Proxección da longametraxe AS LIÑAS DESCONTINUAS, de Anxos Fazáns, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe AS LIÑAS DESCONTINUAS, de Anxos Fazáns, continuando deste xeito co CICLO MESTRE MATEO-2026 que durante os próximos meses brindaranos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIV PREMIOS MESTRE MATEO.

Esta QUINTA proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o domingo 27 de setembro de 2026, ás 20:00h.A entrada é de balde, pero haberá que facer a correspondente reserva de localidade en entradasvilalba.es.

NOTA-linas-discontinuas

O artista Jandross Rodíguez inicia a súa RESIDENCIA PARAÍSO 2026 na Casa da Cultura de Vimianzo

Desde este luns 21 de setembro e até o sábado 3 de outubro, no marco das Residencias Paraíso 2026, impulsadas polo Colectivo RPM, o bailarín e creador galego traballará na súa proposta Suksen, que parte dunha curiosidade arredor da fetichización do imaxinario popular de velar e manter loito

Unha vez finalizada a súa residencia, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Casa da Cultura de Vimianzo, o sábado, 3 de outubro, ás 20.00 horas, con acceso libre 

Paralelamente, o artista ven de participar, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que tivo lugar a pasada fin de semana, os días 18, 19 e 20 de setembro, na Illa de San Simón, en Redondela

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O artista Jandross Rodríguez continúa este luns, 21 de setembro, en Vimianzo, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. A Casa da Cultura de Vimianzo acollerá até o sábado 3 de outubro, a residencia artística do do bailarín e creador galego, en torno á súa proposta que ten por título Suksen. O proxecto parte dunha curiosidade arredor da fetichización do imaxinario popular de velar e manter loito: que sucedería se, desde o cuir, abordásemos o morrer?

Unha vez finalizada a súa residencia artística, Jandross Rodríguez ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Casa da Cultura de Vimianzo, o sábado 3 de outubro, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, o creador gozou dunha primeira fase da súa residencia artística a principios de setembro en Narón e ven de participar, ademais, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que tivo lugar a pasada fin de semana, os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

SOBRE O PROXECTO

Suksen parte dunha curiosidade arredor da fetichización do imaxinario popular de velar e manter loito. Que sucedería se, desde o cuir, abordásemos o morrer? Como voltar á intimidade e á pausa que existe nesta catarse? Que hai no cuir, como práctica, que pode axudar a reimaxinar esta tradición e os seus coidados?

Suksen explora dende o corpo unha fisicalidade límite, situándose no limbo que separa a escuridade íntima do amencer ruidoso. Traballa coa capacidade residual, inmanente a un corpo canso que segue a moverse para sobrevivir, para que o escoiten, para que o acompañen.

SOBRE O ARTISTA 

Alejandro Rodríguez, coñecido artisticamente como Jandross (Vilagarcía de Arousa, 2000), é un bailarín e creador galego cuxo traballo se sitúa na intersección entre a práctica escénica, a investigación académica e a xestión cultural. Formado inicialmente en hip hop e teatro musical, desde o ano 2018 centra a súa linguaxe artística no waacking, participando activamente na comunidade nacional e internacional deste estilo e consolidando a súa formación con grandes referentes en diversos eventos e cursos internacionais ao longo dos últimos sete anos. Exerce como docente e codirector da formación profesional de danza urbana PikaYMika en A Coruña, e como mestre rotatorio na formación da asociación Waacking Spain. 

Como intérprete, a súa carreira profesional iniciouse en 2018, destacando a súa participación no musical Cats e en diversos proxectos audiovisuais para artistas emerxentes. Nos últimos tres anos, mantén unha estreita colaboración co artista Mondra, formando parte como bailarín da súa actual xira ‘De Ronda’. Movido por unha forte vocación cara á creación, Jandross lidera o proxecto A Noite do Cuco, unha obra en proceso na que reflexiona sobre o duelo e as tradicións asociadas no presente, sentando as bases da súa identidade escénica.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado polo Colectivo RPM ––entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia––, co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas. 

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto.

Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc. 

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.

Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM seleccionou a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’. 

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. 

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

2026.09.21.-NP-Residencia-Paraiso-Jandross-Rodriguez