Ana Crismán encabeza o XII Noia Harp Fest, que contará no seu cartel con Rebecca Hill e D’Súpeto, entre outras figuras



A xerezana regresa a Noia após a súa participación no 2021, agora xa consolidada como a intérprete de arpa flamenca máis destacada do momento

Rebecca Hill visitará por vez primeira España para presentar o seu álbum ‘Thawcrook’ acompañada do violinista Charlie Stewart

A nova banda D’Súpeto, liderado polo arpista José Álvarez, é o primeiro nome da escena galega que se dá a coñecer no marco dun festival que aposta por achegar, cada ano, múltiples estilos musicais


Unha das figuras máis relevantes da arpa a nivel mundial actuará este verán, de balde, en Galicia. A andaluza Ana Crismán, a máis destacada intérprete de flamenco do instrumento, encabezará o cartel da duodécima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, que terá lugar do 30 de xullo ao 2 de agosto. A artista regresará ao Noia Harp Fest (NHF) após a súa visita no 2021, mais esta vez xa consolidada como a “mestra da arpa flamenca”. Sen dúbida, o seu concerto será un dos grandes reclamos do evento e das citas musicais do verán galego.

Alén de Ana Crismán, unha das figuras máis salientables da escena musical escocesa actuará por primeira vez en España no marco do Noia Harp Fest. Trátase de Rebecca Hill, quen presentará o seu álbum Thawcrook acompañada do violinista Charlie Stewart. A parella experimenta sobre a tradición con técnicas de composición contemporáneas, xerando temas hipnóticos e con grandes dotes de improvisación nos seus arranxos. Será unha das citas imprescindibles do festival este ano tanto para as amantes da música folk como para aquelas interesadas na súa renovación.

Ademais, a escena galega terá, como é habitual, unha presenza relevante no único festival dedicado a este instrumento en todo o noroeste peninsular. O primeiro nome que se dá a coñecer do talento do país é o da formación D’Súpeto, cuxa presentación oficial terá lugar, precisamente, no marco do Noia Harp Fest. O novo cuarteto lidérao o monfortino José Álvarez (arpa, mandolina e laúde), acompañado por grandes músicos galegos, como é o caso do sadense Tonecho Castelos (violín), e dos coruñeses Diego Barral (guitarra acústica) e Martín Marticonera (frauta de bico, frutas traveseiras e ocarinas). A banda actuará en Noia para dar a coñecer o seu singular proxecto musical, que alterna pezas de carácter tradicional con outras de composición propia.



Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celebrará a súa duodécima edición os días 30 e 31 de xullo, e 1 e 2 de agosto. Organizado por Nalgures Producións e baixo a dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, o evento conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, ademais da colaboración da Deputación da Coruña. Trátase dunha cita imprescindible do calendario musical para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística; pois o evento reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes

Así, o fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa, polo que durante unhas xornadas o público pode descubrir, de balde, desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda de diferentes países. Ademais, o evento acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición.

Outro dos grandes atractivos do festival é a organización do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador que pretende ampliar o repertorio actual de obras para arpa e orquestra, e nesta terceira edición recibiu propostas orixinais chegadas de Alemaña, Arxentina, Austria, Colombia, España, Estados Unidos, Finlandia, Israel e Italia. Desta volta a creación gañadora resultou ser Cuatro historias gallegas, do compositor e guitarrista arxentino Federico Beilinson. O galardón, que conleva unha achega económica de 2.500 euros, suporá tamén a estrea da obra da man do NHF.


Primeiros nomes do XII Noia Harp Fest

D’Súpeto | 31 de xullo
Rebecca Hill & Charlie Stewart | 1 de agosto
Ana Crismán | 2 de agosto

20250425-GAL-Ana-Crisman-Rebecca-Hill-e-DSupeto