
Beatriz Martínez e Acacia Ojea fusionarán a arpa tradicional coa electrónica en directo o xoves 30 de xullo
O venres 31 será a quenda da Banda do NHF, que xuntará dez arpas no escenario para reinterpretar os temas de Su Garrido Pombo con arranxos de Rodrigo Romaní
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) consolídase na súa 13ª edición como moito máis que un escaparate de concertos: é tamén un espazo onde a música se crea e se experimenta dende cero. Así, alén da aposta pola ampliación do repertorio para arpa e orquestra do seu Premio Portus Apostoli, o festival producirá proxectos propios e inéditos que sitúan a Noia no mapa da innovación artística en Galicia.
O Teatro Coliseo Noela será o escenario destas dúas propostas exclusivas, que só se poderán ver ao vivo durante o evento, e que unen a arpa coa electrónica e as novas linguaxes musicais. Estas producións reflicten o espírito co que naceu o propio Noia Harp Fest hai 13 anos: un festival liderado por mulleres arpistas de primeiro nivel e que, alén de respectar a tradición, non ten medo de explorar o futuro do instrumento.
A primeira destas apostas chegará o xoves 30 de xullo (21.00 horas) da man da arpista Beatriz Martínez e da artista sonora Acacia Ojea. Ambas presentarán un espectáculo que naceu directamente da colaboración entre os dous mundos creativos. O punto de partida son composicións orixinais para arpa con raíces na música tradicional. Sobre esa base, a viguesa Acacia Ojea manipulará o son en tempo real a través de procesos electrónicos. Non se trata dun fondo musical nin dun simple acompañamento: será un diálogo aberto á improvisación onde o instrumento se transformará por completo.
Ao día seguinte, o venres 31 de xullo ás 21.00 horas, o mesmo recinto acollerá un dos momentos máis agardados do festival: o concerto da Banda do Noia Harp Fest -que ten a particularidade de que se forma de xeito específico para cada edición, reunindo a profesionais, estudantes e afeccionados da arpa- coa cantautora Su Garrido Pombo, unha das compositoras máis persoais do panorama galego.
Este ano, o reto da formación -que pasa de actuar na rúa do Curro ou no Liceo de Noia ao Teatro Coliseo Noela- será darlle unha nova dimensión á música da creadora. O público escoitará os seus temas máis coñecidos cunha sonoridade nunca antes escoitada: arroupados por dez arpas en directo. Os arranxos levan a sinatura de Rodrigo Romaní, quen deseñou unha proposta onde conviven as texturas acústicas do grupo de arpas coa electrónica e a forza poética das letras de Su Garrido Pombo.
Ambos os dous concertos, igual ca os anunciados até o de agora, serán de acceso libre ata completar a capacidade dos espazos.
Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento, que se celebrará do 29 de xullo ao 1 de agosto, conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA), a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española.
O anuncio das incorporacións de Beatriz Martínez, Acacia Ojea, Su Garrido Pombo e a Banda do NHF amplía o cartel dunha edición que este ano presenta unha programación liderada polas arpistas internacionais Maeve Gilchrist, Siobhán Armstrong e Sona Jobarteh, e na que tamén participarán Manuel Vilas, Entrebescant e Neleta Ortiz.
Avance de programación do XIII Noia Harp Fest
30.07, Teatro Coliseo Noela | Maeve Gilchrist
30.07, Teatro Coliseo Noela | Beatriz Martínez e Acacia Ojea
31.07, Igrexa de Santa María A Nova | Siobhán Armstrong
31.07, Teatro Coliseo Noela | Banda do NHF con Su Garrido Pombo
01.08, Igrexa de San Francisco | Manuel Vilas e Entrebescant
01.08, Claustro de San Francisco | Neleta Ortiz
01.08, Praza do Tapal | Sona Jobarteh

