A mostra itinerante amosarase por primeira vez este 4 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e acompañará ao espectáculo no seu posterior percorrido para divulgar o legado do mestre da escena galega
Coincidindo coa estrea de A velada de Londres o vindeiro 4 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, a compañía ButacaZero ofrecerá ao público algo máis ca unha función teatral: unha experiencia completa e un percorrido pola memoria de quen foi unha das grandes figuras da escena galega, Manuel Lourenzo (1943-2025). Trátase dunha exposición itinerante de seis paneis que se instalará no vestíbulo do teatro antes da función e que acompañará á montaxe na súa posterior traxectoria.
Deseñada baixo o título ‘Manuel Lourenzo. A pegada que continúa’, a mostra foi concibida polo director Xavier Castiñeira coa colaboración de Paco Oti, Inma López Silva, Ana Abad de Larriva, Gloria Rico e o fondo bibliográfico da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor da Universidade da Coruña.
Esta exposición non pretende ser un percorrido histórico exhaustivo pola vida e a obra de Manuel Lourenzo, senón unha homenaxe construída desde a emoción e o afecto do propio Castiñeira polo seu mestre. Máis que explicar a súa traxectoria, a exposición quere celebrar a súa presenza e manter vivo o seu legado.
Un prolífico arquivo: máis de 300 obras e a obsesión por Drácula
A exposición amosa a dimensión colosal dun creador que facía do teatro unha urxencia vital desde que regresou de Alemaña en 1965 para “alumear unha Galicia gris”. Entre os datos e documentos que rescata a mostra destaca a singular disciplina de Lourenzo: un autor que escribiu máis de 300 pezas teatrais (reunidas en sete volumes) regresando puntualmente cada día ás súas obras porque escribir formaba parte da súa maneira de estar no mundo.
Do ‘Pensar co corpo’ ao referente popular
A mostra abarca tamén as múltiples vidas de Manuel Lourenzo: desde a súa faceta como impulsor e fundador de espazos clave para a cultura galega (O Facho, Teatro Circo, a Escola Dramática Galega, a compañía Luís Seoane ou Casahamlet) ata a súa labor pedagóxica, teorizada no seu célebre manual de interpretación Pensar co corpo (2000). O percorrido repasa ademais o seu traballo como tradutor ao galego dos grandes clásicos (Esquilo, Shakespeare, Brecht, Beckett) e a súa conexión co gran público a través de personaxes icónicos na televisión como Melgacho (Mareas Vivas) ou Terito (Fariña).
“Seis paneis apenas poden suxerir a dimensión dunha vida dedicada ao teatro. Esta exposición non pretende contalo todo, só abrir unha pequena fiestra a un home que nos ensinou a mirar e entender a escena como vida compartida”, sinala o director Xavier Castiñeira. “Porque un mestre non permanece só no que ensinou, permanece no que outros son capables de facer grazas a el”.
A exposición poderase visitar de xeito gratuíto no vestíbulo do Teatro Rosalía Castro da Coruña o vindeiro 4 de setembro, coincidindo coa estrea da peza, marcando o punto de partida dun itinerario que levará este tributo a Manuel Lourenzo polos diferentes espazos onde se presente o espectáculo.
A Velada de Londres. Equipo: Xurxo Cortázar, Xavier Castiñeira, Beatriz de Vega, Carlos Pinilla (arriba), Esperanza Mara e Sophia Rodal sentadas
SINOPSE A VELADA DE LONDRES
A elección de A velada de Londres ten tamén unha razón profundamente vinculada á historia da propia obra: en 1999, Xavier Castiñeira foi axudante de dirección de Manuel Lourenzo na súa posta en escena. Case tres décadas despois, Castiñeira retoma aquel texto desde a súa propia mirada e a súa concepción do teatro.
A Velada de Londres mergúllanos na súa visión sobre o universo de Drácula, unha das súas obsesións creativas. Nela imaxina unha escena tras o primeiro capítulo da novela de Bram Stocker, cando Jonathan Harker coñece ao Conde en Transilvania. No retorno a Londres xunto á súa muller Mina, Jonathan revive obsesivamente aquela experiencia, e a súa relación esborrállase entre o desexo, o medo e a fascinación.
A presenza en escena de Esperanza Mara, chelista e soprano, farán que o público poida disfrutar dunha velada teatral, pero tamén musical.
A representación completarase cunha pequena exposición dedicada á vida, obra e legado de Manuel Lourenzo. Un convite a descubrir e celebrar a memoria dun creador que deixou unha pegada imborrable no teatro galego.
ButacaZero
ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.
SOBRE A VELADA DE LONDRES, DE BUTACAZERO
Estrea absoluta: 4 de setembro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía Castro (A Coruña).
Dirección: Xavier Castiñeira.
Reparto: Xurxo Cortázar, Sophia Rodal, Teo Piñeiro, Esperanza Mara (soprano e chelista).
Banda sonora orixinal: Iago Hermo.
Deseño de luz: Violeta Martínez.
Espazo escénico: Beatriz de Vega.
Figurinista: Carlos Pinilla.
Produción e distribución: ButacaZero.
Produción en xira: Rubén Capelán.
Axudante de dirección: Nuria Montero.
Deseño gráfico e prensa: Coma Comunicación Creativa.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe ANTES DE NÓS, de Ángeles Huerta, continuando deste xeito co CICLO MESTRE MATEO-2026 que durante os próximos meses brindaranos a oportunidade de poder desfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIV PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta terceira proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o xoves 3 de setembro de 2026, ás 20:00 horas.
Desde este luns 17 e até o xoves 27 de agosto, no marco das Residencias Paraíso 2026, impulsadas polo Colectivo RPM, Blanca Gómez Terán traballará na súa proposta Como cuando el pelo se eriza
Mentres, Óscar Bueno fará o propio co seu proxecto La excitación del paisaje: conferencia montañera
Unha vez finalizadas as súas residencias, ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar o xoves, 27 de agosto, ás 20.00h, no mesmo vello Cárcere de Lugo, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo
Paralelamente, a artista e o creador e intérprete participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
A artista Blanca Gómez Terán e o creador e intérprete Óscar Bueno inician este luns, 17 de agosto, en Lugo, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. Deste xeito, o Vello Cárcere da cidade amurallada acolle, até o xoves, 27 de agosto, estas dúas novas residencias artísticas de RPM en 2026, en torno ás propostas Como cuando el pelo se eriza, de Blanca Gómez Terán, e La excitación del paisaje: conferencia montañera, de Óscar Bueno.
Unha vez finalizadas as súas residencias artísticas, os creadores ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Vello Cárcere de Lugo, o xoves, 27 de agosto, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, Blanca e Óscar participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.
SOBRE OS PROXECTOS
Como cuando el pelo se eriza
Este proxecto parte dunha incoherencia: unha desgarrada carencia de desexo e unha necesidade de facer o que me dea a gana. De aí nace unha investigación coreográfica obsesionada co capricho. Capriccio do italiano: combinación de caput (cabeza) e ericius (ourizo). As primeiras semánticas do termo aparecen no século XIII, onde se refería á sensación dun tremor súbito, como cando o pelo se ouriza de espanto. Durante o Barroco temperán, o significado evolucionou cara a «antojo repentino». Neste mesmo marco temporal, o termo comeza tamén a designar un tipo de formas artísticas, un xénero musical, pictórico e arquitectónico.
Como cuando el pelo se eriza é un proxecto coreográfico ao que lle interesa xogar e afondar nunha constelación semántica que deriva deste tremor súbito: o desexo, a clase e o tempo. Un corpo impaciente que habita unha relación cunha ausencia, unha potencia de algo que aínda non está, non é e que, tal vez, nunca sexa. Esa potencia especulativa paréceme extremadamente erótica e quero incorporala a través de “tal vez” bailes e de “tal vez” cantares.
La excitación del paisaje: conferencia montañera
La excitación del paisaje é un proxecto de investigación artística desde o que me propoño a paisaxe non como algo dado, senón como unha relación: a que se establece entre quen mira e aquilo que é mirado. Nese cruzamento, a paisaxe aparece como un campo de preguntas sobre a nosa relación co contorno.
Corpo, imaxe e son actívanse como ferramentas para desprazar esa relación e ensaiar outras formas de vincularnos co contorno. Non se trata só de mirar, senón de preguntarse que ocorre nese acto, que tipo de presenza produce e como pode transformarse.
Este proxecto nace do proceso de investigación La excitación del paisaje: La roca blanda, realizado nos Pireneos entre finais de 2025 e comezos de 2026. Trátase da Paisaxe nº4 e céntrase nas paisaxes que construímos coas montañas. Fronte á súa escala e á súa aparente inmobilidade, a rocha —dura, pesada— proponse como materia sensible: algo que pode escoitarse, rodearse, imaxinarse e incluso trasladarse. Tamén suavizarse: alterar o seu peso, desprazar a súa escala, abrila a outras percepcións. Mirala desde outros puntos de vista e achegala ao corpo.
O proxecto despregase en distintos formatos —encontros, materiais visuais e sonoros e un dispositivo escénico— e, nesta ocasión, toma a forma dunha conferencia expandida: un espazo onde a montaña tenta desbordarse, abrandarse e contarse.
SOBRE AS ARTISTAS
Blanca Gómez Terán nace nun tórrido mes de xullo de 1990, no barrio de Prosperidade de Madrid antes da súa xentrificación, baixo un sol en Cáncer e un ascendente Xemelgos que contrarresta o melodrama canceriano. Vive entre Madrid e Gießen, onde está a finalizar o Máster en Coreografía e Performance na Justus Liebig Universität de Gießen, Alemaña. Este xullo, ademais, formou parte do programa DanceWEB no marco do festival Impulstanz.
Con formación en Arquitectura, o seu traballo móvese entre as artes vivas e visuais, abordando a coreografía como un medio de investigación perceptiva e política. Paralelamente á súa formación como arquitecta, recibiu formación en danza contemporánea e noutras disciplinas das artes en vivo. Viviu en Brasil durante case dous anos e realizou a primeira edición do PACAP (2017), no Forum Dança de Lisboa, onde desenvolveu o seu primeiro solo peça um.
Móvea unha paixón visceral pola danza e a coreografía, así como pola necesidade política de pensar a través do corpo. Gústanlle a maxia, o escuro, bailar, os sons e o descoñecido. Ademais, desenvolve unha práctica profesional vinculada ao deseño gráfico e editorial, realizando identidades gráficas para diversos artistas, comisarios e proxectos culturais.
No seu percorrido nas artes en vivo desenvolveu traballos propios e en colaboración en espazos como La Poderosa (BCN), La Caldera (BCN), Bombom Projects (BCN), Espaço Alkantara (Lisboa), Pradillo (MAD), La Casa Encendida (MAD), CA2M (MAD), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MAD), Mousonturm e Frankfurt Lab, entre outros.
En ocasións fai cartas astrais.
Óscar Bueno (1985, Avilés, Asturias) é licenciado en Arte Dramático pola ESAD de Asturias na especialidade de Interpretación Textual, titulado en Grao Profesional de Música con especialización en Piano e máster en Práctica Escénica e Cultura Visual pola Universidade de Castilla-La Mancha e o Museo Reina Sofía (Madrid).
A súa práctica móvese de maneira constante entre o performativo, o musical e o visual, de forma máis ou menos intencional. Defínese como creador e intérprete, pero tamén traballa acompañando procesos doutros artistas.
Para desenvolver a súa práctica, xera marcos de traballo o suficientemente amplos como para afondar en distintas preguntas desde múltiples puntos de vista. O primeiro gran marco desde o que traballou titúlase Sonidación (o acto de xerar son mentalmente). Dentro deste espazo de investigación desenvolveu as pezas Soundtrack (2017), Amarillo Chillón (2017), Estudios para sonidación 1 (2020), Estudios para sonidación 2 (2021) e Estudios para sonidación 3 (2022).
O segundo gran marco de traballo, no que actualmente se atopa inmerso, titúlase La excitación del paisaje. Nel regresa ao son e propón como, desde a música, a imaxe e a performatividade, é posible reflexionar sobre as nosas relacións coa natureza. Dentro deste marco desenvolveu as pezas Apoyatura (2023), estreada no festival TNT; Vientos (2023), estreada no festival Supernova do Centro Conde Duque; Río (2025), estreada no festival Bosque Real; e La roca blanda (2025 – 2026), en residencia co CDAN.
Desenvolveu tamén diversos proxectos colaborativos e educativos, como os Talleres Sinfónicos para Familias no CA2M e La Casa Encendida (xunto coa artista Itxaso Corral), así como distintos laboratorios de creación sonora e musical en colaboración con institucións como Graner, o Museo Thyssen Málaga ou o MACBA, entre outros.
Realizou residencias artísticas en centros como Graner, La Casa Encendida, Casa Wabi (Oaxaca), o Centro Cultural de España en México e as Residencias Paraíso, e colabora habitualmente con artistas como Cris Blanco, Cuqui Jerez, María Jerez ou Anto Rodríguez.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado polo Colectivo RPM ––entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia––, co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto.
Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.
Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM seleccionou a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.