VI Magosto Cal da Loba*

O vindeiro 24 de outubro a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Caldaloba e Culturalia GZ, organiza o VI Magosto Cal da Loba.

No marco desa celebración anual levarase a cabo o recoñecemento de dúas mulleres cunha traxectoria vital e profesional salientable: Elena Ferro e Isabel Carracedo Lozano. A primeira que fará de Pregoeira desta edición do magosto cultural da parroquia de Pino (Cospeito). Mentres que a segunda recibirá o Título honorífico Constanza de Castro.

Pregoeira: Elena Ferro

Zoqueira e artesá galega, Elena Ferro pertence a unha familia dedicada á elaboración de zocos desde 1915. Desde o seu obradoiro Eferro, en Merza, soubo manter viva esta tradición e, ao mesmo tempo, renovala e achegala ás novas xeracións. O seu traballo foi recoñecido co Premio Nacional de Artesanía 2019, pola súa traxectoria e pola innovación aplicada a este oficio tradicional.

Título Honorífico: Isabel Carracedo Lozano

Isabel Carracedo é, para moitos veciños e veciñas, moito máis ca unha farmacéutica. Toda unha vida detrás do mostrador da botica, atendendo, escoitando e acompañando a xeracións de familias. Unha persoa coñecida e querida no lugar, exemplo dese comercio de proximidade que forma parte da vida e da memoria dos nosos pobos.

Dúas mulleres, dúas traxectorias e dous xeitos de manter viva a nosa identidade: a través dos oficios, da tradición, da dedicación e das persoas que fan comunidade.

E a esas dúas actividades sumaranse outras* que completarán unha xornada cultural de celebración do VI Magosto Cal da Loba, e das que se informará nunha nova publicación.

**Información recollida da Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino.