• O Parque de Belvís acollerá o sábado 31 de maio esta festa ecléctica con concertos, actividades infantís e zona gastronómica que se estenderá entre a unha da tarde e as doce da noite.
  • As bandas galegas De Ninghures, Tona e Ulex comparten cartel coas francesas Alvilda, os italianos The Peawees e o proxecto gaditano Yeli Yeli. 
  • As crianzas terán espazo e programación propia durante o día con propostas coma Uxía Lambona e a Banda Molona e Xogos Miudiño.


Unha xornada de músicas diversas, actividades para todos os públicos e oferta gastronómica variada. Así se resume esta primeira edición da ‘Romaría das Flores’, unha nova cita popular no parque de Belvís que recolle parte do espírito da querida ‘Romaría pop’ cando se cumpriron xa dez anos da súa última edición.

A Romaría das Flores será o escenario no que se presenten en concerto Tona. Esta nova banda fai ‘música da ribeira’, sons populares que se reinventan nunha formación de acordeón, trikititxa, batería, baixo e a voz inconfundible de Miguel Cernadas (Terbutalina) que actuarán no Parque de Belvís nas primeiras horas xusto despois doutro dos grupos que veñen de renovar o panorama musical galego, Ulex. Os composteláns presentan primeiro disco, ‘Lonxe de ti’. Rock atolondrado – como din eles – con aires cumbieiros e letras que poden ser a banda sonora da mocidade galega. 

A tarde traerá dúas propostas que revisan as súas tradicións con novas sonoridades. Por unha banda chegan dende Cádiz a Compostela Yeli, Yeli, o proxecto do cantaor Álvaro Romero mestura a electrónica con batería en directo, a tradición do flamenco co kuduro. Pola outra unha das bandas referentes da nova potente e rica escena actual en Galicia, De Ninghures, traerán ao parque de Belvís a frescura da súa ‘Feira’, novo disco e espectáculo que están a presentar esta primavera. 

Xa á tardiña o power pop das francesas Alvilda sorprenderá coa mestura de melodías luminosas, guitarras punk e un particular toque yeyé. Poránnos a bailar xusto antes de que o cuarteto italiano The Peawess peche os concertos da Romaría das Flores co seu garaxe rock e os seus vinte anos de traxectoria que os converten nunha das bandas de referencia do seu estilo na escena europea. A festa rematará cando erga a agulla do último vinilo do día a picadiscos Wanda Buluba.

Ao par dos concertos o Parque de Belvís contará tamén durante a xornada cun espazo de lecer para crianzas dinamizado por Xogos Miudiño e cun concerto despois do xantar de Uxía Lambona e a Banda Molona.


A ‘Romaría das Flores’ está organizada polo Concello de Santiago, coa produción de Tremendo Audiovisual, co patrocinio principal de Deleite e co apoio de Estrella Galicia, Bodegas Lodeiros e Paco & Lola.