura retranca e tenrura, e no que o escenario se transforma nun lugar de encontro co vivido e co imaxinado. Porque quen sabe contar, fai que queiramos seguir escoitando. E quen escoita, vive dúas veces.

Pepa a Loba: aventuras, misterio e igualdade dende o corazón do conto

A programación completarase o mércores 2 de xullo ás 11:00 horas no Castelo de Vimianzo coa función Procúrase Pepa a Loba, da narradora Cris Collazo, unha proposta para crianzas a partir dos 5 anos —aberta tamén ao público xeral— na que a lenda da famosa bandoleira galega se transforma nun contacontos participativo con música, danza e moito misterio. A actividade forma parte tamén do campamento de verán da vila.

A historia lévanos ata o ano 1890, xusto no día da inauguración da taberna da mítica Pepa a Loba, figura rebelde e lendaria da tradición galega. A súa extravagante gavela —formada por Xan Quinto “o vello”, Maninocente e mesmo Calamity Jane— celebra a ocasión, mais algo se agocha nas sombras: un tesouro perdido que só Pepa coñece… e que precisa da axuda do público para atopar.

A narradora Cris Collazo ofrece un contacontos dinámico e divertido, no que se reivindica a amizade, a aventura compartida e a igualdade de xénero, todo nun entorno que convida a soñar e a xogar coa historia. Un convite para cativar a pequenos e grandes cunha heroína pouco convencional e moitas ganas de facer rebulir a imaxinación.

Palabra viva como amuleto

Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.

A presenza de Atlántica en Vimianzo é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao patrocinio do Concello da vila. Vimianzo forma parte das máis de 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web: www.festivalatlantica.gal.

Palabra viva como amuleto

Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.

A presenza de Atlántica en Santiago e Teo é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ao patrocinio dos respectivos concellos e á colaboración do Museo do Pobo Galego, da A.C. O Galo e do CSC A Rocha. Santiago e Teo forma parte das 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web www.festivalatlantica.gal.

FESTIVAL ATLÁNTICA

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.