As “Lobas” volverán aos escenarios no 2025 cun traballo onde o amor, poliédrico, será o fío condutor
‘Lova’, que se acompañará dun videoclip, poderase escoitar a partir das 00.00 horas do día 13 nas principais plataformas dixitais
Logo dun ano de intenso traballo creativo, A banda da Loba, ABDL, ultima os detalles do que será o seu quinto traballo discográfico. O vindeiro venres 13 de decembro, a partir das 00.00 horas, o público poderá escoitar Lova, o primeiro petisco do álbum que será publicado a comezos do 2025 e que suporá o esperado regreso de ABDL aos escenarios.
Neste Lova está presente o característico estilo calidoscópico de ABDL e adiántase o que vai ser o fío condutor deste novo traballo: o amor e as súas múltiples formas de expresión. Será un disco onde confluirán diferentes estilos e na que reivindicarán a inspiración literaria da que fan gala desde os seus inicios. Lova chegará acompañado dun videoclip que se poderá descubrir o xoves 12 de novembro ás 21.00 horas na canle de YouTube da banda.
ABDL
A banda da Loba irrompeu na escena musical galega con Bailando as rúas(2017), co que acadaron un grande éxito e deixaron claro que chegaban para quedarse, facéndose un oco grazas ao seu heteroxéneo estilo musical. Dous anos máis tarde, no 2019 presentarían Fábrica de luz e no 2021 estrearon Hasme oír, un EP dedicado a Xela Arias, sendo ambos os dous traballos finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega. Alén diso, no 2021, ABDL gañou o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. O 2022 foi o ano de Xabón Lagarta, un traballo co que estiveron xirando ata finais do 2023. A comezos do 2025 volverán aos escenarios co seu quinto álbum de estudio.
Na actualidade, ABDL está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección do documental OS ESPAZOS EN BRANCO, de BRUNO ARIAS,GAÑADORA DO PREMIO MESTRE MATEO AO MELLOR DOCUMENTAL. Continúase así co CICLO MESTRE MATEO que durante o último trimestre do presente ano 2024 bríndanos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXII PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta oitava proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o xoves 12 de decembro de 2024, ás 20:00 horas.
A formación liderada por Lucía Aldao, gañadora do último Premio Martín Códax da Música na categoría Pop e Indie, presentará na sala coruñesa o seu último traballo discográfico, que verá a luz este decembro
As entradas para a cita xa están á venda, desde esta mesma mañá, a través da plataforma web www.entradium.com
A banda PAVA, liderada por Lucía Aldao, presentará o seu terceiro EP, titulado Pava 3, nun concerto que terá lugar o domingo 5 de xaneiro, a partir das 22.00 horas, na histórica sala Mardi Gras da Coruña. As entradas para a cita, na que se poderán escoitar por primeira vez ao vivo todos os temas deste último traballo discográfico,están á venda desde esta mañá, por 13 euros, a través da plataforma web www.entradium.com
PAVA é a banda gañadora do último Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie. Liderada por Lucía Aldao, conta con Analís Guillín na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable das melodías e letras dos temas mais o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, tamén produtor da banda. O terceiro e novo álbum da formación, Pava 3 -do que xa se coñecenCatastro e O himno da lesión, publicado o pasado 29 de novembro- verá a luz este mes de decembro.
A nova creación da banda de hip hop máis emblemática do país marca o inicio dunha etapa na que DKTC ampliará o seu repertorio e percorrerá numerosos escenarios durante os vindeiros meses
O novo tema, que estará dispoñible nas principais plataformas dixitais, acompañarase dun videoclip dirixido por Xaime Miranda
Dios Ke Te Crew publicará o vindeiro venres 13 de decembro o seu novo sinxelo, Déjà Vu. Trátase do primeiro tema que a formación lanza tras o EP En que ano estamos? (2022), que contén o himno O.G., e o álbum recompilatorio Tremendos Anos 20 (2023),o disco-fanzine publicado fai agora un ano co gallo da celebración das dúas décadas de traxectoria de DKTC.
O lanzamento de Déjà Vu marca o despegue da banda nunha nova etapa, na que a mítica formación de Ordes, conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock, regresa ao estudio para ampliar o seu repertorio e ofrecer, de cara ao 2025, unha intensa e potente xira na que percorrerán ducias de escenarios.
Déjà Vu poderase escoitar nas principais plataformas dixitais a partir das 00.00 horas do venres 13. O sinxelo, que se publicará co selo Raso Estudio e distribuirá a compañía Altafonte, acompañarase dun videoclip. A peza audiovisual contará coa sinatura do realizador Xaime Miranda, quen traballa habitualmente coa formación. Desta quenda presentará un video de estética cinematográfica cunha atmósfera enigmática e atrapante, ateigado de elementos con forte carga simbólica, e que se poderá ver, tamén a partir do venres 13, na canle oficial de DKTC.
DKTC
Dios Ke Te Crew é a banda máis emblemática do hip hop galego. Desde a súa formación no 2003, o grupo conformado por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock destaca polo seu enxeño, habilidade narrativa e humor próximo á actualidade. Numerosos LP, EP e himnos para distintas xeracións dan boa conta da pegada de DKTC no rap do país.
A banda festexou as súas dúas décadas de traxectoria co lanzamento de Tremendos Anos 20, unha obra multidisciplinar en formato disco-fanzine, no que participaron máis de 40 recoñecidos artistas gráficas e musicais. No 2025, DKTC ofrecerá unha intensa xira de directos na que dará a coñecer novo repertorio e revisará os seus grandes éxitos, que se acompañarán dunha potente posta en escena creada por A.L. Crego, quen tamén asina a portada do sinxelo Déjà Vu.
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia publica as Sesións San Simón gravadas coas bandas e solistas que participaron na pasada edición
A partir do 5 de decembro, o público poderá descubrir as Sesións San Simón gravadas por Ichiko Aoba, Maestro Espada, Lapili, Fantasmage, Haya Zaatry, Clarissa Connelly, Brìghde Chaimbeul ou Sessa, entre outras figuras
As sesións, que se poderán tanto escoitar coma ver en www.sinsalaudio.es, realizáronse da man de Aleks Kolkowski e consisten no rexistro de cancións nun cilindro de cera
O festival Sinsal SON Estrella Galicia, impulsado pola promotora viguesa Sinsalaudio, dará a coñecer a partir deste xoves, 5 de decembro, as primeiras Sesións San Simón gravadas coas bandas e solistas que participaron durante a pasada edición do evento. Trátase dunha das actividades paralelas que se realizan na illa no marco do Sinsal e consiste no rexistro de cancións, ao vivo, nun cilindro de cera. A proposta, posta en marcha da man do experto Aleks Kolkowski, permite ao público viaxar a través do tempo grazas ao son: o tema, ao reproducirse, semella unha gravación de hai máis de cen anos.
Nas Sesións San Simón participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival e teñen lugar en distintos horarios e localizacións do arquipélago durante a súa celebración, sendo abertas para o público asistente. O pasado mes de xullo, figuras como a xaponesa Ichiko Aoba, os murcianos Maestro Espada, a manchega Lapili, a escocesa Brìghde Chaimbeul, a danesa Clarissa Connelly, o brasileiro Sessa, a palestina Haya Zaatry, as bandas galegas Fantasmage e Isius, as portuguesas Maria Reis e Glockenwise, ou mesmo a Orquesta Clásica de Vigo -que, tanto cun quinteto de metais coma cun de cordas, interpretaron fragmentos da zarzuela La leyenda del beso, do pontearerán Reveriano Soutullo, e que neste 2024 festexa o centenario da súa estrea-participaron desta proposta, cuxo resultado se poderá escoitar a partir deste xoves 5 na páxina web da promotora, www.sinsalaudio.es.
Neste espazo web de Sinsalaudio, o público tamén poderá ver en vídeo as sesións rodadas polo cineasta Álex Cancelo tanto desta edición coma de anteriores ocasións, e que contaron coa colaboración activa de artistas como Fillas de Cassandra, Ana Lua Caiano, Jesca Hoop, Hatis Noit, Lina & Raül Refree ou Esteban y Manuel, entre outros moitos nomes.