
- O ilustrador Leandro Lamas dálles forma aos contidos de Manuel Gago neste ‘Mapa de seres máxicos do Reino de Galicia’ que convida a explorar a riqueza da nosa sociedade tradicional
- A publicación recolle 34 de seres míticos, tanto figuras espalladas por toda Galicia como outras vinculadas a espazos locais que son menos coñecidas
- O mapa poñerase á venda nas funcións do Festival Atlántica en Santiago de Compostela pero tamén será posible adquirilo por correo
O Mapa de seres máxicos do Reino de Galicia é unha realidade grazas ao Festival Atlántica. Esta celebración da diversidade do imaxinario tradicional galego materialízase no papel grazas ao traballo conxunto de Manuel Gago e Leandro Lamas, responsables dos contidos e das ilustracións, respectivamente. O mapa estará á venda nas funcións do Festival Atlántica en Santiago de Compostela pero calquera persoa interesada poderá adquirilo a través da web festivalatlantica.gal.
Alarbios, urcos, maruxainas, lobishomes, xigantes, xacias, trasnos…, ata completaren unha escolma de trinta e catro personaxes fantásticos, aparecen representados nesta publicación que homenaxea o primeiro mapa do reino de Galicia elaborado por Hernando de Oxea a principios do século XVII.
O mapa inspírase tamén nos cartelóns dos cegos das feiras que, apoiados nas ilustracións, cantaban os seus romances. De feito, chega acompañado dun folleto que explica a historia de cada un dos seres para facilitar o seu uso como soporte para a narración do noso imaxinario tradicional e a exploración do noso territorio nestes novos tempos.
Moitos dos personaxes están asociados ás localidades ou comarcas nas que se recolleron os mitos e outros pertencen ao acervo común de Galicia. O mapa reivindica a riqueza de figuras míticas da tradición oral galega e aposta pola diversidade da súa representación e mais pola recuperación de figuras de noso hoxe desaparecidas da memoria e coñecidas grazas á documentación da Idade Moderna e do século XIX.
OS AUTORES
Manuel Gago é xornalista, escritor e comisario de exposicións. Dirixe culturagalega.gal, a plataforma de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, e é profesor de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Ten unha ampla traxectoria como divulgador do patrimonio cultural galego.
Leandro Lamas é un dos ilustradores máis coñecidos de Galicia. Cunha traxectoria iniciada a finais dos 90, aborda a pintura e ilustración en cadros, libros, portadas de discos ou murais. O seu singular estilo convérteo nun dos artistas cun estilo máis significativo e querido á hora de representar unha Galicia soñada.
VÍDEO | https://youtu.be/ro3ArOxKgus
MAPA DE SERES MÁXICOS DO REINO DE GALICIA | Edición Especial Atlántica 400 unidades | Medidas : 50×70 cm | Prezo de lanzamento: 25 €
Á venda nas funcións do Festival Atlántica en Santiago de Compostela.
Para envíos a outros puntos, consultar no correo festivalatlantica@gmail.com
FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
Manuel-Gago-presenta-o-Mapa-de-seres-máxicos-do-Reino-de-Galicia-Parte-1
Manuel-Gago-presenta-o-Mapa-de-seres-máxicos-do-Reino-de-Galicia-Parte-2