
Remata o Ciclo de Cine dedicado á música tradicional en homenaxe ás Cantareiras das Letras Galegas 2025, que organiza a asociación Castiñeiro Milenario, coa proxección da película LÉVAME A IDEA dirixida por Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso.
O documental trata temas tan fundamentais como a invisibilidade e infravaloración das músicas e cantares das mulleres desde unha perspectiva feminista e galeguista. Tamén se afonda no pouso da violencia presente nas letras tradicionais, na remuda xeracional e no machismo “que segue pesando sobre os grupos de pandeireteiras e cantareiras actuais”. Ademais, ponse en cuestión a posibilidade de que a música tradicional funcione como porta de entrada ao galego, “unha lingua fundamental para a nosa cultura”. Neste senso, o documental tamén sitúa o foco no impacto da represión franquista sobre a música de tradición oral feita por mulleres en Galicia, un capítulo escuro da nosa historia que é preciso lembrar e analizar.
A proxección, de balde ata completar aforo, será na Casa da Cultura de Begonte o sábado 21 de xuño ás 19:30 horas.