
- A Área de Cultura da Deputación da Coruña reuniu este sábado representantes de diferentes iniciativas recoñecidas nas edicións de 2025 e 2026 dos Premios de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social.
- O encontro permitiu compartir experiencias e necesidades, favorecer novas relacións entre os proxectos e recoller propostas para seguir mellorando o apoio público a iniciativas culturais con impacto social.
A cultura como ferramenta para recuperar a memoria, facer máis accesible o patrimonio, reforzar os vínculos comunitarios, favorecer a inclusión ou reflexionar sobre cuestións como a vivenda, a identidade e a relación coa contorna. Son algunhas das perspectivas que se atoparon este sábado na Sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña, nunha xornada que reuniu representantes dos proxectos recoñecidos nas edicións de 2025 e 2026 dos Premios de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social.
Ao longo do día, 20 persoas en representación de 13 iniciativas compartiron experiencias e aprendizaxes desde ámbitos e linguaxes moi diversos. Participaron no encontro ComunitArte: comunicación, comunidade e arte, de María Victoria Teijeiro Álvarez; Pata de elefante: Alta costura, de Elefante Elegante; Martinete: maquetas accesibles do patrimonio industrial galego, de Despunte Diseño e Ingeniería; Miña casiña, meu lar, de Laboratorio Escénico Coop.; A Rede do Mar: memoria mariñeira e saberes do mar, de AAntena; CLIC. Programa de mediación cultural sobre o fin prematura da infancia, de Culturactiva; e Proxecto RUPESTRE SONORO, de aCentral Folque e Noente Paradise.
Completaron a participación Somos os monstros, de Berrobambán; ALCUMES, de A Furna S. Coop. Galega Xuvenil; Cámara Escura: Caderno de petróglifos da Coruña, de Martela Films; O noso pasar: A nosa fantasía, o videoxogo sobre o turismo de Melgo Cinema; Vidas de vidro: videolibro de memoria e resiliencia LGTBI e guía de boas prácticas para a terceira idade, de Promove Consultoría e Formación; e Soños analóxicos, de Sinsal Audio. En conxunto, as propostas abordan cuestións vinculadas á memoria e ao patrimonio, a inclusión e a accesibilidade, a creación e mediación cultural, os vínculos comunitarios ou a transmisión de saberes, entre outras realidades.
A diversidade de aproximacións permitiu poñer en común maneiras diferentes de entender a cultura non só como creación ou acceso aos bens culturais, senón tamén como espazo de participación, transmisión de coñecemento, construción de comunidade e mellora da vida das persoas.
Escoitar para seguir avanzando
A xornada tivo tamén unha importante dimensión de escoita. A través de diferentes dinámicas de traballo, as persoas participantes compartiron dificultades, necesidades e aprendizaxes e abordaron cuestións relacionadas coa sustentabilidade dos proxectos, o seu impacto social e as posibilidades de colaboración entre iniciativas.
Entre os principais retos compartidos durante o encontro apareceron cuestións como a continuidade dos proxectos máis alá das convocatorias, a capacidade para consolidar e ampliar o seu impacto e a necesidade de fortalecer as redes de colaboración entre iniciativas e axentes culturais. As persoas participantes coincidiron especialmente na importancia de contar con ferramentas e espazos de acompañamento que favorezan a continuidade, o intercambio de coñecemento e a conexión entre proxectos, unha das cuestións que a Área de Cultura recollerá para orientar futuras accións de apoio e acompañamento.
A posta en común permitiu tamén detectar puntos de encontro entre iniciativas que traballan desde disciplinas, contextos e metodoloxías diferentes, e abriu a posibilidade de explorar novas colaboracións, intercambiar recursos e coñecementos e dar continuidade aos vínculos xerados durante a xornada. Un resultado que reforza un dos obxectivos do encontro: que os Premios sirvan tamén para conectar iniciativas que, desde ámbitos distintos, comparten unha mesma vontade de incidencia social a través da cultura.
As achegas recollidas servirán á Área de Cultura da Deputación da Coruña para incorporar aprendizaxes ás próximas edicións dos Premios e identificar ferramentas, apoios ou posibles liñas de traballo que contribúan á continuidade e ao impacto destas iniciativas.
“Estes proxectos permítennos coñecer de primeira man como a cultura está respondendo a necesidades moi diferentes nas nosas comunidades. Para a Deputación é fundamental escoitar a quen os impulsa, entender con que dificultades se atopan e incorporar ese coñecemento ás políticas culturais. Queremos que os Premios sexan un punto de partida para seguir acompañando estas iniciativas, favorecer a súa continuidade e crear condicións para que poidan chegar máis lonxe”, sinala Xavier Campos, asesor cultural da Deputación da Coruña.
Con esta xornada, a Deputación dá un novo paso no percorrido iniciado coas dúas primeiras edicións dos Premios de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social: do recoñecemento e apoio ás iniciativas á creación dun espazo no que compartir coñecemento, establecer vínculos e escoitar as necesidades dun ecosistema cultural que traballa desde a proximidade para mellorar a vida das persoas e das comunidades.
Máis imaxes dispoñibles aquí.
Sobre A Cultura é un Dereito
A acción cultural da Deputación da Coruña.
Cultura, cooperación e territorio. A política cultural da Deputación da Coruña desenvólvese ao redor destes elementos, a partir dos cales procuramos axudar a construír unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial.
Cremos na cultura como ferramenta para a mellora social. E apostamos por traballar, para a conseguir, cos diferentes axentes e actores culturais da nosa sociedade. Cooperamos cos concellos, as entidades e as e os artistas desde o local, desde a proximidade.
Acreditamos firmemente en que a cultura é un dereito. Que alimenta, que nos fai o que somos. O espazo das ideas e dos valores, que non pode reducirse a ornamento. Por iso traballamos. Cultura en todos os concellos, cultura con todas as persoas.
Máis información en aculturaeundereito.gal.
NP_ACEUD_Xornada26S