PALCO abre as inscricións profesionais para participar no primeiro punto de encontro da industria musical que se celebrará en Galicia

PALCO é o novo escaparate sectorial da música impulsada desde Galicia, que terá lugar do 3 ao 5 de novembro de 2026 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos de interese para o sector musical repartidos pola cidade
Este primeiro encontro da industria musical que se celebrará en Galicia, organizado por AGEM e a Xunta de Galicia, nace como un espazo creado para dar visibilidade ao talento, conectar profesionais e impulsar novas oportunidades para a música feita na nosa comunidade
Toda a información sobre PALCO e a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, pode consultarse en www.palco.gal
As inscricións profesionais, que permitirán o acceso á programación de PALCO no Museo Gaiás, con mesas de traballo, charlas e obradoiros, reunións rápidas, pitchings e encontros, así como ás actuacións da programación artística en diferentes salas de concertos de Compostela, poden realizarse desde hoxe mesmo en www.palco.gal Pola súa banda, a convocatoria de presentacións breves ou pitchings de PALCO, para participar en presentacións breves de propostas vinculadas á industria musical, favorecendo a creación de contactos, colaboracións e novas oportunidades para todos os participantes, pecha este mesmo xoves, 10 de setembro
Desde esta mañá, están xa abertas as inscricións profesionais de PALCO, o primeiro punto de encontro da industria musical que este outono se celebrará en Galicia. Estas inscricións profesionais permitirán o acceso á programación da iniciativa no Museo Centro Gaiás de Compostela, con mesas de traballo, charlas e obradoiros, reunións rápidas, pitchings e encontros, así como ás actuacións da programación artística que se desenvolverá en diferentes salas de concertos de Santiago. As inscricións poden realizarse desde hoxe mesmo na páxina web oficial www.palco.gal.
PALCO é o primeiro punto de encontro da industria musical que se celebrará en Galicia, organizado pola Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia. Terá lugar en Santiago de Compostela do 3 ao 5 de novembro e reunirá a profesionais da industria musical arredor dunha programación pensada para compartir coñecemento, descubrir proxectos, atopar novas conexións e facer que xurdan oportunidades.
Pola súa banda, a convocatoria de presentacións breves ou pitchings de PALCO, para participar en presentacións breves de propostas vinculadas á industria musical, favorecendo a creación de contactos, colaboracións e novas oportunidades para todos os participantes, pechará este mesmo xoves, 10 de setembro.
QUE É PALCO?
Este outono, Galicia conectará á industria musical co nacemento de PALCO, o primeiro –e pioneiro– encontro sectorial da música na comunidade, impulsada pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia.
PALCO celebrarase en Santiago de Compostela ao longo de tres días, do 3 ao 5 de novembro de 2026, na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos de interese repartidos pola cidade. Este punto de encontro da industria musical celebrado en Galicia nace coa idea de aportar visibilidade ao talento, aos proxectos e ao ecosistema musical galego. E, tamén, coa fin de favorecer conexións e oportunidades para a música feita en Galicia, fomentando as relacións entre artistas, empresas, programacións e institucións, así como xerando contextos útiles para a colaboración e o desenvolvemento.
PALCO quere impulsar, do mesmo xeito, a presenza da música galega, abrindo novas redes e espazos de traballo conxunto, ademais de reforzar Galicia como territorio de creación e de industria. Como apuntan desde a organización: “PALCO nace nun contexto propicio e oportuno, xa que a música galega leva anos demostrando a súa capacidade para emocionar, innovar e chegar cada vez máis lonxe. A música en Galicia vive un dos momentos máis fértiles da súa historia grazas ao talento dos seus artistas e ao traballo dunha comunidade profesional que impulsa, acompaña e fai posible que a música suceda”.
Destacan, tamén, que “Galicia conta cun ecosistema musical vivo, creativo e profesional. Un territorio cunha identidade propia, cunha rede de salas esencial para a súa actividade cultural, con festivais de referencia e con proxectos capaces de dialogar co local e co global. A Xunta de Galicia xunto a AGEM e os axentes do sector impulsan PALCO para reunir esta fértil realidade”. Deste xeito, PALCO nace como un espazo para compartir coñecemento, activar relacións profesionais, presentar proxectos e impulsar novas vías de colaboración.
Durante tres días, do 3 ao 5 de novembro 2026, Santiago de Compostela converterase no escenario onde a industria musical –principalmente a galega– conversará e se proxectará, cos obxectivos de descubrir, aprender, compartir experiencias e construír futuro. Toda a información da iniciativa pode consultarse n páxina web oficial www.palco.gal.
EQUIPO ORGANIZADOR DE PALCO
PALCO é un proxecto codeseñado no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, impulsado por AGEM –entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo– e a Xunta de Galicia. Nace da vontade compartida de reforzar a conexión, a vertebración e a proxección do sector. A súa creación responde a unha das principais conclusións extraídas durante o proceso de elaboración do plan: a necesidade de contar con espazos compartidos, útiles e sostibles, pensados desde dentro da propia industria e ao servizo das súas necesidades reais.
SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)
A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.
AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.
Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia. Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade.
O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.
2026.09.10.-NP-PALCO-AGEM-inscricions-profesionais_GAL
