Espectáculo “Xa chegou a Apalpadora!” na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza o evento XA CHEGOU A APALPADORA!, un espectáculo infantil para gozar en familia, a cargo do grupo VELAÍSCA.

O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, o venres 27 de decembro de 2024, ás 17:00 horas.

NOTA-INFORMATIVA-A-APALPADORA

Teatro do Noroeste achega a estrea do seu novo espectáculo, ‘Guerra’, ao Teatro Principal de Compostela os días 17 e 18 de xaneiro

Ao máis puro estilo shakespeariano, Eduardo Alonso firma e dirixe unha traxedia aderezada de comedia e ironía para entreter concienciando

O espectáculo está protagonizado por Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez, con música de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e produción de Eva Alonso

Compostela Cultura dedícalle un dos seus tres focos temáticos deste 2025 á lonxeva compañía galega Teatro do Noroeste, non só coa estrea de ‘Guerra’, senón tamén coa representación de ‘Gloria Nacional’ o sábado 24 de maio 

As entradas para ambos espectáculos están xa dispoñibles en Compostela Cultura: https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/guerra 


Teatro do Noroeste desembarca coa estrea absoluta do seu novo espectáculo, Guerra, no Teatro Principal de Santiago de Compostela o venres 17 e o sábado 18 de xaneiro, ás 20.30h. A obra, escrita e dirixida por Eduardo Alonso, será a peza encargada de abrir a programación de artes escénicas de Compostela Cultura do primeiro semestre de 2025. Trala representación do sábado 18, o público poderá gozar cunha conversa postfunción co equipo artístico de Teatro do Noroeste. 

Nun edificio teatral totalmente destruído por un bombardeo dunha guerra desatada no mesmo corazón de Europa comezan a aparecer as personaxes das obras do Teatro Universal que nel foran representadas ao longo do tempo, todas elas encarnadas en dous actores e catro actrices. Tal é a premisa de Guerra, onde as innumerables referencias ás guerras no teatro europeo, desde Shakespeare até Lorca, enchen a escena de evocadoras secuencias de caos e destrución. O espectáculo está protagonizado por Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez, con música de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso  e produción de Eva Alonso.

FOCO TEATRO DO NOROESTE

Compostela Cultura dedícalle un dos seus tres focos temáticos deste 2025 á lonxeva compañía galega Teatro do Noroeste, non só coa estrea de ‘Guerra’, senón tamén coa representación de ‘Gloria Nacional’ o sábado 24 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. As entradas para ambos espectáculos están xa dispoñibles en Compostela Cultura: https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/guerra

SOBRE O ESPECTÁCULO

“A guerra é a expresión cruel do fracaso total, por iso nunha é unha solución, senón o máis grande dos erros”. 

Ao máis puro estilo shakespeariano, Guerra é unha traxedia aderezada de comedia e ironía para dulcificar as arestas tráxicas. Teatro do Noroeste amosa unha realidade actual a través dunha alegoría eterna e substancial. En palabras do dramaturgo e director Eduardo Alonso: 

Guerra é un espectáculo que trata sobre a guerra, sobre todas as guerras, as pasadas, as presentes e as futuras, as guerras das nacións e os pobos, as guerras das tribos e as guerras das persoas, dos seres humanos, as guerras exteriores pero tamén as internas. Mais a peza toma esta “guerra” de xeito teatral, como as guerras das obras de Shakespeare, ou de Bertolt Brecht, ou Lope de Vega, ou Calderón, ou as carlistas de Valle Inclán, ou as imaxinadas escenicamente por Lorca”.

E continúa: “o teatro debe tratar tamén os temas que atinxen á realidade e, nestes momentos, as guerras reais, crueis, ilóxicas e desoladoras sempre, nos rodean e mesmo se instalan no corazón de Europa. O ser humano ten que reflexionar sobre isto e o teatro é a mellor palestra para facelo. Desde logo que debe entreter, pero tamén concienciar, desde a maior humildade, pero, tamén, desde a ambición máis saudable. E iso é o que pretende esta obra: entreter concienciando”.

SOBRE A COMPAÑÍA

Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 35 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos. Entre estas pezas se poden salientar desde textos clásicos, como Rei LearMacbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; até textos máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camús; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros.  

NP_Teatro-do-Noroeste-GUERRA

‘Pava 3’, o terceiro disco de PAVA, xa está dispoñible

  • Desde hoxe, 19 de decembro, é posible escoitar ‘Pava 3’ nas principais plataformas dixitais e adquirilo a través do Bandcamp do grupo
  • O lanzamento coincide coa presentación do videoclip do tema ‘Unha cadela chamada Por Favor’ que conta coa colaboración de Gloria Pavía
  • O concerto de presentación oficial de ‘Pava 3’ será o vindeiro 5 de xaneiro na sala Mardi Gras da Coruña e as entradas xa están á venda en www.entradium.com


Xa é posible escoitar Pava 3, o terceiro EP de PAVA, a banda liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao. Desde hoxe, 19 de decembro, Pava 3, un exercicio de pop luminoso, está dispoñible nas principais plataformas dixitais e é posible adquirilo a través do Bandcamp de PAVA. O lanzamento coincide coa estrea do videoclip realizado por Antón & Martiño para o tema Unha cadela chamada ‘Por Favor’, unha balada con ritmo envolvente na que destaca a colaboración de Gloria Pavía.

No novo traballo discográfico da formación seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos: letras coidadas e melodías exquisitas atravesadas por cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua. PAVA é agora máis poliédrica, unha banda onde Lucía Aldao exerce de frontwoman, e iso reflíctese tamén na súa música, máis sólida e sofisticada. 

Pava 3 está composto por cinco temas sendo o primeiro deles Catastro, unha peza enérxica onde a guitarra convida a cantar, bailar e buscar, entre versos e apps, algo de paz. Ou algo tan sinxelo e esquivo como sentirse ben. 

O segundo, O himno da lesión, é unha canción en modo supervivencia, unha oda á capacidade de seguir en pé con humor malia todas as tristezas. Podería ser un tema terrible pero a procesión vai por dentro —ou neste caso, por detrás da canción— e a ringleira de dores muta nun retrouso que é un berro. O himno da lesión puido ser un laído pero é un tema definitivamente animoso, con chiscadela verbal incluída.    

Segue a continuación Tremendamente coquetas, que se podería describir tamén como un himno pero desta volta para un planazo o un festón de benvida para todas aquelas que desexen unirse o selecto club da letra Q. Un chamamento alegre ás lesbianas e bisexuais debutantes.

O cuarto tema é o xa mencionado Unha cadela chamada ‘Por Favor’ e o peche deste álbum chega con Catastriño, unha versión case espida do tema Catastro gravada –literalmente- nunha adega baixo terra e achegándose ao xeito íntimo de compoñer de Lucía Aldao: guitarra e voz.

5 de xaneiro: Noite de Raíñas Pavas

concerto de presentación de Pava 3 terá lugar na Mardi Gras o domingo 5 de xaneiro. A partir das 22.00 horas, a mítica sala de concertos coruñesa acollerá unha “Noite de Raíñas Pavas” alternativa, disidente pero non por iso menos máxica, á marcada polo calendario. As entradas para a cita xa están dispoñibles, por 13 €, na plataforma web www.entradium.com

Ademais, Pava 3 acompañarase un merchandising moi especial: unha edición de 200 carpetas que incluirán un código de descarga dos temas do EP, as letras impresas en follas recendentes e un póster despregable coa portada de Pava 3, na que Lucía Aldao é protagonista. A elección destes obxectos non é casual e operan como unha metáfora das carpetas que non se forraron e mais os pósters que non se colgaron en tantas adolescencias noventeras. 

Biografía de PAVA

PAVA é unha banda de pop liderada por Lucía Aldao, que conta con Analís na batería, David Santosno baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable das melodías e letras dos temas mais o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, tamén produtor da banda. Ao fronte da masterización atópase Álvaro Gallego.

PAVA é o resultado da evolución de Pava (2021), o primeiro EP de Lucía Aldao, e de Pava 2 (2022), unha segunda incursión que puxo de manifesto a necesidade dunha banda para consolidar o proxecto e ocupar un espazo baleiro no pop galego e en galego. Da boa acollida da proposta dan fe o segundo premio NARF no 2023 e mais o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie no 2024. Este mes de decembro PAVA lanza o seu terceiro EP, Pava 3

Escoita Pava 3: https://pava.bandcamp.com/album/pava-3

Videoclip de Unha cadela chamada ‘Por Favor’: https://youtu.be/q5zwEv5W3G4

Concerto de presentación de Pava 3
5 de xaneiro 2025 | 22.00 h | Sala Mardi Gras (A Coruña)
Tickets 13 € | https://entradium.com/events/concerto-presentacion-pava-3

PAVA en Bandcamp | https://pava.bandcamp.com/music

20241219-NP-Pava-3-de-PAVA-xa-esta-disponible

Dossier-prensa-PAVA-3-GAL

O Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025

Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva

A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic 

Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos

Así, no Atlantic Pride 2025 non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración dun Certame Literario de Literatura LGTBI+, que en 2024 rexistrou o seu récord de participación

En 2024, o festival reuniu a máis de 25.000 persoas durante oito xornadas de concertos, da man de figuras como Vengaboys, Chanel, Nebulossa, Nena Daconte, Raúl, Rosa López, Las Ketchup, Shego, Luna Ki, Morreo, Supremme de Luxe, Mondra, Sila Lúa, Lontreira, Amoebo e máis dunha trintena de bandas e artistas de referencia


O Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na cidade herculina no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.

Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos.

Así, no Atlantic Pride 2025 non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración dun Certame Literario de Literatura LGTBI+, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación.

En 2024, o festival reuniu a máis de 25.000 persoas durante oito xornadas de concertos, da man de figuras como Vengaboys, Chanel, Nebulossa, Nena Daconte, Raúl, Rosa López, Las Ketchup, Shego, Luna Ki, Morreo, Supremme de Luxe, Mondra, Sila Lúa, Lontreira, Amoebo e máis dunha trintena de bandas e artistas de referencia.



SOBRE O ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’

Impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- coa colaboración do Concello da Coruña, Atlantic Pride nace no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. 

20241217-NP-fechas-Atlantic-Pride-2025

Nova Galega de Danza desembarca na Coruña en xaneiro cunha antoloxía que reúne tres das súas pezas máis recentes e celebradas

A compañía, baixo a dirección artística de Jaime Pablo Díaz, bota o pano da celebración do seu 20 aniversario iniciada a finais de 2023- cun fito único na cidade herculina: o Teatro Colón acollerá tres noites seguidas, do 17 ao 19 de xaneiro de 2025, ás 20.00h, as pezas de danza LeiraBerro e Dique 

As entradas para a iniciativa, que é posible grazas a colaboración da Deputación da Coruña, son de balde  ata completar a capacidade da sala, coa retirada previa dos convites para cada un dos tres espectáculos a través da plataforma online Ataquilla desde este xoves, 19 de decembro, ás 12.00 h    


A compañía Nova Galega de Danza, baixo a dirección artística de Jaime Pablo Díaz, desembarca na Coruña este mes de xaneiro para presentar no Teatro Colón un fito único: unha antoloxía con tres das súas pezas máis celebradas e recentes: LeiraBerro e Dique. Nesta ‘Antoloxía de Nova Galega de Danza’, a muller toma centro do escenario nunha viaxe a través da terra, a raíz, a memoria, a tradición, a resiliencia, o empoderamento e a fortaleza. Serán tres noites máxicas nunha mesma fin de semana na cidade herculina que, de seguro, pasarán a formar parte da historia da danza na cidade. Con esta iniciativa, que é posible grazas á colaboración da Deputación da Coruña, a compañía botará o pano da celebración do seu 20 aniversario, iniciada a finais de 2023.

As entradas para a iniciativa son de balde  ata completar a capacidade da sala, coa retirada previa dos convites para cada un dos tres espectáculos a través da plataforma Ataquilla desde este xoves, 19 de decembro, ás 12.00h.


SOBRE OS ESPECTÁCULOS DA ‘ANTOLOXÍA DE NGD NA CORUÑA’

Leira

Venres 17 de xaneiro, 20.00h

O corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que nos transporta á dura beleza dos labores do campo. A muller no centro desta conexión telúrica. Día e noite, xornada tras xornada, repetida nunha sucesión inesgotable de estacións. O sol e a choiva, o vento xeado, crúas paisaxes de intemperie, habitadas unicamente por unha coreografía humana de apeiro de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os surcos arados na terra. Pero Leira é tamén a sinxela alegría do traballo feito coas mans, coa valentía do corpo a corpo; é a celebración dunha Galicia intemporal e máxica. O espectáculo foi galardoado co Premio Max ao mellor intérprete masculino de danza -Iván Villar- en 2021, na XXIV edición dos premios, onde foi tamén finalista como mellor espectáculo de danza.

Berro

Sábado 18 de xaneiro, 20.00h

Berro representa o baleiro que supón ser individuos sós e illados nunha sociedade sen memoria, que debe procurar o movemento que lle lembre o seu pasado. Nunha viaxe que conecta os estados emocionais, a peza amosa a importancia de recuperar esa esencia ancestral -a tradición, a terra, a raíz, a familia e a casa- a través da experiencia colectiva, sentindo a transformación na expresión do corpo.

Dique

Domingo 19 de xaneiro, 20.00h

Dique nace do desexo do director artístico de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, de recuperar unha historia esquecida. É un espectáculo arredor da memoria local, con raíces no Ferrol natal de Nova Galega de Danza. Unha creación de homenaxe e de reflexión actual a partir da historia. Unha peza universal que fusiona o baile tradicional e a linguaxe contemporánea, característica que desde sempre forma parte da identidade da compañía.

Poucas persoas saben que a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX en España foi escavada por mulleres. Entre 1874 e 1879 executouse a construción do Dique da Campá de Ferrol. Alí, un total de 200 mulleres retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas -58.000 cada unha delas-. Eran “as estibadoras”. E, polo mesmo traballo, cobraban menos ca os homes.

No 150 aniversario do inicio da súa construción, Nova Galega de Danza convidou á directora de escena Marta Pazos a realizar a súa homenaxe a aquela xesta. Dique pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente. Un xogo de cores, texturas e contrastes sobe á escena para ofrecer un desafío visual único. A peza explora os límites da forza mentres o telúrico se apodera da escena. En Dique hai resistencia e esforzo, pero afloran, tamén, a delicadeza e o  lixeiro.

SOBRE NOVA GALEGA DE DANZA

Nova Galega de Danza fusiona en vivo danza e música de raíz galega. Bebe da tradición e da vangarda cunha vocación universal, abrindo unha liña de traballo única ao redor da danza en Galicia. Unha liña que é quen de se aproximar á tradición desde unha ollada contemporánea que lle permite transcender a vivencia tradicional do folclore e darlle un novo sentir. Nos seus xa máis de 20 anos de traxectoria, baixo a dirección de Jaime Pablo Díaz, produciu once espectáculos: Dique (2024), Berro (2023), Credo (2022), Galicia Camiña (2022), Leira (2020), Son (2016), Dez (2013), Ser e Terra (2010), Tradición (2008), Engado (2006) e Alento (2003).

Entre os galardóns recibidos por NGD destacan o Premio da Cultura Galega en 2021, a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol en 2021, o Premio Max 2021 ao mellor intérprete masculino de danza para Iván Villar, o Premio do Público nas edicións de 2020 e 2016 da MIT de Ribadavia, o Premio da Crítica de Galicia no apartado de Ciencias e Artes da Representación en 2009, o 2º Premio no I Certame de Creación Coreográfica de Galicia en 2003 e o 4º Premio na I Maratón de Danza de Madrid en 2002.

FUNCIÓNS ‘ANTOLOXÍA NOVA GALEGA DE DANZA NA CORUÑA’

Leira | Venres 17 de xaneiro | Teatro Colón | 20.00 horas 

Berro | Sábado 18 de xaneiro | Teatro Colón | 20.00 horas

Dique | Domingo 19 de xaneiro | Teatro Colón | 20.00 horas

RETIRADA DE CONVITES EN: ataquilla.com

Desde o xoves, 19 de xaneiro, ás 12.00h

20241216-NP-Antoloxia-NGD