A Casa-Museo Manuel María organiza unha CAMIÑADA POR MARTUL

A Casa-Museo Manuel María organiza para este domingo, día 27 de setembro, unha nova andaina. Será pola parroquia de Martul (Outeiro de Rei).
Cunha distancia de 5 km e unha duración aproximada de tres horas, a camiñada será dinamizada por Orlando Viveiro (divulgador cultural) e ten unha dificultade baixa.
Durante o percurso poderemos ver o monumento funerario da Pena Dereita, construción megalítica que olla o devalar da existencia desde o fondo dos tempos; o asentamento castrexo das Penas do Castro, con aquela serpe mítica acubillada no imaxinario colectivo; o complexo hidráulico conformado polo Muíño do Eusebio xunto cos restos do Batán situados no regato Cal de Rei, afluente do Ladra; a Casa Grande de Cartel, arrodeada de pombal e de capela, escoitando o xorrar cantareiro da fonte que subministra auga a este núcleo de poboación; e elementos da arquitectura popular, propios do noso patrimonio cultural, nomeadamente a Igrexa de Martul, con detalles románicos de interese. Camiños e historias para gozarmos deste outono incipiente.
A saída será da Casa-Museo, ás 9.30 hrs, para achegar todos en grupo, en automóbeis particulares, ao inicio do itinerario.
As persoas que desexen asistir (actividade gratuíta), sinalar que é necesario anotarse no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621






