
A banda de rock publica hoxe nas principais plataformas dixitais o seu sexto álbum, que se poderá escoitar ao vivo en Vigo (30 de outubro) e Santiago de Compostela (31 de outubro)
O cuarteto de Barcelos propón unha nova viaxe polo art-pop, na que parten do conflito da Guerra do Caulino para reflexionar sobre o futuro
Os portugueses Glockenwise publican hoxe en todas as plataformas dixitais o seu novo traballo discográfico, Vale tudo para chegar a algum lado. O sexto LP da banda leva o selo Vida Vã -a súa propia discográfica- e achega un novo capítulo da viaxe do colectivo polo art-pop, que se poderá escoitar en directo en Galicia os días 30 e 31 de outubro.
Após o avance dos sinxelos Vai dar e Guerra do Caulino, o punto de partida do álbum, o cuarteto portugués, unha das bandas máis destacadas da escena rock lusa, dá a coñecer este mércores os demais temas que compoñen o traballo. Así o presenta o propio grupo:
“Os nosos nacementos son contemporáneos á Guerra do Caulino, un conflito de intereses arredor dos terreos de explotación deste mineral e que envolveu, a través de protestas, os veciños de Barqueiros, en Barcelos. Esta coincidencia non ten en si unha particular relevancia, mais para nós é un marcador cronolóxico cuxo significado ten matices que só se van revelando co paso do tempo.
No caso do caolín, a forza do seu significado -levantamentos populares, aperturas de telexornais, declaracións solemnes de eminentes políticos- foise diluíndo co tempo. O futuro, pola súa banda, empeñouse en pospoñer a súa chegada: as súas tensións, as súas promesas, os mañás que se queren empezar agora, con toda a forza e contra a forza de todos, están en todas partes.
Con este taboleiro, as pezas insisten en ser as mesmas e o futuro non ten devir. Condenados a vivir nunha sala de espera, queremos indagar sobre o futuro, sobre as expectativas colectivas e sobre a capacidade -ou impotencia- de cadaquen na súa formación. Cuestionar cales son os futuros hipotecados, os futuros que ansiamos e despois desdeñamos, os futuros que nos din inevitables e os futuros estancados. Queremos saber se somos o que no pasado proxectamos para o futuro, ou o que aínda estamos a tempo de intentar ser.
No presente no que todo vale para chegar a algunha parte, queremos falar das sospeitas de que non chegaremos a ningún lado”.
Presentación en Galicia
Os de Barcelos, ademais, dan a coñecer nesta xornada as primeiras datas do tour de presentación en directo do álbum tanto en España coma en Portugal. Ás dúas citas anunciadas no Theatro Circo de Braga (10 de outubro) e Culturgest de Lisboa (16 de decembro), únense os concertos que ofrecerán en Vigo (La Fábrica de Chocolate, 30 de outubro) e Santiago de Compostela (Riquela Club, 31 de outubro). Deste xeito, o cuarteto regresa a Galicia após tocar en citas como o Festival Sinsal SON Estrella Galicia ou Osa do Mar. Nos directos galegos, cuxas entradas xa están á venda, o cuarteto acompañarase de Guilherme Zapata.

Vale tudo para chegar a algum lado
1. Vale tudo para chegar a algum lado
2. Guerra do Caulino
3. Lua
4. Janela
5. Azar
6. Vai dar
7. Colina alta
8. Tudo o que eu posso
9. Intenção
Ficha técnica:
Música por Glockenwise
Letras por Nuno Rodrigues
Producido por Glockenwise
Gravado e misturado por Cláudio Tavares
Masterizado por Jaime Gomez Arellano (Orgone Studios)
Artes gráficas por Ana Resende Studio
Coas colaboracións de Carolina Rodrigues, Gil Amado, Jorge “Cientista” Carvalho, Pedro Alves Sousa, Mafalda Matos, Pedro Augusto e Sérgio de Bastos
Glockenwise son Cláudio Tavares, Nuno Rodrigues, Rafael Ferreira e Rui Fiusa
Glockenwise
Glockenwise é unha banda de Barcelos composta por Nuno Rodrigues (voz e guitarras), Rafael Ferreira (guitarras), Rui Fiusa (baixo) e Cláudio Tavares (batería). Nos seus quince anos de traxectoria, actuaron nos principais festivais e salas do seu país, pero tamén en grandes citas europeas. Teñen, ata a data, cinco discos editados: Building Waves (2011), Leeches (2013), Heat (2015), Plástico (2018) e Gótico Português (2023).
