
A cita, que comezará ás 20.30h e que se organiza co apoio da Vicepresidencia da Deputación luguesa, será de acceso libre ata completar capacidade
FAIA presentará ao vivo Alvela, o seu novo disco, o vindeiro venres, 2 de maio en Lugo. A partir das 20.30 horas, a Capela de Santa María acollerá un directo acústico no que a veciñanza, grazas á colaboración da Vicepresidencia da Deputación luguesa, poderá descubrir un traballo complexo e sutil que transita pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. Neste concerto, FAIA estará acompañada pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec e a formación Suelen Estar Quartet.
O pasado 23 de abril Alvela publicábase nas plataformas dixitais, mais proximamente estará dispoñible en formato vinilo. O segundo álbum en solitario de FAIA é un traballo producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e que conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual do álbum foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra de Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.

Sobre FAIA
FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este mes de abril publica Alvela, o seu segundo traballo.
CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘ALVELA’ EN LUGO2 de maio de 2025, ás 20.30 horas
Capela de Santa María
Acceso libre ata completar capacidade
VIDEOCLIP ‘E SE QUERES’ | https://youtu.be/vcjRdVp8bqc
*Autoría imaxes de FAIA: Arancha Brandón