Achégase o outono e como todos os anos o teatro chega a Begonte da man de Castiñeiro Milenario.
Nesta décima edición programaranse tres representacións, sendo a primeira delas no Colexio Público de Begonte, un xeito de achegar aos máis cativos a cultura e o teatro, un xeito de sementar para o futuro.
O calendario de representacións e as obras do ciclo son as seguintes:
9 de setembro no Colexio Público Virxe do Corpiño de Begonte, Bátega Teatro representará o obra Diver@s.
17 de outubro ás 19 horas na Casa da Cultura, Aturuxeiros de Bravos coa obra Vaia co pronóstico.
12 de decembro ás 19 horas na Casa da Cultura, Improdutivas coa obra de improvisación Improcondria.
O programa de intercambio cultural a través das artes escénicas regresa este outono con funcións de teatro adulto e familiar en Arzúa, Foz, Lugo, Negreira, Ribadeo, Outes, Santiago de Compostela, Sarria e Vimianzo
As compañías galegas Ártika Cía, Teatro de Ningures e Teatro O Cubo actuarán en Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra
Camiño Escena Norte (CEN) presenta a súa programación de artes escénicas para o outono galego. O programa de intercambio cultural entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, que se celebrará entre o 18 de setembro e o 15 de novembro, deu a coñecer esta mañá na Praza do Obradoiro o programa e funcións de teatro que se poderá ver nun total de nove municipios galegos das provincias da Coruña e Lugo. Concretamente, as representacións do Itinerario Constelacións terán lugar en Arzúa, Foz, Lugo, Negreira, Ribadeo, Outes, Santiago de Compostela, Sarria e Vimianzo.
O público galego poderá gozar de propostas variadas que abranguen desde o teatro para adultos e familiar ata o ilusionismo inmersivo e as novas linguaxes escénicas nunha edición que, baixo o lema Latexos Escénicos, vincula o proxecto coas artes vivas, o tempo e a enerxía compartida, enfocando o amor polas artes escénicas desde a súa primeira edición.
A axenda de representacións abrirase en Foz (26 de setembro) e Sarria (27 de setembro) con Juana I de Castilla, da compañía rioxana Nueve Lunas Teatro. Unha peza que aborda con humor, música e ironía a violencia sufrida polas mulleres e a saúde mental. En Outes (10 de outubro) presentarase 52 Hercios, de Ados Teatroa (Euskadi), unha mirada coral sobre a soidade non desexada que parte dunha orixinal metáfora: o canto dunha balea que, ao emitirse a 52 hercios, queda fóra da frecuencia habitual da súa especie.
Foto de escena de 52 hercios, que se representará en Outes
Os monicreques e o teatro familiar terán o seu espazo en Negreira (16 de outubro) e Arzúa (30 de outubro) conEl gato con botas de agua, unha visión contemporánea do conto infantil que leva á escena a compañía asturiana El Callejón del Gato.
Pola súa banda, en Lugo (17 de outubro) e Santiago de Compostela (18 de outubro) poderase ver La balada del norte,a adaptación escénica da recoñecida novela gráfica de Alfonso Zapico a cargo de Saltantes Teatro (Asturias), que aborda a memoria e o conflito de clases arredor da Revolución de 1934.
En Ribadeo (25 de outubro) haberá unha dobre función de3 Elementos,un espectáculo de ilusionismo inmersivo e multisensorial apto para todos os públicos, creado pola compañía navarra Hodei. Finalmente, as funcións de CEN en Galicia pecharanse en Vimianzo o 30 de outubro coa representación de ¿Dónde están los niños?, da compañía vasca Tartean Teatroa, unha profunda dramaturxia sobre as presións que recaen na infancia e as fendas que se abren nunha sociedade excesivamente esixente.
La balada del norte poderase ver no Salón Teatro (Santiago) e no Auditorio Gustavo Freire (Lugo)
Teatro galego en Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra
Mentres o público de Galicia recibe as propostas procedentes dos demais territorios, as tres compañías seleccionadas para representar o talento galego xirarán polas distintas comunidades participantes. A representación do país virá da man de Ártika Cía con Non pasarán, de Teatro de Ningures con As gardiás, ou o nó do tecelán (Premio da Crítica de Galicia 2025) e de Teatro O Cubo coa súa produción Voo, da que se puido ver unha escena esta mañá unha na praza do Obradoiro.
As tres compañías galegas levarán as súas propostas a Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Concretamente, entre setembro e novembro, Ártika Cía actuará en Marina de Cudeyo (Cantabria), Hondarribia (Euskadi) e Corvera (Asturias); mentres que Teatro de Ningures estará en Zizur Mayor (Navarra), Unquera (Cantabria) e Villaviciosa (Asturias). Pola súa banda, Teatro O Cubo actuará en Zarautz (Euskadi), Xixón -no marco do festival Danza Xixón- e Sopela (Euskadi).
Toda a programación de Camiño Escena Norte está dispoñible para consulta na súa web oficial, espazo no que tamén se pode consultar e descargar o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, unha ferramenta que funciona como selo de calidade e de promoción e apoio ás propostas escénicas dos seis territorios participantes. O catálogo inclúe 36 espectáculos, dos cales 18 son parte do Itinerario Constelacións.
CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa). O programa mostra, desde a súa creación, parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas que abranguen teatro, monicreques, ilusionismo, danza e artes do movemento e circo contemporáneo.
Camiño Escena Norte conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Lugo; xunto ao Gobierno del Principado de Asturias, Gobierno de Cantabria e Gobierno Vasco; as deputacións forais de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa; o Gobierno de Navarra, o Gobierno de La Rioja e o Ministerio de Cultura. Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial.
FUNCIÓNS DE CAMIÑO ESCENA NORTE EN GALICIA 2026
26.09.2026, 19:30 h | Foz. Sala Bahía
Juana I de Castilla, de Nueve Lunas Teatro (A Rioxa).
27.09.2026, 20:00 h | Sarria. Casa de Cultura
Juana I de Castilla, de Nueve Lunas Teatro (A Rioxa).
10.10.2026, 20:00 h | Outes. Auditorio Casa da Cultura
52 Hercios, de Ados Teatroa (Euskadi).
16.10.2026, 19:00 h | Negreira. Auditorio Eanes do Cotón
El gato con botas de agua, de El Callejón del Gato (Asturias).
17.10.2026, 20:30 h | Lugo. Auditorio Municipal Gustavo Freire
La balada del norte, de Saltantes Teatro (Asturias).
18.10.2026, 18:00 h | Santiago de Compostela. Salón Teatro
La balada del norte, de Saltantes Teatro (Asturias).
25.10.2026, 19:30 h e 20:30 h | Ribadeo. Auditorio Hernán Naval
3 Elementos – Una experiencia mágica inmersiva 360º, de Hodei (Navarra).
30.10.2026, 18:00 h | Arzúa. Capela da Madanela
El gato con botas de agua, de El Callejón del Gato (Asturias).
30.10.2026, 20:30 h | Vimianzo. Auditorio Municipal
¿Dónde están los niños?, de Tartean Teatroa (Euskadi).
O vindeiro domingo, 13 de setembro ás 18 h., celebrarase a homenaxe popular de Antas de Ulla á bibliotecaria e dinamizadora cultural, Teresa Batán Buján, quen, ademais de ser socia do Instituto de Estudos Ulloáns, dedicou toda unha vida ao desenvolvemento cutural de Antas de Ulla.
No acto intervirán representantes do concello de Antas de Ulla, do IEU e de todas as asociacións culturais de Antas.