
A próxima actividade que organiza a Asociación Cultural CASTIÑEIRO MILENARIO vai ser a proxección dos documentais Segadores da Órrea en terras de Castela e Memoria viva do Muíño do pan de Baamonde. Será este domingo 14 ás sete da tarde no Muíño do Museo do Pan en Baamonde.
A película Segadores da Órrea en terras de Castela é un documental dirixido polas directoras Vanesa Gómez e Laura Alonso que conta a durísima vida dos galegos que ían ás segas a Castela. Con testemuñas directas e cun enfoque etnográfico, histórico, antropolóxico e cultural, a peza reconstrúe un fenómeno que atravesou a historia de Galicia dende o século XVII ata os anos sesenta.
A súa duración será de 50 minutos.
Polo que se refire ao documental Memoria viva do Muíño do pan de Baamonde sinalar que se trata dun documental que recolle testemuños e documentación para preservar a memoria deste negocio centenario e recuperar o patrimonio de Terra Chá. O Muíño, tamén coñecido como Muíño de Cageao, foi rehabilitado para mostrar a arquitectura tradicional e o proceso de elaboración do pan.
A súa duración será de 24 minutos.
Para levar adiante esta actividade Castiñeiro Milenario conta coa colaboración do Cercud de Baamonde e o Museo do Pan de Baamonde, este último ademais pola cesión do local para a proxección.
