O Vello Cárcere acolle a IV edición do Festival de Poesía das Lupercais

O vindeiro tres de maio terá lugar unha nova edición deste festival, que se consolida coma unha das citas mais importantes coa poesía de Lugo organizada pola Asociación Poética das Lupercais co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Desta volta contará coma sempre con versos procedentes da provincia, dende a chaira como Martiño Maseda, até a montaña, como Toño Núñez. Con poetas achegadas a Lugo hai xa anos, coma Tere Larios, até aquelas que marcharan e que regresan cunha enchenta de libros baixo os brazos, coma Mónica Raquel Vázquez. E máis voces galegas, que van dende algunhas de longo consolidadas, coma Mariña Pérez Rei, até outras acabadas de debutar no libro de poesía, coma Jose||González. Voces e balbucios, coma a poesía para ouvir e mirar de Luz Pichel e Quico, e coas que repensar as fronteiras e os mares que xunten e non separen, aí María Ángeles Pérez López e Gian Pierre Codarlupo e Marcelo Morales.

Así, dende Cuba a Castela, dende Perú á Ribeira Sacra, chegarán ao Vello Cárcere un ano máis algunhas das máis importantes voces da poesía contemporánea.

O programa desenvolverase en unha sesión pola mañá e dúas de tarde. Os horarios e participantes son como seguen:

12h30
Toño Núñez, Marcelo Morales, Tere Larios e Raquel Vázquez

18h30
Martiño Maseda, Quico, Gian Pierre Codarlupo e Mariña Pérez Rei

19h30
Jose||González, Luz Pichel, María Ángeles Pérez López e Mónica Caldeiro

As actividades son de entrada gratuíta até completar aforo.