Mondra publicará ‘DE RONDA’ o 6 de maio e a estrea ao vivo será na Sala Capitol o 10 de maio

  • A sexualidade, o amor propio, a comunidade e o valor da mocidade son os temas que atravesan as 11 cancións “ou 11 estados do corpo” do disco, producido integramente a carón de Hevi no Laboratorio Soyuz
  • A presentación do segundo LP de Mondra e a estrea do novo espectáculo co cal xirará neste 2025 será o 10 de maio na Sala Capitol; e as entradas sairán á venda mañá, xoves 27 de maio, ás 12.30 horas, a través de www.salacapitol.com



Mondra publicará DE RONDA, o seu segundo traballo discográfico, o 6 de maio. O novo álbum do cantareiro e bailador chega dous anos despois do seu exitoso debut con ARDĒN. Desta volta, Mondra propón un disco persoal e íntimo, á vez que irreverente e desenfadado; un traballo autoral, mais sempre en diálogo constante con elementos propios da tradición oral galega.

A sexualidade, o amor propio, a celebración, a comunidade e o valor da mocidade son os temas que atravesan as 11 cancións “ou 11 estados do corpo” de DE RONDA, un traballo que aborda “a sedución, seducir ou ser seducido”, e no que Mondra presenta un novo son, orgánico e fresco da man de Hevi, responsable da produción (Laboratorio Soyuz).  

Mondra publicará o disco o 6 de maio apoiado por Altafonte e, catro día despois, o sábado 10 de maio, o artista presentará o seu novo espectáculo ao vivo, baixo a dirección artística de Daniel Rodríguez, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Sobre o escenario, Mondra estará acompañado por Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro, que conforman a banda, e Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez, como intérpretes de danza. As entradas para a estrea de DE RONDA sairán á venda este xoves, 27 de marzo, a partir das 12.30 horas, a través da páxina web www.salacapitol.com. O prezo da entrada xeral será de 18 €.


Mondra

Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis sobranceiros da escena musical do país. Co seu álbum debut, titulado ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023), acada o recoñecemento unánime de público e crítica, xunto a outros galardóns, como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por MARIMONDRA. 

En maio de 2025 Mondra lanzará o seu segundo traballo discográfico, DE RONDA, un álbum  persoal e irreverente, “para seducir ou ser seducido”, e do que xa se coñece o pasodobre Vale máis un canciño e o irreverente Teño caldo quente.  



PRESENTACIÓN ‘DE RONDA’, NOVO LP DE MONDRA

Data: 10 de maio de 2025
Lugar: Sala Capitol (Santiago de Compostela)
Hora: 21.30 h
Entradas á venda partir das 12.30 h do xoves 27 en www.salacapitol.com (18 € + gx).

20250326-Mondra-publicara-DE-RONDA-o-6-de-maio