O Festival Sinsal SON Estrella Galicia celebrarase os días 25, 26 e 27 de xullo na Illa de San Simón

O evento cultural, cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca no arquipélago, volverá ofrecer unha pequena mostra da creación contemporánea mais estimulante do momento

A programación musical do venres 25, ao coincidir cunha xornada festiva, estenderase ao longo de todo o díaO Sinsal, recoñecido por tercer ano consecutivo como o festival de música máis destacado de Galicia polos profesionais da cultura

Sinsal SON Estrella Galicia, un dos encontros sonoros máis singulares do panomara musical estatal, celebrará a súa nova edición os días 25, 26 e 27 de xullo na illa de San Simón (Redondela). O evento cultural, cuxo cartel é secreto para o público ata que este desembarca no arquipélago de San Simón e Santo Antón, volverá ofrecer unha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento a través da participación de numerosas bandas e solistas chegadas de diversas rexións de todo o mundo. Como novidade, ao coindir a xornada festiva do 25 en venres, este ano a actividade estenderase ao longo de todo o día, no lugar de ser unicamente en horario de tarde.

Sinsal SON Estrella Galicia, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas, Xunta de Galicia e SON Estrella Galicia, é unha iniciativa cultural que naceu para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén abriu o espazo para acoller a numerosas para creadoras e creadores do ámbito internacional: en cada edición, é habitual poder coñecer propostas de estilos moi diversos e de formacións de diferentes países de Europa, África Asia ou América. Todos os anos os abonos e as entradas esgótanse axiña.

A súa programación musical acompáñase, ademais, de numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia, a memoria e o patrimonio cultural e natural de San Simón – como os roteiros Descubre San Simón, Illario Pantasma e Andaina con Amarturmar– ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, como a activación da nova liña #SinsalSenRastro, a iniciativa para transformar o modelo de xestión de residuos; -e que no 2024 supuxo a redución nun 30% do volume dos mesmos-; ou mesmo da recuperación e posta en valor dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas recollidas na nomeada Escola Sinsal.

Sinsal, o festival de música mellor valorado en Galicia

O ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea vén de sinalar no seu informe ‘Lo mejor de la cultura 2024’ ao Festival Sinsal como a proposta musical máis destacada do país por terceiro ano consecutivo, ademais de manter -tamén desde 2022- o posto como segunda iniciativa cultural mellor valorada polos profesionais do sector en Galicia. Desde a dirección do festival, esta nova é acollida con gratitude e agradecemento ás compañeiras e compañeiros da cultura por ter presente a Sinsal -un evento modesto e limitado a 800 persoas ao día- nas súas valoracións. 

A nivel estatal, na clasificación das iniciativas culturais mellor valoradas polo seu compromiso social e desenvolvemento sostible, Sinsal tamén sube de novo por tercer ano consecutivo e se sitúa no 6º posto, unha mención que referenda o compromiso que o Festival Sinsal mantén cos ODS e o impacto positivo, e que no 2024 reforzou coa posta en marcha da iniciativa #SinsalSenRastro

Os recoñecementos chegan tamén nos Iberian Festival Awards, os premios da industria dos festivais de España e Portugal, un evento no que o Festival Sinsal SON Estrella Galicia é finalista nas categorías Mellor Programa Cultural, Contribución á igualdade -galardón que se lle outorgou no 2023-, Mellor Aloxamento e recepción e Mellor Promoción Turística. O 15 de marzo daranse a coñecer os gañadores nunha gala.


Máis informaciónhttps://festival.sins.al/gl

20250210-NP-Sinsal-2025-

Camiño Escena Norte abre o prazo de inscrición para participar na súa sétima edición

CEN 2024 Ibuprofeno Teatro con Deadpan Karaoke en Alsasua © Daniel Fernández 4

Camiño Escena Norte abre o prazo de inscrición para participar na súa sétima edición, que terá lugar do 12 de setembro ao 26 de outubro 

O programa de intercambio cultural estenderase neste 2025 ata un sexto territorio da Península Ibérica: A Rioxa

As compañías de artes escénicas galegas que desexen presentar os seus espectáculos para xirar polos escenarios de Asturias, Cantabria, Euskadi,  Navarra e A Rioxa poderán achegar as súas propostas desde hoxe mesmo e ata o 21 de febreiro a través do espazo web www.escenanorte.com


Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural por medio das artes escénicas que conecta a produción de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, celebrará a súa sétima edición do 12 de setembro ao 26 de outubro de 2025. A nova tempada deste proxecto, que abrangue entre outras iniciativas unha programación itinerante de espectáculos de teatro, danza e artes do movemento e novo circo, chega ademais cunha importante novidade a nivel territorial coa incorporación d’A Rioxa.

Hoxe mesmo Camiño Escena Norte abre o prazo de inscrición para que as compañías presenten as súas candidaturas para ser parte da sétima edición do proxecto a través do seu eixe central: o Itinerario Constelacións, unha programación que ofrece varias funcións de cada peza polos distintos territorios que conforman o programa cultural. As propostas pódense presentar ata o vindeiro 21 de febreiro a través da páxina web do CEN, www.escenanorte.com.

Tal e como se expón na propia web de Camiño Escena Norte, os criterios de selección dos espectáculos -a través de comisións territoriais con 5 persoas expertas por comunidade- estarán baseados na calidade, diversidade de linguaxes e estéticas e valor cultural dos mesmos, pois CEN nace precisamente coa intención de mostrar o mellor das artes escénicas de cada un dos territorios que conforman o proxecto.

Un total de 30 expertas en artes escénicas traballarán de xeito colexiado. Nun proceso transparente e garantista, cada experta realizará unha selección previa para, despois, en común, realizar unha clasificación conxunta da que sairán tanto os 18 espectáculos (3 por territorio) que formarán parte do Itinerario Constelacións, como os 36 (6 por comunidade) que formarán o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camino Escena Norte. Este documento é unha ferramenta que, desde 2023, serve de promoción e apoio ás profesionais das artes escénicas para favorecer a distribución das súas creacións en todo o territorio estatal, alén do propio ámbito do CEN.

Logo dunha edición de resistencia, Camiño Escena Norte regresa con forza grazas á incorporación de A Rioxa. Trátase do sexto territorio que conforma o programa, nado no 2019 coa intención de visualizar, difundir e distribuír as artes escénicas profesionais galegas, asturianas, cántabras, vascas e narravas alén das súas fronteiras. Así, a asociación AESCENA e o Goberno da Rioxa súmanse a unha iniciativa da que xa forman parte as asociacións profesionais Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE, Eskena e ESNA, ademais de gobernos autonómicos, provinciais e forais.En Galicia, Camiño Escena Norte conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Agadic.

Ademais do Itinerario Constelacións, Camiño Escena Norte desenvolve toda unha inxente actividade paralela a través do Camiño Expandido. É o caso do citado Catálogo de Espectáculos Recomendados Camino Escena Norte, así como do evento profesional Habitación Peregrina PRO, os encontros das compañías co público e outras iniciativas que se darán a coñecer nas semanas previas ao inicio da sétima edición.


Para máis información: www.escenanorte.com

Inscricións: https://escenanorte.com/gl/inscricion-espectaculos-2025/

20250210-NP-Camino-Escena-Norte-2025

A Sala Garufa Club acollerá o concerto de presentación do novo disco de Amoebo, ‘Escándalo no escuro’

A Sala Garufa Club acollerá o concerto de presentación do novo disco de Amoebo, Escándalo no escuro, que verá a luz o 7 de marzo

As e os amantes da boa vibra xa poden marcar en vermello o venres 14 de marzo no seu calendario: a partir das 22.00h, Amoebo promete un directo de alta voltaxe e moito baile para presentar na Coruña os temas do seu novo traballo discográfico

As entradas para o directo, que contará cun convidado moi especial, French Riviera, están xa dispoñibles a través da plataforma Entradium:

https://entradium.com/events/amoebo-presentacion-escandalo-no-escuro-sala-garufa

Provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor… Escándalo no escuro será un dobre álbum con 14 novas cancións, das que xa se coñecen os sinxelos Lobishomes e Unha foto e nas que Amoebo explora os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros 

Unha das propostas máis destacadas e deshinibidas da escena emerxente galega xa ten data para presentar ao vivo o seu próximo traballo discográfico: a Sala Garufa Club da Coruña acollerá a posta de largo de Escándalo no escuro, o novo disco de Amoebo, que verá a luz o vindeiro 7 de marzo. 

As e os amantes da boa vibra xa poden marcar en vermello o venres 14 de marzo no seu calendario: a partir das 22.00h, Amoebo promete un directo de alta voltaxe e moito baile para presentar este ambicioso dobre álbum, con 14 novas cancións que chegarán a golpe de provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor, e das que xa se coñecen os sinxelos Lobishomes e Unha foto. En Escándalo no escuro, Amoebo explora os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros.

As entradas para o directo, que contará cun convidado moi especial, French Riviera, e moitas outras sorpresas, están xa dispoñibles a través da plataforma Entradium:

https://entradium.com/events/amoebo-presentacion-escandalo-no-escuro-sala-garufa

ESCÁNDALO NO ESCURO, UN DOBRE ÁLBUM QUE DARÁ QUE FALAR NESTE 2025

Amoebo xa o adiantou: “En 2025 faremos un dobre álbum no que convivirá a dualidade de dous estilos que a primeira vista poden parecer contrarios”. Este dobre LP verá a luz o venres 7 de marzo e promete non deixar indiferente a ninguén. O título, Escándalo no escuro, é un preludio da temática que veremos: polémica, provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. Pero este título non só lle dá voz ás letras do disco, senón que a escuridade verase reflectida nuns sons máis agresivos, mantendo, tamén, a mestura de estilos que sempre caracterizou ao proxecto: música urbana que se alimenta de ritmos latinos e do idol pop de culto dos 80 aos 2000.

O novo LP estará conformado por dúas caras (A e B), con seis temas e dous skits cada unha. Na cara A predominarán os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, tomando como referentes a divas como Madonna, Britney Spears, Dua Lipa ou Bad Gyal. A cara B estará tinguida de sons máis rockeiros, nos que se percibe o pasado metaleiro dos artistas: as guitarras e os baixos érguense como protagonistas absolutos, cun fondo urbano e actual,  para conformar unha mestura enérxica, agresiva e festiva.           

AMOEBO, UNHA BANDA EMERXENTE SEN TAPUXOS

Amoebo estableceuse como unha das propostas máis destacadas da escena musical emerxente galega. Co seu primeiro LP Cada vez mellor, producido por David Fernández, o artista consolidou un son que combina pop-funk e electrónica con influencias urbanas. A súa música, cargada de ironía e desinhibición, aborda temas de amor non romántico, liberdade de expresión e celebración da vida.

O verán de 2024 veu cargado de traballo para Amoebo, quen presentou o seu show en  escenarios galegos de referencia como O Son do Camiño, o Atlantic Pride, o Festival de la Luz, o Atardecer no Gaiás ou o Surfing the Lérez. Tamén apareceu en recoñecidos estudios de televisión, como o mítico Luar, da TVG; o primeiro programa drag en galego, Raíña-me, da plataforma dixital A Galega; ou no Especial Fin de  Ano da TVG, onde compartiu cun público entregado o seu sinxelo SQ.

Amoebo foi unha das bandas seleccionadas para formar parte da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paideia. Nela traballou con profesionais da industria galega como Patricia Hermida, Juan de Dios, Xaime Miranda, NONONON Lab ou The Office Comunicación. Esta aprendizaxe sobre o sector axudou a levar o proxecto ao seguinte nivel, para preparar o lanzamento do seu ambicioso e agardado novo álbum, Escándalo no escuro, neste 2025. 

20250206-NP-Amoebo-GARUFA

Charla-exposición: “As máscaras de Entroido”, a cargo de Xosé Manuel Seixas, na Casa da Cultura de Begonte

O sábado 22 de febreiro a partir das 19 horas na Casa da Cultura de Begonte, a A. C. Castiñeiro Milenario, en colaboración co Concello de Begonte, organiza a charla-exposición As máscaras de Entroido, a cargo de Xosé Manuel Seixas, experto no mundo do Entroido e das súas máscaras.

Velaquí unha breve descrición do que será este acto nas propias palabras do autor:

“O conxunto de máscaras das que falarei son, maioritariamente, do Entroido, aínda que hai algunha do ciclo das mascaradas de inverno fóra do tempo do Entroido. Non son unha colección nin foron feitas para expoñer ou  vender. Representan un estudo sobre o Entroido, a celebración máis importante e rica do ano, unha complexísima festividade ritual imposible de abarcar na súa totalidade e na que eu quixen traballar desde un dos seus numerosos aspectos: o da máscara. En total son 25 pezas de diferentes lugares, estéticas e materiais, na que as diferentes persoas que as realizan na actualidade con máis,  menos ou ningunha variación das facían quen as precederon, amósannos como representan e ven as aldeas, pobos ou vilas, iso que está pasando en miles de lugares de Europa, e fóra de Europa ao mesmo tempo. É un mesmo cadro pintado de xeito diferente, a maxia de como unha pequena aldea é quen de engrandecer o puzzle da diversidade e da riqueza cultural da Humanidade durante os momentos de crise no ciclo do ano no que o ser humano precisa realizar os correspondentes rituais que aseguren que esa roda siga xirando para que volte a luz, a vida, a fertilidade da terra. E aí, a aldea máis afastada de Galicia cóllese da man das súas irmás, por moi lonxe que estean fisicamente, para vencer con rituais, traxes ou máscaras, tan similares e tan diferentes ao mesmo tempo, ao inverno, ao frío, á escuridade e espertar á Natureza. Este é o traballo de 26 anos visitando artesáns, para aprender a facelas máscaras, e intentar entendelas. Están feitas algunhas, nas súas casas, outras, no meu taller, tras traer comigo eses coñecementos transmitidos a eles/as e agora a min cunha xenerosidade emocionante. Xente, case nunca profesional, que traballa de xeito altruísta para que esas máscaras sigan presentes no ritual. Noutros casos son técnicas aprendidas de artesáns, que inda que non teñan vinculación directa co Entroido, aprendéronme a traballar nas técnicas que precisaba. Resumindo, o que aquí hoxe imos ver é o que aprendín de moita, moitísima xente boa e xenerosa coa que gocei moito escoitando as súas historias e á que lle debo todo o que sei do suceso máis marabilloso do mundo. O Entroido.

De Ninghures publicará este venres 7 ‘En fin, que máis dá’, o último avance de ‘Feira’

  • O novo sinxelo, que estará dispoñible desde as 00.00h do día 7 nas principais plataformas dixitais, é un tema producido por Juan de Dios Martín que conta coa participación de Xoel López como guitarrista
  • ‘En fin, que máis dá’ é unha sorte de canto á vida e á amizade, “unha viaxe para gozar” e que se inspira no Tishoumaren (Desert Blues) e no pobo Tuareg
  • O grupo vendeu en menos dunha semana máis do 50% das entradas dispoñibles para o concerto de presentación de ‘Feira’ na Sala Capitol, que terá lugar o 13 de marzo

“Unha viaxe para cantar e gozar”. Así define De Ninghures o seu novo tema, En fin, que máis dá, peza que se estreará este venres 7 de febreiro ás 00.00h nas principais plataformas dixitais e que supón o cuarto e último avance de Feirao LP que o grupo dará a coñecer ao vivo nun concerto moi especial, ateigado de artistas convidadas, o 13 de marzo na Sala Capitol de Santiago de Compostela.

En fin, que máis dá, producido por Juan de Dios Martín e que conta co artista coruñés Xoel López nas guitarras, é un canto á amizade e á vida que se inspira tanto no Tishoumaren (tamén coñecido como Desert Blues) e no pobo nómada Tuareg como nunha muiñeira de Florencio López. Así, desta quenda, e nunha nova volta ao concepto da revisión da tradición desde a contemporaneidade, o grupo captura nunha peza o espírito do compañeirismo, a imaxe das estradas e dos camiños interminables, ou mesmo maxia do instante. Ideas que, dalgún xeito, tamén se incorporarán á creación audiovisual dirixida por Lorenzo Negueruela e que o público poderá ver o mesmo venres 7 na canle de Youtube do grupo.

De Ninghures propón un tema que, entre a ledicia e a melancolía, fía unha ruta na que as voces se mesturan entre harmonías envolventes. A música flúe para xerar unha atmósfera cálida e poderosa; mentres que as guitarras, tanto as gravadas por Xoel López como pola banda, dialogan coa esencia da percusión tradicional galega, o clarinete, o violín e a gaita. E deste xeito cunha lírica asinada pola formación, En fin, que máis dá ergue enerxicamente o  espírito e os coros, cheos de forza e complicidade, convidan a cantar en comuñón. 

En fin, que máis dá é o cuarto e derradeiro avance de Feira, o novo traballo discográfico da formación e que o publico poderá descubrir -á vez que saca puntos raros- ao vivo na Sala Capitol o 13 de marzo. Alí, canda numerosas artistas convidadas, a formación dará a coñecer os temas dunha Feira que, ademais de nomear o traballo, impregna todo o universo simbólico do álbum e dos directos. Desde que se activou a venda de entradas o pasado xoves 30 de xaneiro, en menos dunha semana o grupo vendeu máis do 50% dos billetes dispoñibles (15 euros máis gastos de xestión) a través de  www.salacapitol.com.

De Ninghures

De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. 

En 2022 publicaron Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois – coma o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar, ou a enérxica muiñeira de montaña Poço-, no primeiro trimestre deste 2025 presentarán traballo novo, do que xa se coñecen Corazón Alionado,  A BurriñaeO Último Baile

20250205-NP-De-Ninghures-En-fin-que-mais-da