Fillas de Cassandra publica Quebrantarse, un chamado á recuperación da memoria colectiva e contra o tempo arrebatado pola guerra
O segundo avance do universo Hibernarse preséntase como un acto de resistencia. “Fronte á historia oficial, só fica a memoria”, recorda o dúo
Parte da melodía de Quebrantarse está inspirada no Romance do Comandante Moreno interpretado por Severina Murias e inclúe versos de García Lorca
Quebrantarse, o segundo fascículo do EP Hibernarse de Fillas de Cassandra, xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. A nova entrega do dúo vigués versa sobre o tempo fragmentado pola guerra. A intención de María SOA e de Sara Faro non é outra querecuperar a memoria colectiva fronte a unha liña temporal marcada pola historia oficial e poñer voz a unha ferida que segue aberta.
Quebrantarse agroma da memoria persoal e familiar, mais tamén da colectiva e universal. Preséntase como unha conversa entre dous amigos que, caídos en bandos enfrontados durante a Guerra Civil, e sendo vítimas dun sistema que os condenou a unha violencia que non escolleron, se despiden ante a inminente morte dun deles ás mans do outro. “Cóntame o teu segredo / cóntamo, que eu xa mo sei”, canta Fillas de Cassandra sobre unha verdade que non precisa ser dita: os dous amigos saben o destino que os agarda, mais poñelo en palabras significa darlle forma ao horror.
Parte da melodía deste Quebrantarse inspírase no Romance do Comandante Moreno, segundo a versión que interpreta Severina Murias, unha elección que entronca coa idea que Fillas de Cassandra quere poñer en valor: o papel da muller na transmisión da tradición oral galega, onde a música foi un vehículo de resistencia e memoria colectiva. Ao fío, Sara Faro e María SOA incorporan a gaita (Adrián Méndez, De Ninghures) á instrumentación do tema para unilo, precisamente, coa zona da Fonsagrada (lugar onde teñen lugar os feitos que Severina relata).
A peza, producida por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e Fillas de Cassandra, acompáñase tamén do son do remexer da terra e muda o compás final, deixándoo en suspensión, como metáfora do apremio da morte. E no retrouso do tema, o dúo recupera versos de Yerma, de Federico García Lorca: “E sostén este corpo de terra / até o branco xemido da alba”.
Desde xeito, e nesta segunda entrega de Hibernarse, Fillas de Cassandra aborda a fragmentación do tempo a través da perda da memoria colectiva. “Fronte ao tempo da historia oficial, só fica a memoria. A Guerra Civil e as súas feridas foron relegadas a un pasado edulcorado ou silenciado, convertendo os eventos en imaxes descontextualizadas que afastan as xeracións actuais da súa realidade”, explica o dúo vigués, que aposta por poñer voz a unha ferida que segue aberta.
Hibernarse, o universo multiformato de Fillas de Cassandra
Hibernarse é o novo proxecto híbrido, multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempoa través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo desta proposta componse dun EP de catro temas que o dúo dará a coñecer, semanalmente, desde o 20 de marzo ata xoves 10 de abril. Será daquela cando o público poderá descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste novo traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte, e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.
Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, Fillas de Cassandra pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.
A través deste proxecto, Fillas de Cassandra inicia a busca dun novo traxe e lanza un convite ao público: construír á man e fiar peza a peza, semanalmente, o universoHibernarse, un traballo conceptual no que o dúo converte en reflexivos verbos que non o son para se observaren desde ángulos non explorados até o de agora.
Mondra publicará ‘DE RONDA’ o 6 de maio e a estrea ao vivo será na Sala Capitol o 10 de maio
A sexualidade, o amor propio, a comunidade e o valor da mocidade son os temas que atravesan as 11 cancións “ou 11 estados do corpo” do disco, producido integramente a carón de Hevi no Laboratorio Soyuz
A presentación do segundo LP de Mondra e a estrea do novo espectáculo co cal xirará neste 2025 será o 10 de maio na Sala Capitol; e as entradas sairán á venda mañá, xoves 27 de maio, ás 12.30 horas, a través de www.salacapitol.com
Mondra publicará DE RONDA, o seu segundo traballo discográfico, o 6 de maio. O novo álbum do cantareiro e bailador chega dous anos despois do seu exitoso debut con ARDĒN. Desta volta, Mondra propón un disco persoal e íntimo, á vez que irreverente e desenfadado; un traballo autoral, mais sempre en diálogo constante con elementos propios da tradición oral galega.
A sexualidade, o amor propio, a celebración, a comunidade e o valor da mocidade son os temas que atravesan as 11 cancións “ou 11 estados do corpo” de DE RONDA, un traballo que aborda “a sedución, seducir ou ser seducido”, e no que Mondra presenta un novo son, orgánico e fresco da man de Hevi, responsable da produción (Laboratorio Soyuz).
Mondra publicará o disco o 6 de maio apoiado por Altafonte e, catro día despois, o sábado 10 de maio, o artista presentará o seu novo espectáculo ao vivo, baixo a dirección artística de Daniel Rodríguez, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Sobre o escenario, Mondra estará acompañado por Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro, que conforman a banda, e Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez, como intérpretes de danza. As entradas para a estrea de DE RONDA sairán á venda este xoves, 27 de marzo, a partir das 12.30 horas, a través da páxina web www.salacapitol.com. O prezo da entrada xeral será de 18 €.
Mondra
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis sobranceiros da escena musical do país. Co seu álbum debut, titulado ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023), acada o recoñecemento unánime de público e crítica, xunto a outros galardóns, como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por MARIMONDRA.
En maio de 2025 Mondra lanzará o seu segundo traballo discográfico, DE RONDA, un álbum persoal e irreverente, “para seducir ou ser seducido”, e do que xa se coñece o pasodobre Vale máis un canciño e o irreverente Teño caldo quente.
PRESENTACIÓN ‘DE RONDA’, NOVO LP DE MONDRA
Data: 10 de maio de 2025 Lugar: Sala Capitol (Santiago de Compostela) Hora: 21.30 h Entradas á venda partir das 12.30 h do xoves 27 en www.salacapitol.com (18 € + gx).
“La Nena de Argentina” únese ao impresionante cartel do festival, que xa conta con nomes da talla de Nicky Jam, Juan Magán, Omar Montes, Amaia, Rels B, Abraham Mateo, Tanxugueiras, Leire Martínez, Cali y El Dandee, La Zowi, Ptazeta, Julieta, DePol, Marc Seguí, Luck Ra e María Escarmiento, entre outros.
BIGSOUND Pontevedra continúa a consolidarse como o evento musical do ano en Galicia e anuncia a unha nova artista estelar: María Becerra, unha das voces máis influentes do panorama latino e figura fundamental do xénero urbano a nivel global, que ofrecerá o seu único concerto en Galicia. O festival desembarca por primeira vez en Galicia coa súa edición inaugural os días 11 e 12 de xullo no Parque de Tafisa de Pontevedra, e faino cunha proposta artística de alto nivel que non deixa de medrar.
Coñecida mundialmente como “La Nena de Argentina”, María Becerra incorpórase a un cartel de auténtico luxo, no que xa figuran grandes referentes internacionais e nacionais como Nicky Jam, Juan Magán, Amaia, Rels B, Abraham Mateo, Tanxugueiras, Leire Martínez ou Cali y El Dandee entre outros. A súa presenza reforza a ambición de BIGSOUND Pontevedra por ofertar unha programación de primeiro nivel desde a súa primeira edición.
Maria Becerra conquistou o panorama latino cunha carreira meteórica que a levou de ser unha creadora de contido en Youtube a converterse nunha das artistas máis importantes do xénero urbano a nivel mundial. Cunha voz inconfundible, unha posta en escena irresistible e un estilo que fusiona reguetón, pop, R&B e sons electrónicos, posicionouse no máis alto das listas musicais internacionais. Desde o seu álbum debut Animal hasta o seu último traballo La Nena de Argentina, demostrou unha evolución artística constante, avalada por millóns de oíntes e múltiples certificacións de ouro e platino en países como España, Arxentina, México e Estados Unidos.
Entre os seus maiores éxitos atópanse “¿Qué Más Pues?” xunto a J Balvin, “Miénteme” con TINI, “Automático”, “Ojalá”, “TE CURA” (parte da banda sonora de Fast X) ou “Corazón Vacío”, temas que superaron cifras millonarias en plataformas dixitais e a converteron nunha das artistas arxentinas máis escoitadas do mundo. Ademais, colaborou con grandes nomes da industria como Enrique Iglesias, Camila Cabello, Rauw Alejandro, Zion & Lennox, Pablo Alborán e Manuel Turizo, consolidando o seu estatus como referente global. O seu impacto foi recoñecido nos Premios Billboard, Premios Lo Nuestro, Latin American Music Awards, MTV MIAW e outros certames internacionais.
A artista arxentina únese así a unha cita que reunirá a grandes iconas da música latina, comoNicky Jam, Juan Magán, Rels B e Cali y El Dandee, xunto a fusión de tradición e vangarda deAmaia e Tanxugueiras. Un dos momentos máis esperados será o debut en solitario de Leire Martínez, exvocalista de La Oreja de Van Gogh, que inicia unha nova etapa artística. O talento feminino brillará con forza grazas a La Zowi, Ptazeta, Julieta e María Escarmiento, mentres que a diversidade sonora estará representada por nomes como Omar Montes, Abraham Mateo, DePol e Marc Seguí. Como broche de ouro, Luck Ra sorprenderá coa súa inconfundible mestura de cuarteto e trap, nunha das actuacións máis especiais do festival.
En 2025, Maria Becerra será unha das grandes protagonistas de BIGSOUND, con actuacións enPontevedra e unha presentación exclusiva na Comunitat Valenciana dentro de BIGSOUND Valencia. Ambos concertos prometen ser momentos históricos, cargados de enerxía, emoción e conexión cun público que a segue con fervor en cada escenario que pisa.
Organizado por BS Entertainment, promotora fundadora de BIGSOUND, e PlayPlan, BIGSOUND Pontevedra propón moito máis que música: unha experiencia sostible, inclusiva e segura, que impulsa o talento, a economía local e o valor cultural do territorio.
MOITO MOITO MÁIS QUE UN FESTIVAL, MOITO BIGSOUND
Con máis de 250.000 asistentes acumulados nas súas edicións anteriores, e 100.000 novos fans previstos para 2025 entre todas as súas sedes, BIGSOUND celebra o seu quinto aniversario con máis forza que nunca. O festival amplía a súa presenza polo territorio nacional cunha programación de primeiro nivel que reúne ás grandes estrelas da música urbana e do streaming. Consolidado como un dos festivais máis multitudinarios de España, BIGSOUND continúa medrando e afiánzase como un referente imprescindible do panorama musical europeo.
A quinta edición de BIGSOUND Valencia terá lugar os días 27 e 28 de xuño na espectacularCiudad de las Artes y las Ciencias, reafirmando o seu estatus como o maior evento musical da cidade. Esta edición contará con presentacións exclusivas na Comunitat Valenciana de Ozuna e María Becerra, así como o esperado regreso de figuras emblemáticas do festival como Nicky Jam, Bad Gyal, Juan Magán, La Zowi e Ptazeta. Tamén se suman por primeira vez artistas como Amaia, Nil Moliner, Abraham Mateo e Omar Montes, mentres que o talento emerxente estará representado por Julieta, Belén Aguilera, Figa Flawas, DePol, Mushkaa, Parkineos, Inés Hernand DJ Set ePignoise. Entre os momentos máis especiais desta edición, destaca o regreso aos escenarios deLeire Martínez, que iniciará a súa carreira en solitario no marco do festival.
A segunda edición de BIGSOUND Sevilla celebrarase o 29 de juño na icónica Plaza de España, como parte do Icónica Santalucía Sevilla Fest. Este ano, Ozuna encabezará un cartel que tamén incluirá os ritmos latinos de Henry Méndez e as actuacións de Abraham Mateo, Mafalda Cardenal e Gynebra, consolidando a presenza de BIGSOUND no sur de España cunha proposta vibrante e de alto nivel.
Con esta expansión a tres cidades chave —Valencia, Sevilla e Pontevedra—, BIGSOUND 2025 reforza o seu papel como un dos festivais de referencia da música urbana, tanto pola calidade da súa programación como polo seu impacto cultural e económico.
Este crecemento vén acompañado de recoñecementos internacionais. Na 9ª edición dos Iberian Festival Awards, celebrada en Portugal, BIGSOUND Festival foi galardoado co premio a Best Live Performance (PT/ES) polo único show mundial de Quevedo en 2024. Ademais, foi finalista en categorías como Best Venue, Best Live Performance, Best Communication & Marketing Strategy, Best Brand Activation, Best Festival Photo e Best Major Festival, tanto por voto do público como do xurado, o que reforza o seu posicionamento como un dos grandes festivais de música urbana de Europa.
Cunha programación equilibrada entre grandes iconas, novas promesas e actuacións exclusivas,BIGSOUND 2025 perfílase como a súa edición máis ambiciosa ata a data. Un festival que non só celebra a música, senón que conecta audiencias de todo o mundo a través de propostas culturais únicas en contornas urbanas singulares.
___ ENTRADAS ___
A conta atrás comezou e a música está a piques de escribir un novo capítulo inesquecible. Non te quedes fora do evento do ano en Galicia. Consegue os teus abonos e entradas en bigsoundfestival.com
Quico Cadaval leva trinta anos a calcar os distintos camiños da memoria e da imaxinación. Tende a perderse e a reatoparse, sempre coa axuda do público. Os seus espectáculos pertencen a un movedizo mundo escénico que foi definida de distintas maneiras. Teatro da palabra, narración oral escénica ou literatura ao vivo, foron alguns dos xeitos de designalo. É un espectáculo mestizo entre o conto de lareira, o cabaret literario e o teatro épico.
Escoitar estorias de viva voz é unha das maneiras máis económicas de viaxar. A imaxinación da persoa que escoita na penumbra sobe como unha bolla de xabrón, seguindo, ás veces coa lingua de fóra, a imaxinación do contador. Outras veces as bollas de xabrón do público únense e forman a imaxinación colectiva. A forza do público, neses casos, faise poderosa e adianta a tímida imaxinación do contador, desprezando o perigo das curvas, rebordando os límites da realidade. Contar e escoitar estorias é un camiño ao inesperado.
Por iso, en Notas de Rodapé, Quico Cadaval, alén de revelar os truques e segredos do oficio, reclama a colaboración e o protagonismo do público. Os contos están feitos de anacos, de memorias, de lembranzas instantaneas, de experiencias inventadas. Pode tratarse da letra dun libro que entrou con sangue, da lembranza dun terror infantil ou dunha escena de western. As estorias énchense de prólogos e epílogos, mais sobre todo, de notas de rodapé. Comentarios para facer o conto máis divertido, máis elocuente, máis esclarecedor. Quico Cadaval, no transcurso do show, reclamará do público que faga perguntas, que o interroguen, que o obriguen a revelar o que nunca contou. E Cadaval responderá, mais a resposta sempre será outro conto, que se xunta ao conto infinito da humanidade. O espectáculo comeza cun morto nunha encrucillada, (a estoria que máis veces contou) e remata co conto máis fermoso do mundo. Polo medio, o que mande o público.
Reservas (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621
O acto de presentación do libro de Carlos Callón: “Vidas e historias LGBT da Idade Media” que o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, tiña previsto organizar para o mañá martes 25 de marzo, QUEDA ADIADO, e levarase a cabo, finalmente, o MARTES 29 DE ABRIL DE 2025, ÁS 20:00 H., NA CASA DA CULTURA DE VILALBA.
Intervirán no acto: Carlos Callón e Marisa Barreiro.