
Camiño Escena Norte leva Juana I de Castilla, da rioxana Nueve Lunas Teatro, a Foz e Sarria esta fin de semana
O sábado 26 a cita será ás 19.30h na Sala Bahía de Foz, mentres que o domingo 27 será na Casa da Cultura de Sarria
Ao rematar a representación, a compañía rioxana participará nun encontro posfunción co público asistente
A programación do Itinerario Constelacións do programa de intercambio cultural Camiño Escena Norte (CEN) inicia mañá o seu percorrido por Galicia. A compañía rioxana Nueve Lunas Teatro presentará esta fin de semana a obra Juana I de Castilla na Mariña e na comarca de Sarria. A peza, dirixida a todos os públicos a partir de 8 anos e cunha duración de 55 minutos, aborda a figura histórica de Juana I desde unha perspectiva actual, combinando humor, música e ironía para tratar diferentes cuestións. Nas dúas citas, ao rematar, haberá encontro posfunción co elenco.
Sinopse Juana I de Castilla
Dúas mulleres reais postas ao servizo da ficción: Juana, herdeira lexítima do trono dos Reis Católicos, e María Lara, doutora investigadora contemporánea. Un diálogo atemporal, un vínculo máxico ou talvez non tanto. Poderían ser amigas que se atopan onde non pasa o tempo ou, incluso, a mesma persoa.
Entrelázanse en escena dous momentos da historia, deixando ao descuberto circunstancias que non cambiaron a pesar dos séculos que as separan. As dúbidas, o medo, a presión social, as mentiras, a ambición… Máis coñecida como a Tola, Juana resultou ser unha das monarcas máis cordas e preparadas para gobernar de toda a historia. E se non estaba tola?
Nueve Lunas Teatro
Nueve Lunas Teatro é unha compañía da Rioxa liderada por Idoia Salguero, profesional escénica desde 2013, produtora e creadora de proxectos propios que combina a lixeireza formal con temas sociais. Un teatro íntimo e transformador que procura a conexión directa co público, apostando pola proximidade e a participación como motores da escena. As súas propostas son accesibles, de moito valor humano, cunha mirada comprometida e sensible. Crea espazos de reflexión e xera sinerxías co territorio, fortalecendo a escena rioxana. Caracterízase por un teatro contemporáneo e conmovedor. Nueve Lunas remite aos ciclos da xestación; cada creación é un proceso vivo que atravesa distintas fases, desde a primeira intuición ata o seu nacemento escénico.
Camiño Escena Norte
CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa). O programa mostra, desde a súa creación, parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas que abranguen teatro, monicreques, ilusionismo, danza e artes do movemento e circo contemporáneo.
Camiño Escena Norte conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Lugo; xunto ao Gobierno del Principado de Asturias, Gobierno de Cantabria e Gobierno Vasco; as deputacións forais de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa; o Gobierno de Navarra, o Gobierno de La Rioja e o Ministerio de Cultura. Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial.
AXENDA CAMIÑO ESCENA NORTE | 26 E 27 DE SETEMBRO
26.09.2026, 19:30 h | Foz. Sala Bahía
Juana I de Castilla, de Nueve Lunas Teatro (A Rioxa)
Entrada · 5€ (venda en billeteira)
Encontro posfunción co público
27.09.2026, 20:00 h | Sarria. Casa de Cultura
Juana I de Castilla, de Nueve Lunas Teatro (A Rioxa)
Entrada de balde (retirada de convites en cultura@sarria.gal)
Encontro posfunción co público